Durante a homilía da misa en que se celebraba a onomástica de santo Eufrasio, o sacerdote oficiante, diante de dous cregos chegados de Compostela para asistir ós actos, dixo que se non fose por este santo o Apóstolo non estaría en Compostela. E tiña razón. Ademais de Teodoro e Atanasio, que foron enterrados a carón do Apóstolo, formaron parte da comitiva que o trouxo a Galicia, Torcuato, Tesifonte, Indalecio, Segundo, Cecilio, Hesiquio ou Isicio e Eufrasio, cuxa festividade celebramos o quince de maio.
Santo Eufrasio é pois un dos nove discípulos que acompañaron ó Apóstolo ata o último momento, un dos chamados sete varóns apostólicos que despois de soterrar a Santiago, a Teodoro e a Atanasio, viaxaron a Roma, onde san Pedro os confirmou como bispos e a Eufrasio encomendoulle a evanxelización da Bética, polo que regresou a Hispania e fundou a diocese da actual Xaén en Iliturgi, supostamente na actual cidade de Andújar
Cando foi da invasión musulmá, os devotos cristiáns, no ano 716, por medo a que os seus restos fosen profanados, decidiron traelos para Galicia, onde o burro que cargaba co cadaleito se parou diante dunha silveira a carón do río Mao e non se moveu ata que enterraron ó santo. Logo, sobre o seu sepulcro construíron a igrexa, no lugar hoxe coñecido como Santa María de Mao, no concello do Incio.
En carta do 26 de xaneiro de 1596, o rei Felipe II, pídelle ó abade de Samos, unha reliquia do santo para enviarlla a Andújar, onde o teñen por santo Patrón, e algunha outra máis para a súa colección de El Escorial. E aló lle enviaron unha tibia do santo que se gardou nunha caixa de prata.A santo Eufrasio celébranlle festa o 15 de maio, e a el acoden os devotos do Incio e distintos puntos de Galicia pedíndolle alivio para a dor dos ósos.
Ó final da misa e procesión, impártese a bendición de santo Eufrasio.