Xa chegou
o solsticio, e a partir deste intre o sol
vai durar máis tempo no ceo. Medran os días, segundo sabemos, polo que os científicos,
xeógrafos, físicos ou astrónomos nos contan, porque o eixo da terra móvese de
maneira que os raios do sol inciden cada día máis perpendicularmente sobre o
hemisferio norte. Pero nesta páxina, o que nos interesa é saber como se
interpretaba isto no mundo clásico, cando había que lle explicar ós paisanos
por que a partir desta data os días eran cada vez un pouquichiño máis longos.
Os gregos,
como xa temos comentado neste caderno, o pasado día once botábanlle uns cabalos
ó mar para galano de Poseidón, e el, por razóns de amizade, cedíallos a Apolo,
para que xunguíndoos ó seu carro remudase ós cabalos cansados de todo un ano
percorrendo a bóveda celeste e lle puxese estes novos; así que, desde este día,
en que uns cabalos máis frescos eran xunguidos ó carro solar, cada día ían subindo
máis alto no firmamento, e polo tanto o día durará máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario