Coa mochila ó lombo

martes, 22 de xullo de 2014

EL CASTELL DE GUADALEST



Por Pepe de Rocaforte
  
          No capítulo titulado “Guadalest, el incomparable”, do seu libro “La conquista del horizonte”, escribe Wenceslao Fernández Flórez: Aínda que Alicante non ofrecese a incomparable morneza dos seus doces invernos, aínda que chegasen a desaparecer os palmeirais de Elche e o soberbio Peñón de Ifach se afundise nas augas, mentres subsistise Guadalest habería un poderoso motivo de peregrinación, porque Guadalest é un dos sitios onde a Natureza se mostrou xenialmente artista.
            A primeira vez que visitei Guadalest vin ese texto nun mosaico de azulexos ó lado do portalón do túnel que dá acceso á vila e díxenlle á rapaza que expendía as entradas en taquilla (porque para acceder a Guadalest compre pasar por caixa e “retratarse”): “Á vista deste piropo que vos dedicou un escritor paisano meu, ben me poderías deixar pasar de balde”. Pero non houbo maneira e tiven que apoquinar.
            O certo é que paga a pena facelo, porque a visita á vila meréceo, a pesar de cantas modificacións leva sufrido por causa da avalancha turística, que encheu de cafeterías e tendas de recordos típicos e outras chilindradas as súas noutrora tranquilas e caladas rúas.
            Utilizo de novo as palabras de Fernández Flórez: Guadalest é único, magnificamente impar na terra. Un peñón enorme, de verticais paredes e, dentro, unha aldeíña. Pero o escritor acaba por renunciar a proseguir a descripción porque a fera emerxencia daquel peñón, e aqueles cipreses con que o remata o minúsculo cemiterio, e o túnel aberto na rocha viva nin sequera a fotografía lle faría xustiza.
            Do que non cabe dúbida é que, no seu tempo, Fernández Flórez fíxolle a El Castell de Guadalest unha publicidade gratuíta e de largo alcance. E esto tráeme a outro tema do cal espero falar nunha próxima ocasión: o da sorte dalgunhas vilas e cidades que poden contar coa propaganda dun escritor que nos fale delas nos seus libros.

   Por certo, o outro día comentaba aquí a existencia dun “Museo das relacións desfeitas”, en Zagreb. Agora descubro, nun artigo de Montero Glez, outro curioso museo ou, neste caso, biblioteca. Atópase no “Clark County Historical Museum” de Vancouver: a “Biblioteca dos manuscritos rechazados” e nela recóllense libros que ningún editor quixo publicar. ¿Non se lle ocorrerá a alguén por aquí algunha outra orixinal idea museable?

Ningún comentario:

Publicar un comentario