sábado, 10 de marzo de 2018

A brecha



           
    

Que unha muller guapa atraia diante da pantalla a máis espectadores para ver o telediario ca un home igualmente agraciado, non nos parece raro. Tan afeitos estamos a valorar a aparencia que se nos esquece a función a cumprir, o traballo real polo que están aí. Sen embargo é tan discriminatorio escoller a unha muller polas súas medidas, como que esa mesma cobre menos salario tendo os mesmos folios para ler co seu compañeiro varón.


     A brecha salarial vén sendo unha fenda demasiado profunda. E non só se dá entre homes e mulleres, senón tamén entre mozos e vellos ou entre nativos e inmigrantes, co que se pretende marcar unhas supostas diferencias que só xustifican unha paulatina rebaixa salarial, como unha poxa á baixa da man de obra. Estes días, porque está próximo o oito de marzo, o debate céntrase na diferencia entre xéneros, unha diferencia que se mantén a pesares de que moitas mulleres non dubidan en botarlle man e manexar con destreza ferramentas tradicionalmente masculinas. Pero por moi ben que o fagan, números cantan e á vista está que non se paga o mesmo pola man dun varón movendo un alicates ca pola dunha muller, como tampouco se paga o mesmo segundo cal sexa o sexo de quen empuña un micrófono, a pesar dese valor extra que se lle dá á presencia feminina diante dunha cámara, o que ven sendo a outra brecha que non debemos perder de vista, onde a maioría das veces a muller cumpre un requisito de adorno incluso en programas que se din culturais, onde o varón, polo xeral, é o condutor de garabata e ela quen luce escote.

     Hai uns meses, cando a BBC foi obrigada por decisión parlamentaria a revelar os salarios dos seus empregados, a periodista Carrie Gracie, comprobou como, compañeiros masculinos que facían o mesmo traballo ca ela cobraban máis, polo que decidiu dimitir. E ós poucos días, os seus colegas mellor pagados, acordaron baixarse o soldo co fin, dicían, de reducir a diferencia salarial, algo que ó meu amigo Xulio lle parece unha actitude un tanto hipócrita e egoísta, porque a meta debe ser que a igualdade sexa por arriba e non por abaixo. Pero ¿por que toman agora esa decisión e non lles acordou antes?. Xulio, que ás veces é moi mal pensado, e non ve a eses tipos desprendéndose polas boas do que teñen, cre que non o fan por solidariedade, senón por necesidade de imaxe diante da opinión pública; e de contención de posibles renuncias de compañeiras decididas a seguir o exemplo de Carrie, deixando as pantallas sen caras bonitas que ofrecer.
   

Certamente o mesmo salario desta periodista non se pode comparar co de calquera profesional medio, e menos doutras profesións non tan agraciadas e ben remuneradas, pero aínda así había discriminación e o seu xesto serviu para que hoxe falemos do tema (¿que non pasará nos nosos medios?), aínda que non creo que a súa actitude, protesta e reivindicación vaia repercutir na traballadora dunha conserveira, da limpeza ou do téxtil, que compite en inferioridade, nin creo que ningunha destas acabe marchando da fábrica porque cobra menos ca un home. Non son o mesmo as circunstancias nin as necesidades.


     Tamén é certo que a Carrie non lle vai faltar traballo, dado o extenso currículo que ten, e igualmente é ben certo que calquera traballadora do noso entorno que tomase unha decisión parecida, por moi bo currículo que teña non a contratarían en ningures unha vez que se presentase dicindo na entrevista persoal que abandonara o anterior emprego por dignidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario