Debeu ser aquel un tempo de fame negra, pois segundo
nos relata esta lenda, aló polas terras de Quiroga, onde había unha montaña que
se prestaba para o cultivo, os veciños non podían nin acercarse a facer unha
roza para sementar o ceboliño, porque de súpeto, de debaixo das pedras, que alí
abundan coa forma de lousas, saían uns feros e xigantescos lagartos como nunca
se tiveran visto, que atacaban cal fera sen dor a canto home, muller, mozo ou
vello por alí andase. E tal era o medo que se lle tiña, que aquela terra ficaba
infecunda por non ter xente que a traballase.
E
foi entón cando uns aguerridos mozos, armados co que tiñan a man, decidiron
liberala de tan insólitos inimigos, e patearon toda aquela montaña, buscando ós
feros lagartos debaixo das lousas onde facían morada, enfrontándose
valentemente a eles, arriscándose e matándoos a todos para liberar a aquel lugar
de tan nefasta praga, co nobre fin de que os paisanos o cultivasen ata
converter aquela montaña nunha das terras máis fértiles deste reino. E é por
iso que o escudo dos Lousada amosa unhas lousas, por debaixo das que asoman os
feros lagartos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario