xoves, 31 de marzo de 2016

DISCORDIAS VECIÑAIS



Por Pepe de Rocaforte
            O propietario dunha tenda de calzado, na cidade onde vivín a miña adolescencia, pasaba o día á porta do seu establecemento co seu gardapó azul, axexando a aparición de posibles clientes e nada máis albiscar a detención, sequera momentánea, de alguén diante do escaparate xa se lle achegaba a tomalo polo brazo, “pase, pase, dentro temos un enorme surtido de zapatos de fabricación propia, para todos os gustos. Entre a ver”.
            Os mozolos, sabedores das teimas daquel probo comerciante, pasabamos a mantenta pola rúa onde tiña a súa tenda e diante do escaparate parabámonos a discutir se nos estarían ben aqueles zapatos negros ou aqueloutros de ante, etcétera, para incitalo a saír inmediatamente a facernos a loanza dos seus produtos e todo o resto da súa retrónica.
            Despois de tantos anos volvinme acordar del en Alba de Tormes, onde tiñamos concertado un percorrido guiado pola poboación, que nos levou a visitar o castelo dos Duques de Alba, cos seus sorprendentes frescos renacentistas, o Museo Carmelitano e o convento da Anunciación, onde se conservan os restos de Santa Teresa de Ávila.
            Unha vez rematado o percorrido fomos pola nosa conta dar unha volta pola vila, onde nunha esquina da Praza Maior nos chamaron a atención as ábsidas de  ladrillo dunha igrexa, que logo saberíamos que se trataba da de San Xoán. Achegámonos á porta lateral e dun pequeno despacho de billetes no vestíbulo axiña saíu unha señora, que se puxo a gabarnos as marabillas daquel templo.

            Conversando dunhas noutras  comentámoslle que acababamos de facer unha visita guiada a diversos monumentos entre os cales non estaba comprendida aquela igrexa. Aí empezouse a alporizar a boa señora, que acabou informándonos das súas sospeitas dunha conspiración por parte de quen, na propia vila, organizaba as visitas turísticas, conspiración destinada a ocultar a existencia dun dos templos máis fermosos e importantes do gótico-mudéjar de toda a provincia de Salamanca, todo eso por culpa de quen sabe que discordias veciñais que xa viñan de lonxe.
            Para que vísemos que non nos contaba mentira fíxonos pasar, sen cobrarnos a entrada, e alí ficamos sorprendidos diante das extraordinarias figuras pétreas dos doce apóstolos rodeando a Cristo en volta do altar maior, en tallas policromadas de fins do século XII, seguramente pertencentes a unha portada hoxe desaparecida. Foi tal a nosa admiración que prometemos animar ós nosos amigos e coñecidos a non esquecerse, en caso de pasar por Alba de Tormes, de visitar o admirable templo de San Xoán.
            E aquí queda o consello.

mércores, 30 de marzo de 2016

O engado para a pesca do atún



Os gustos son moi dispares, non só nas persoas, senón tamén nos peixes. Mentres algúns adoecen polos bichocos e as talladas de carne dos seus conxéneres, outros andan tan desesperados pola comida que, como a xarda, cabala ou rincha, ata se botan ferozmente a calquera cousa que brille, incluso ó anzol espido. Pero isto que hoxe traemos é o que usan (usaban) os pescadores da Mariña luguesa na pesca do atún, as follas ou caropas do millo, tamén chamadas pomas e cazulas , entre as que se agocha a bica ou anzol.

luns, 28 de marzo de 2016

PAISAXES DA ALMA



CASAS IMAXINADAS
Por Pura Tejelo
                                                            
Son  casas imaxinadas
nin siquera
foron aluguer da infancia.

Cómo acceder a elas agora
despois de tantas historias oídas
á media noite
onde a presenza violeta das sombras
constrúe momentos cómodos ao tacto
e fai  tanxible a escuridade.

Poderiamos construír un poema nunha folla
apoiala no lombo dun escaravello
e que nos  leve paseniñamente por unha escada
até as torres douradas dunha nova  ternura. 



    A lustración  é un óleo  que forma parte do fondo de pintura  propiedade  da
 Galeíra Arte e Imaxe   sita en Catro Camiños (A Coruña),  onde expuso no mes de
 decembro , con gran éxito de crítica, a súa autora, a pintora Lola España.