domingo, 29 de novembro de 2015

NEIRA VILAS




Por Pura Tejelo
 
                       Ilustración de Lola España

Esperaba que metese dunha vez as compras no carriño do mercado
pero demorábase demais  nas mazás que non tiñan vermes,
nos kiwis importados, duros como penedos, nas noces limpas de febra.
Despois acercouse de vagar aos envases de lata
e empezou a ler nos conservantes e colorantes.
Na franqueza da  súa pel encamiñada de sulcos azuis, montañosa,
na exquisita colocación do pano, cando pasaba a man milagreira
pola testa dos nenos, parecía regalar o tempo tan prezado.

A caixeira tiña cara de estar in orsay, empaquetaba, dicía grazas, boas tardes.
Na suá figura recén peiteada destacaban as mechas e as unllas pintadas,
a espalda recta.

A cola empezaba a medrar a pesar do automatismo das empregadas,
mais el seguiu con esa demora, como se fose obriga saudar a todos os vecinos
e botar unha parola.
Igual esperaba que as amizades, como a terra, abrollasen
 unha vez gradadas, escadulladas, canda a anguria da esperanza,
coa xiada que tolle, o sol que atafega, a chuvia que non vén ou asolaga.
E tras tanta arela e degoiro, o grao reloce, chouta na cangalleira, convértese en fariña.

A amizade, Pan, bendito Pan,
que medra na cocedura lenta dun vello rito labrego.

sábado, 28 de novembro de 2015

As reixas de Wang Guangyi



Por Ahcorb Adrog
Wang Guangyi naceu en plena revolución cultural china e medrou durante a carreira armamentística que poñía nerviosos ós países occidentais, ata o punto de que nas escolas ensinábaselles ós nenos como habían de protexerse en caso de bombardeo. E esas lembranzas e ese mundo no que foi educado vai pesar nel a través de toda a súa obra.

Pero hoxe fixámonos neses enreixados que ás veces pon diante dos retratos ou das composicións, unhas veces cheas de realismo e outras moi próximas ó surrealismo, esas cuadriculas que parecen encerrar as figuras, e sobre as que se ten dito de todo, desde que era una maneira de meter no cárcere a algúns líderes ata xustificalas como un truco do pintor para copiar retratos. Sen embargo, eu quedo cunha frase que me parece do máis exacto a este respecto: Nada separa máis a dúas persoas ca un enreixado.  Tal vez por iso Wang separa ó espectador con esas cuadrículas, para marcar a diferencia entre o mundo real (o espectador) e o ficticio (a pintura), pero tamén para marcar o arredado que está o líder do seu pobo.