Os
uruguaios escriben sobre Galicia (2)
O Curmán de Undochán
Aquì, cando se di gallego, a miúdo se está querendo dicir español. Pois, pola contra, cando se di
español tede por seguro que, na maioría das veces, se está referindo a galego…
dada a grande e incomparábel proporción dos nosos paisanos, entre os
peninsulares. Así, opostamente ao que se fixo en Buenos Aires fundando (1943),
na localidade bonaerense de Domselaar, o Hogar
Gallego para Ancianos… en Montevideo se creou o Hogar Español de Ancianos, finalmente Hogar Español, unha das institucións de saúde de máis alto nivel do
país, apoiada polos gobernos español e galego e máis pola Deputación da Coruña.
(O mesmo poderíamos atribuir ao Hospital Español -1886- ou á vella Asociación Española Primera de Socorros
Mutuos -1853).
Iniciado este fogar en
1961 na capital uruguaia, a partir da iniciativa do enfermeiro galego
Gumersindo Álvarez Blanco, tivo a sua primeira sede na casona “Mi Delicia” –que
fora propiedade doutro galego, este de Fisteus-Curtis, Benito Sánchez Seijas,
que lle puxo tal nome en homenaxe á sua única filla, casa hoxe abandonada-,
pertencente daquela ao estatal Consejo
del Niño, será en 1973 cando inaugurará
o actual amplo e arborado emplazamento.
Dato: en 2005, de 458 ocupantes,
320 eran fillos de Galicia.
Con tan longo
prolegómeno, que nada ten que ver co título desta crónica, tentamos informar
sobre ese feito de o español ocultar acotío o galego “que vai por dentro”.
Entón, pasemos ao tema do título, poisque queremos, complementando a Crónica
21, dar unha lixeira idea sobre obras, colectivas ou non, dos uruguaianos
dedicadas aos galegos como colectividade, mesmo extendéndoas aos españois
todos.
A primeira de que
temos noticia é “Los españoles del Uruguay”, de 1918 e da autoría de Valls
& Moragues (españois, uruguaios?). É unha desas obras de luxo escritas a
petición e co auspicio dos individuos cuxas biografías son incluídas, a maioría
comerciantes e industriais, coa infaltábel presenza das autoridades de ambos
estados e das institucións españolas locais.
Chegando a 1950,
aparece un opúsculo (de apenas 100 páxinas) debido ao intelectual Juan Carlos
Sabat Pebet (1903-1977, pai, por certo, do debuxante Hermenegildo Sabat da
Crónica 53), co título “Contribución hispánica a la cultura uruguaya”, baixo o
selo editorial da Institución Cultural
Española del Uruguay, fundada que fora polo noiés Manuel Senra (1861-1927)…
moi protagonizado o texto polos galegos. (Dito intelectual tivo importante
vínculo connosco, afiuzado na sua obra “El cantor del Tala” (1929), sobre o
ribadense J. A. y Trelles (a) El Viejo Pancho).
De 1961 é o ensaio de
Daniel D. Vidart “Regionalismo y universalismo de la cultura gallega” (capa na
Crón. 21). C. A. Zubillaga Barrera (1941), o uruguaio vivo que máis ten escrito
sobre Galiza, iniciou a sua bibliografía moza con “Los gallegos en el Uruguay”
(1966, capa íd.), que constitúe, por tanto, o primeiro esforzo literario
dedicado exclusivamente aos nosos compatriotas, abranguendo un período
histórico que culmina co século XIX. (Dese tal ano é a monumental “Los gallegos
en la Argentina”, do ourensán Alberto Vilanova Rodríguez –AUVERRE).
![]() |
O gaiteiro Celestino Pichel
(Crón. 51)
e seu neto uruguaio
|
Aquel
mesmo intelectual, membro de honra da RAG, ten promovido o Centro de Estudios Gallegos (dependente da Facultad de Humanidades y Ciencias), que editou ata 14 volumes do Anuario de Estudios Gallegos
(1979-2010), e que podemos considerar, no seu conxunto, a segunda creación
ensaística colectiva uruguaia con Galicia como tema.
Hai
que chegar a 2009 para termos nas mans outro título. de grande formato,
“Galicia en Uruguay”, de Olveira & Naón, onde se trata, con profusión de
gravados, o pretérito e a actualidade da presenza galega nesta república.
Noventa anos separan estas publicacións, xenerosas en datos e máis que
xenerosas en panexíricos, nas que, sen dúvida, se poden atopar valiosos
antecedentes (ver ilustración da Crónica 31).
Buenas tardes Francisco, espero que estés bien. Te escribo desde Montevideo, Uruguay. Me interesa comunicarme contigo ya que soy tataranieto de Benito Sánchez Seijas y me interesaría conocer más detalles de su historia.
ResponderEliminarDesde ya quedo muy agradecido por cualquier contacto.
Saludos.