Coa mochila ó lombo

venres, 22 de novembro de 2013

SUBMISAS


Por Pepe de Rocaforte
   
         Vólvome preguntar se estas colaboracións tocarán temas pouco acordes co contido xeral do blog, pero non me podo subtraer ás novas que a actualidade nos ofrece a diario.
            Estes días pasados, por exemplo, informábanos a prensa do inxusto acoso de feministas e progres a mon­señor Javier Martínez Fernández, arcebispo de Granada. E todo porque unha editora baixo o seu control, “Editorial del Arzobispado de Granada”, acaba de publicar un texto da escritora católica italiana Costanza Miriano, cun título que non ofrece dúbidas sobre a orientación do seu contido: “Cásate y sé sumisa”.
            Costanza Miriano alecciónanos no seu libro sobre o papel da muller nas relacións de parella. A muller debe aprender, dinos, a obediencia leal e xenerosa, a submisión, para poder ser feliz “incluso co seu marido”. ¿Resulta estraño? Pois é simple aplicación da doutrina bíblica, das normas de conducta dictadas directamente por Deus ós homes para o seu bo goberno.

            Vexamos se non o “Eclesiástico”, que por feliz coincidencia me cadrou ler nestes días: Á muller que non dá gusto ó seu marido escórdalle os brazos e amolécelle os xeonllos (25, 32). Se ela non camiña baixo a túa dirección, ofenderate diante dos teus inimigos (25, 35). Ela (se non a controlas como é debido), coma un camiñante con sede, aplicará a boca a toda fonte, e beberá a auga máis próxima, sexa cal for, e sentará en calquera esquina e abri­rá a súa alxaba a calquera flecha (26, 15). Metáforas preciosas, por certo. Etc., etc.
            Ademais ¿non nos di tamén a Biblia que no principio do mundo creou Deus ó home e como este se aburría fabricoulle unha muller para o seu solaz e distracción? Pois logo ¿de que nos escandalizamos? A publicación deste libro é consecuente coa doutrina bíblica. Non acusemos logo a monseñor Martínez, nin á súa editorial.
            Por certo ¿quen diría eso de eppur si muove?

Ningún comentario:

Publicar un comentario