Coa mochila ó lombo

sábado, 31 de maio de 2025

A voltas coa toponimia


Imaxinádevos a un extraterrestre que vagando polo universo descobre o noso planeta. Cos sofisticados medios que seguramente posúa na súa nave, pode analizar todo o que ve antes de entrar na atmosfera e decatarse de que a maioría é auga, incluso as nubes que cobren a súa superficie son auga evaporada, co que, baixo unha lóxica irrefutábel mandará unha mensaxe á súa base para dicirlles que acaba de descubrir un planeta que se chama “Auga”.

Sen embargo os nomes non sempre fan honor ó que nomean, porque non só se nomea polo que se é, senón tamén polo que nos vale e fornece. Á fin, eses nomes que lle poñemos ás cousas e lugares do noso entorno veñen sendo como alcumes que ó largo dos anos deixan o seu pouso máis aló do que os motivou. Aí temos a Pedra de Abalar, en Muxía, que xa non abala, pero o seu nome continúa e continuará durante moito tempo na nosa memoria.

Outra cousa é cando queremos simplificar o nome do lugar para aproximalo máis á comprensión de todos, así, os pais dun amigo que vive en Carterete, dinme que vive en América, e cando lles fago notar que América se estende polos dous hemisferios o máis que se aproximan é a dicir que vive en Nova Iorque, cando a verdade é que ese lugar pertence a outro estado; e outro tanto pasa con un coñecido que ten casa en Cambre e dinlle O da Coruña. Así postos, dámoslle nome ós lugares segundo o noso hábitat, pero tamén para facelos máis doados de situar, á fin e ó cabo ninguén vive dentro do mar e toda a nosa vida desenrolouse sempre onde pisa o boi, o camelo ou o canguro. Supoño que se as troitas tivesen que darlle un nome ó planeta chamaríanlle Río e o picudo vermello chamaríalle Palmeira.

Así se explicaba Xulio xustificando nomes como Montouto, Muros, Boiro ou Ribeira, máis ou menos doados de entender. Pero o que el non entende é que se lle chame Río Azor á praia de Riazor, en Palmeira, cando dende aqueles tempos nos que nas casas non había lavadoras nin se imaxinaba ninguén que algún día as houbese, a xente ía lavar ó “río de Riazor”. Logo un empresario fixo a carón da praia un hotel, e chamoulle “Hotel Río Azor”, e popularizou de tal xeito o nome, que non só llo cambiaron á praia incluso nos documentos e comunicados oficiais, senón que ó reordenar o nomenclátor urbano puxéronllo a unha rúa.


Que a orixe do nome desta praia e o seu río se deba a que foi un lugar de repouso dalgunha desas aves, tamén pode ser, pero entre os amigos de infancia, daqueles que andabamos a descubrir niños pola contorna, só lembramos miñatos, falcóns e lagarteiras, polo que me dá a espiña que o topónimo talvez habería que entendelo co mesmo étimo do Riazón de Carnota ou do Riazó de Vilalba.

E si, xa sabemos que algunha empresa deixou o seu nome na toponimia, pero ¿que dirían en Noia se ó río Tambre lle chamasen Tamara ou trocasen o nome de Verín polo de Verino?

Seguramente a esta praia palmeirá tampouco lle gusta que lle cambien o nome, pero como non ten boca non protesta.

Francisco Ant. Vidal 

(Este artugo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

sábado, 24 de maio de 2025

Cara ó vindeiro Día das Letras

 

          

Manoel Riveiro Loureiro

  

Pasou o día e pasou a romaría, pero a celebración das letras non acaba con un día de festa, como non acaba a reivindicación da fala, que unha vez máis lembro que deberíamos celebrar cada 18 de maio, aniversario da creación das Irmandades, e así, con dous días temos reivindicado o idioma: as letras e a fala. Os dous piares que o sosteñen para que non quede coxo. Aínda que este ano, co protagonismo dado ás cantareiras, intérpretes da poesía popular, cantada ou recitada, adiantouse o que sería unha celebración máis propia do día dezaoito, a pesar de que, segundo parece, esqueceron lembrar os regueifeiros, brindeiros e demais poetas populares cunha capacidade creativa e interpretativa como moi poucas veces se dá.

E agora a pensar no vindeiro ano. Dentro duns días a Real Academia, decidirá quen vai ser a persoa representante das letras para que biógrafos e editoriais, con afán comercial, se poñan mans á obra e todos empezaremos a facer apostas e propostas dando razóns de peso para que se honre a fulano ou fulana, cada quen tirando para os seus e sempre que leve máis de dez anos fóra deste mundo. E eu, que sen ter voz nin voto nesta elección tamén teño preferencias, xa sexa por amizade ou por outro tipo de simpatía, nestas datas sempre me lembro deses amigos con quen teño compartido charlas e lecturas, e agora xa non están entre nós. Lembro a Riveiro Loureiro e a súa bonhomía, un home que tocou moitos oficios, na terra, no mar e na emigración, pero sobre todo que nos deixou unha grande cantidade de obras tanto de narrativa como de teatro, moitas delas recoñecidas con importantes premios, falando sempre dos menos favorecidos da sociedade. A Xosé Fernández Ferreiro, quen non só foi un escritor recoñecido con distintos galardóns, senón tamén un innovador (a el debémoslle a primeira novela de vaqueiros en galego e con protagonista galego), de quen no vindeiro dezaseis de decembro se cumprirán os dez anos do seu falecemento.

Xosé Agrelo

E que me perdoen tantos e tantas que por razóns de espazo non podo incluír neste breve apuntamento; mais, por facerlle caso a este corazón barbanzán, non podo esquecer a Pepe Agrelo, quen, ademais da obra escrita que nos deixou, foi o artífice de distintos grupos de teatro que permanecen na nosa memoria, e máis de un que aínda sube ós escenarios. Agrelo tamén entendía que o idioma son letras e fala.

E como nos iamos esquecer do cura de Fruíme, esa reivindicación que dende Lousame se espalla por toda a bisbarra. Diego Antonio Zernadas e Castro, que aínda que nacido en Compostela deixou unha profunda pegada na Barbanza, sobre todo polo profundo interese pedagóxico que tivo preparando pequenos textos teatrais para que os seus fregueses, ó tempo que se divertían aprendesen sobre as cousas da vida e tamén da relixión que el defendía.

Como a esperanza é unha porta ó porvir, calquera que sexa a vindeira persoa homenaxeada, benvida sexa, mais eu, como veño reivindicando ano tras ano, sentiríame máis satisfeito se coas letras tamén se botase un aturuxo pola fala, non vaia ser que por coincidir o 18 de maio co día dos museos acabemos celebrándoo dentro dunha vitrina.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).