xoves, 16 de maio de 2019

AS MELLORES OBRAS LITERARIAS


Por Pepe de Rocaforte
Pásanme información dunha enquisa realizada en 1999 entre 17000 franceses para elaborar unha lista das cen mellores obrasliterarias publicadas no mundo ó longo do século XX.
Non nos debería estrañar o máis mínimo que corenta e dous dos autores escollidos sexan franceses, ós cales se poden agregar outros cinco que escriben en francés (catro belgas e un suízo). Tampouco sei se alguén considerará estraño que nesta lista unicamente aparezan tres autores en lingua castelá: un español (García Lorca), un arxentino (Jorge Luís Borges) e un colombiano (García Márquez). Nin que para os lectores franceses que fixeron a selección sexan máis importantes Jean Giono, Margaret Mitchell, Jean Bruller, Agatha Christie ou André Franquin que Valle Inclán, Julio Cortázar, Vargas Llosa ou Juan Rulfo, por exemplo.
Se nesta escolla non se tivo en conta para nada a lingua portuguesa (malpocados Guimaräes Rosa e Lobo Antunes, entre outros, ó parecer totalmente descoñecidos na doce Francia), ¿como nos poderiamos queixar entón de que tampouco se acordasen, ou máis ben ignorasen olimpicamente, o Castelao de “Sempre en Galiza”, ou o Blanco Amor de “A esmorga”? Ía citar tamén o Manolo Rivas de “Os libros arden mal”, pero esta novela foi publicada en 2006, por tanto non figurará entre os esquecidos ata a selección correspondente ó século XXI.

Estas cousas fanme pensar en que aínda non hai moito tempo lin unha novela, “Sidra con Rosie”, do escritor británico Laurie Lee, un relato autobiográfico sobre a infancia do autor nunha aldea inglesa a metade do primeiro terzo do século XX, un enorme éxito editorial do cal se venderon máis de seis millóns de exemplares no seu país.
Mentres ía lendo ese libro víñanme á cabeza as páxinas de “Villardevós”, texto máxico de Silvio Santiago, onde o autor galego relata a súa infancia nunha época e nun lugar similares ós pintados na obra de Laurie Lee. Non vou entrar a valorar cal dos dous libros é o mellor, ese tipo de comparacións poden ser aceptables para medir quen corre máis rápido os cen metros lisos, ou salta máis alto coa pértega, ou lanza mellor e máis lonxe o disco, pero debo confesar que a min chéganme moito máis á alma as páxinas de Silvio Santiago que as do señor Laurie Lee, e paréceme natural: as cousas que conta e como as conta Silvio Santiago sonme moito máis próximas por unha manchea de razóns que non é preciso enumerar. ¿Vainos parecer logo máis estraño que 17000 franceses estimen por riba de todo os libros escritos no seu idioma e por autores da súa terra?
O de facer clasificacións xa é outro tema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario