Coa mochila ó lombo

sábado, 21 de xuño de 2025

As herbas do benestar

 


Todos os anos por estas datas, o noso amigo Xulio ten dúas preocupacións pendentes, cortar a herba da horta e recoller as herbas do Sanxoán. O primeiro é unha necesidade, o segundo un costume.

A necesidade é porque nestas datas é cando a vexetación está máis activa, cando a  saiba anda subida como as hormonas dos adolescentes. Tamén é esta a época do ano na que boticarios, meigos e outros colegas, de sempre, aproveitan para recoller moitas das plantas con que elaborar as súas apócemas e beberaxes, sempre arredor dalgunha fase da lúa ou, como é o caso, á caída do serán da véspera do solsticio, e como os paisanos nunca quixemos ser menos ca médicos e boticarios, tamén saímos nestas datas a preparar o noso ramo apotropaico.

Alexandre Casona, en La dama del alba, cóntanos o costume dalgúns lugares de Asturias e Cantabria en que deixaban un ramo na fiestra da moza que se pretendía. Entre nós existe a crenza de que se tocas a unha rapaza cunha vara de acivro cortada ás doce da noite e pasada por nove ondas mentres rezas un Credo de cada vez, a rapaza queda engaiolada do tocador.

Nesta tarde, Xulio é un druída máis á procura das herbas curadoras. El non as merca. Prefire recollelas no campo, e non o fai por superstición, senón porque xa o facían súas avoas e a súa nai no solpor do 23, e como bo barbanzán só colle sete herbas. Hai lugares de Galiza onde recollen nove e noutros tan só tres. Hai onde colgan o ramo na porta da casa ata o día de san Pedro, ou sobre os animais nas cortes. Nós preferimos metelas en auga e deixalas ó sereno para lavarnos no amencer do día 24, como dicían as nosas avoas, para que a saúde e a sorte nos acompañe.

Esas chamadas herbas solsticiais xa se usaban en tempos antigos. Talvez, cando a hixiene non era unha actividade cotián, lavarse era como renovarse, e máis aínda se co lavado viña o de aromatizar a auga coas herbas que noutro contexto se usaban para curar os males do corpo e da alma. Unhas herbas das que xa Plinio nos fala na súa Historia Natural e nos aconsella sobre o seu uso. A saber, segundo o historiador romano, eran a artemisa ou herba de Nosa Señora, para curar o constipado, o chapizo ou herba dos amores, a camomila, para aliviar problemas estomacais, a grama, moi usada como diurético, a cerreña ou nervia, con propiedades adstrinxentes, a hedra usada como expectorante, o licopodio, contra as enfermidades da pel, a abeluria ou herba das feridas, a orquídea, símbolo de abundancia, o saramago, calmante da tose polo que tamén se chama a herba dos cantantes, e a verbena que nalgúns lugares foi usada en rituais relacionados con trastornos psíquicos; todas elas plantas que nestas datas están no seu apoxeo; pero ademais, entre nós tamén se usan a rosa, a espadana, o fiúncho, a dixital, o bieiteiro, o romeu, a ruda, o trobisco e o sabugueiro cada unha coas súas propiedades máis adaptadas ó noso. Con todo, sexan cales sexan, sempre en número impar, mellor sete ca tres, segundo din os entendidos, á espera de que o seu poder apotropaico nos aporte saúde e benestar.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario