xoves, 28 de xaneiro de 2016

CRÍTICA LITERARIA



Por Pepe de Rocaforte
            Déuseme nestes días pasados por empezar a ler unha novela de Javier Marías, “Fiebre y lanza”, primeiro título da triloxia “Tu rostro mañana”. Si, xa sei, esa novela foi publicada en 2002, xa choveu desde aquela; pero creo ter dito aquí mesmo que entre as miñas lecturas non abondan moito os títulos de publicación máis recente. Se non lembro mal a única novela publicada en 2015 que lin por agora foi “Tambien esto pasará” de Milena Busquets, da cal (por suposto) non vou falar agora.
            Volvendo a “Fiebre y lanza”. Empecei con ela e a primeira impresión que me veu á cabeza cando levaba entre quince e vinte páxinas lidas, foi a de atoparme diante dun abuso de palabrería un tanto indixesto. Como se aínda estivésemos no pasado outono, as follas caídas das árbores formaban unha alfombra que impedía ver o “esplendor” da herba. Pero proseguirei coa lectura, díxenme. Malo será que máis adiante non apareza un varredor que limpe toda esta follatada. Seguramente sucede que o autor, cando empeza a escribir unha novela,  ten certas vacilacións, aínda non está moi seguro de cómo enfocala, que camiño tomar, etc., pero indo máis adiante todo empezará a axustarse e tomar forma como é debido.
Ocorréuseme comentar esto cun amigo e recomendoume botarlle unha ollada a unha páxina de internet que, segundo el, me había interesar polas súas opinións sobre a obra de Javier Marías. Seguín as súas instruccións e entrei aquí

            Non sabía quen era Manuel García Viñó, o autor destas críticas, e tiven que botar man do Google para descubrir que se trataba dun profesor universitario, co seu prestixio máis ou menos admitido, nacido en 1928 e morto en 2013, pero morto “coas botas postas”, como di un amigo e admirador seu, deixando listos para publicar varios artigos de crítica literaria, nos cales supoño que dispararía con balas de similar calibre ás utilizadas contra Marías.
Pola miña parte, para non deixar todo o peso nun lado da balanza entrei tamén neste outro sitio 

E polo tanto vouno deixar tamén á consideración de calquera posible lector deste blog. O tema dedicado a García Viñó foi publicado o 14 de octubro de 2005 co título de “El crítico en la cloaca”. Búsquese na columna da dereita, “Archivos de La Senda”.
            A todo esto vénme á cabeza o recordo de cando Xesús González Gómez colaboraba coas súas críticas de libros nA NOSA TERRA e moitos autores botábanse as mans á cabeza diante da inmerecida dureza con que eran tratadas as súas obras polo valdeorrés afincado en Barcelona. Chovéronlle por eso moitas contra-críticas, ad hominem a maioría delas. E pensar que aquelas reseñas do Xesús, á vista do que se ve por aí eran verdadeiros carameliños de café con leite…

luns, 25 de xaneiro de 2016

Un respiradoiro no Saviñao



Nestes tempos fríos que nos toca pasar, quixemos fixarnos neste diminuto respiradoiro dunha casa do Saviñao, onde os duros invernos piden unha ventilación moderada. E este oco enreixado vén a formar parte deses pequenos enxeños que tantas veces nos sorprenden andando camiños, solucións rápidas e duradeiras sen alardes artísticos, de arquitectura ou de enxeñeiría,  sempre botando man dos elementos construtivos propios da zona.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

PAGAR POR ESCRIBIR





Por Pepe de Rocaforte
            Hai xa dous ou tres anos o xornalista Javier Calvo Perales prometía no seu blog non volver escribir para ninguén se non era a cambio de diñeiro. Hoxe en día, a raíz das informacións aparecidas na prensa nos últimos tempos, a promesa máis axeitada, sobre todo para xubilados e pensionistas, sería non volver escribir. Sen máis. En caso contrario corremos o risco de ver suspendida a nosa pensión os que con tal regalía sobrevivimos.

            Non sei se o asalto a esas pensións, acadadas despois de cotizar “relixiosamente” con cargo ós nosos soldos de cando estabamos “en activo”, parte de Fátima Báñez, ministra da Seguridade Social no último goberno de Mariano Rajoy, ou de Cristóbal Montoro, ministro de Facenda na mesma lexislatura, tanto me dá Xan como a súa irmá.
Esta faena xa vén do ano 2013,  pero a alarma empezouse a estender a fins de 2015 despois de que un grupo de xubilados, participantes como extras na rodaxe da película “Ocho apellidos catalanes”, recibisen o requerimento da Facenda para devolver do importe da súa pensión o equivalente ás cantidades cobradas no seu debut como figurantes de cine.
            En principio moitos tomámolo a broma. Parecíanos imposible. Pero logo vimos a noticia de que as dúas primeiras vítimas desta mesquindade parecen ser os escritores Antonio Gamoneda e José Manuel Caballero Bonald, e agora xa se di que outros doce autores, entre os cales están Javier Reverte e Eduardo Mendoza, pleitean por defender o que consideran  un ataque flagrante ós seus dereitos.
            As informacións parecen aínda un tanto confusas. Por unha parte dise que o ministerio actuará cando os importes cobrados superen os 9000 euros anuais (salario mínimo interprofesional); pero as cantidades reclamadas ós figurantes cataláns non parecen indicar tal cousa. A non ser que no primeiro caso se proceda a cancelar o dereito á pensión na súa totalidade, e no outro suposto (percibir menos de 9000 euros) detraerase o importe cobrado do que cada un percibe como pensionista.
            ¿Vistes unha cousa máis mesquiña? Sobre todo á vista das amnistías fiscais de que gozan conspicuos defraudadores habituais. Pero esto pásanos ós que escribimos por exercer a función de tontos de capirote. Non hai máis que ver as porcentaxes que as editoriais lle pagan ós escritores, produtores da materia prima editorial, para saber que a fin de contas somos a última carta da baralla e só nos falta pagar a cama para completar a xogada.
            Aínda que aquí debo dicir que non somos os únicos nin os que nos atopamos en peor situación. Hai dous días, na fachada da Casa do Pescador de Malpica, vin unha pancarta onde se informaba de que o prezo medio de xurelos e xardas percibido polos barcos da flota do cerco é de 0,50 euros o quilo. Sabedes o que nos costa o pescado na praza, tampouco aquí compre dicir máis. Tan só mostrar solidariedade cos pescadores que durante case tres meses estiveron acampados diante do edificio da Xunta en San Caetano para reclamar un máis equitativo reparto das cuotas de pesca. Eles, peor aínda ca nós, verdadeiros pringaos, están sendo ninguneados polo goberno autonómico e acábanse de ver finalmente obrigados a levantar o campamento sen acadar resposta ás súas reivindicacións.