Coa mochila ó lombo

xoves, 25 de xaneiro de 2018

VIRXES NACIONALISTAS



Por Pepe de Rocaforte
            Volvémonos ver envoltos nestes días nas reviravoltas arredor da constitución do goberno catalán, algo que me fai pensar en Michel Ende e a súa “Historia interminable”. Pero, por Deus, non quero falar deso, xa hai xente abondo e con moito mellor, e maior, coñecemento de causa, para tratar do asunto.
            O que pasa é que o tema tróuxome á cabeza outra cuestión á cal se me ocorreu chamar das Virxes Nacionalistas. Ou tal vez resulte máis explicativo: “das Virxes belixerantes no referente ás relacións entre países fronteirizos”.
            Vén ó caso que así como os cataláns, polo menos os independentistas, non queren ser españois, aquí ó lado, en Portugal, temos á Virxe do Almortão, que segundo nos informa Jose Afonso, tampouco quere ter nada que ver (e neste caso puntualiza máis) cos castellanos.
            Nesa peza, de letra e música popular, cántase:
                                    Senhora do Almortão,
                                    ó minha linda raiana,
                                    virai costas a Castela,
                                    não queirais ser castelhana.

            E agora que a transcribo decátome de que quen fala non é a Virxe, senón o devoto cantor. A Senhora do Almortão, prudente, non di nin si nin non, o cal tamén podería interpretarse como “quen cala, concede”.

Outro caso, este que non ofrece ningunha dúbida, é o español, no cal se nos informa de maneira inequívoca do pensamento da Pilarica, quen por certo foi pioneira nunha forma de expresión da santidade na que acadaría o punto culminante o chamado San Simeón (ou Simón) Estilita. A Virxe aragonesa seica se expresaba así:

La Virgen del Pilar dice
que no quiere ser francesa,
que quiere ser capitana
de la tropa aragonesa.

Así de claro. E fai moi ben esta Virxe, porque os franceses xa teñen a súa en Lourdes, que aínda tratándose da mesma persoa, gasta outro look e semella máis milagreira.
            Agora, como sucede case sempre, unha cousa lévame a outra: ó caso das mulleres que coa súa intrepidez superan en valentía ós homes e lle dan a volta a situacións de previsible derrota militar, converténdoas en vitorias heroicas, caso de María Pita ou Agustina de Aragón. Pero esto será mellor deixalo para outra ocasión máis ó caso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario