Coa mochila ó lombo

sábado, 20 de setembro de 2025

Somos previsores

                     


Ser previsor é unha das facetas máis comúns do reino animal, humanos incluídos. É coñecido como os osos se enchen a fartar durante estes días, para ter reservas suficientes antes de botarse a durmir en canto cheguen os fríos. E os humanos tamén procuramos encher hórreos, anllares, despensas e armarios. As tendas de roupa xa mostran os modelos para este inverno, e un servidor xa mercou o seu gabán.

 Setembro é un mes de previsión ante o que vai vir. Os cautos e precavidos veciños, agora que os días van minguando e baixa a temperatura, comezan a adaptar a dieta, para prever catarros e outros males propios da estación, con zumes de laranxa, mel e comidas quentes; pero, por se isto non chega, tamén botan man dalgunha divindade para reforzar a efectividade de remedios e xaropes.

Así comezamos xa dende o día oito coas distintas advocacións da Virxe, á que nestes días é moi común que se lle dea o sobrenome de Nosa Señora dos Milagres ou dos Remedios, o que non impide que tamén se festexe como a Guadalupe ou a de Loreto, por citar a dous puntos afastados entre si dentro da nosa bisbarra, cando non se lle dá o nome do lugar onde se venera, como a Franqueira ou a Saínza. Sen saír da Barbanza tamén temos o Nazareno, para recibir os cadaleitos dos agradecidos devotos que polo de agora burlaron a morte ou o san Campio coa romaxe contra o Mal Cativo, todas elas advocacións preventivas para pedir o favor da súa intervención agora que o inverno xa está á porta ameazando coa gadaña segadora. E para quen é amigo de excursións pode saír a dar unha voltiña que en todas as bisbarras temos romarías para os cautelosos por se nos fallan os médicos, dos que, segundo me contan andamos escasos, ata o punto de que pides unha cita por mor dun trancazo, e dancha para dentro de quince días, cando xa o curaches a base de castañas asadas e viño con mel.

As razóns para converter un santuario en lugar benfeitor para a saúde son múltiples, polo xeral asociadas a algunha intervención que o santo ou santa titular do lugar teña feito. E aló imos a facerlle festa e garatuxas, a acariñar o seu hábito, a cara, as mans ou algún elemento propio para que o aloumiñado nos faga caso. O que nos falta por saber é se é máis eficaz unha cuantiosa esmola, unha devota oración ou un simple agarimo.


Un caso aparte dáse na fermosa igrexa románica de Cambre, nas Mariñas coruñesas, onde se conserva unha hidria traída, segundo a lenda, polos templarios dende Terra Santa, convencidos de que nela foi onde Xesús operou o milagre de converter a auga en viño. Esta bacía foi usada como pía bautismal durante tantos séculos, que sempre pensei que o desgaste que se lle nota no borde era debido ó roce das moitas criaturas que alí se bautizaron, ata que me desenganaron contándome que os devotos ían á igrexa a rascar na pedra para conseguir un pouco de area, que logo mesturaban con algún xarope para darllo a beber ós doentes como remedio eficaz contra todos os males do corpo.

En fin, que a falta de médicos sempre nos quedan os remedios.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbabza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario