Coa mochila ó lombo

luns, 30 de marzo de 2015

As crebas de Ángela de la Cruz




Por  Adrog Ahcorb

Ela mesma define as súas esculturas como restos golpeados polo mar, como obxectos abandonados á intemperie, tal vez aparecidos na mallante, elementos cuxas formas e cores transformou a intemperie ou o contacto coa auga, ata converter un simple cubo branco nunha figura de múltiples engurras, vultos e golpes, como caixas que andasen mecidas polas ondas e golpeadas contra as pedras, como esas teas sen marco que as soporte ou co marco roto que colga das paredes ou estende no chan, desgarradas, que xa non son o que foron ou o que puideron ser. Ver as súas obras fainos lembrar eses restos que aparecen na praia, que aínda que non teñen a forma orixinal, a que lle dá identidade, si manteñen a esencia do que foron, que nos retrotraen a esa outra idade anterior do elemento. Son escombros (debris, en inglés), pero manteñen o celme do seu ser.
Xoga esta pintora-escultora co tempo en obras como esa caixa que se apoia nun sofá e nunha cadeira, como se todo o secreto que pode gardar estivese entre dous mundos, o rico e o pobre, o novo e o vello, o estable e o inestable.
E a pintura usada por Ángela non é o colorido vistoso, senón unha paleta máis ben escasa, o branco, o negro, o azul escuro, e o marrón principalmente. Pero é que esta obra non é para ver, senón para sentir, para deixar que nos transmita as súas sensacións. E nos faga pensar niso que vén sendo o paso do tempo, dos anos, da idade. como podemos ver no cadro “branco sucio”, onde a superficie branca mostra as marcas amarelas da descomposición que o tempo deixa na mesma pintura, ou en wet (húmedo), onde o cadro, despois de ser introducido nunha bañeira de auga e deixalo así un tempo, amosa as marcas que o nivel de auga deixa no impoluto branco do cadro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario