martes, 26 de maio de 2015

DÚAS ESCRITORAS. MUNRO, KRUCKENBERG




Por Pepe de Rocaforte
            Coñecín a María do Carme Kruckenberg creo que a mediados dos anos oitenta e desde a súa época na directiva da Asociación de Escritores en Língua Galega mantiven con ela unha boa relación. Hai cousa dun par de anos deixei de vela e agora, hai oito días, vin na prensa a información do seu pasamento.
Dun xeito curioso esta noticia tróuxome á memoria a imaxe doutra escritora, a canadense Alice Munro. Ambas dunha idade similar, Kruckenberg morre con oitenta e oito anos, Munro vive con oitenta e tres. Ambas casaron novas e ambas se divorciaron axiña, (Munro volveu casar, Kruckenberg non) e tanto unha como a outra son mulleres cunha clara convicción feminista.
A partir de aí xa hai máis diferencias: María do Carme nace en Vigo, nunha familia pertencente á burguesía acomodada. Alice nace e críase no campo, nunha granxa en Ontario, no Canadá, e a súa familia vive con dificultades económicas. Kruckenberg é poeta e Munro cultiva a narrativa.

Cando descubrín os contos da autora canadense sentinme inmediatamente conquistado por eles, ata o punto de facerme recuperar aquel pracer da lectura dos anos da adolescencia, últimamente debo confesar que un tanto amortecido. Son os seus uns relatos estremecedores na súa sinxeleza, historias que lle suceden a ese veciño ou veciña tan comúns, con quen te cruzas todos os días pola rúa, sucesos que che pasan, ou che poden pasar, a ti mesmo e por eso os ves tan próximos e tan verdadeiros.
Lendo os seus libros recobro tamén aquel desexo dos anos de rapaz, cando quería que o texto se fixese interminable para seguir lendo e lendo sen parar. Máis que ler, a impresión que sinto cun libro de Alice Munro nas mans é a de acabar de recibir a visita dunha vella amiga dos tempos mozos que me empeza a falar de xente coñecida de ambos e a quen agora lle perdín a pista.
Alice fálame deles, faime lembrar cousas daquela época e eu fico prendido das súas palabras. Chega un momento en que me di: “Pero que tarde é. Debo marchar xa”. E eu suplícolle que se quede a pasar a noite na miña casa e me siga contando cousas. Prométolle que, se queda, mañá levareina eu no meu coche a onde precise ir e entre tanto poderei seguir escoitándoa de camiño, tan esquecido do paso do tempo coma aquel bendito San Ero oíndo o cantar da paxariña na horta do mosteiro.
Se non coñecedes a obra de Alice Munro aconséllovos que busquedes o relato “As lúas de Xúpiter”. Extraordinario! E despois podédeslle meter o dente por exemplo á súa única novela, “A vida das mulleres”. Logo xa me contaredes.

P.S. Espero non ser tildado de machista por reproducir as fotos das dúas escritoras cando eran máis novas. A fermosura ten moitos modos de expresión e non quero renunciar a este.

luns, 25 de maio de 2015

Unha aldraba con mensaxe



Aínda que pareza que unha aldraba é só un petador, ás veces semella que quen a puxo pide que quen chama á porta sinta unha primeira invitación a recibir ou traer boas novas, ou só novas.
A maiorías destes petadores son feitos en serie sen outro pensamento que o simple adorno. Pero, dalgún xeito, unha aldraba e a primeira cousa que se nota da casa, a primeira cousa que se toca, e aínda que só sexa instintivamente, tamén é a primeira cousa que ha de provocar algún tipo de reacción fronte á porta.
 Tal esta que hoxe atopamos en Mondoñedo, que semella a coroa dun tribuno romano co rolo de papel en que se refire a notificación ou a declaración de vontades. Non deixa de ser un simple aro, pero semella preguntar ¿que traes de novo?. Aquí están as miñas propostas.

domingo, 24 de maio de 2015

.-.-.-.-.-.

                                                                                 Casa natal de Murguía
Reprodución en cerámica da casa natal de Murguía

venres, 22 de maio de 2015

O KORRUNTXO DO OKUPA





Iztaccíhuatl
Miña ex -coa que temos unha relasión cordial e esporadicamente sensual, non vaiades imaxinar outra cousa: sen-su-al-, disíame estoutra noite: O dia menos pensado vante botar do cuarto por mor de escandalisar! Insisto, non falaba a ghicha das miñas nulas actividades disolutas, senon das ideas corrosivas que adoito deixo ao descuberto, espíndome de vés. Pero a estas alturas, como afirmaba meu tio o parvo da aldea -que nunca me pareseu parvo, que conste- non me vou autosensurar -bueno, el disía, calar a boca-, que é a pior das sensuras: xa me sensurará o sensurador que me sensure, que bó sensurador será, e será o que deba ser, para concretar: o dono da casa... e non me ha pareser mal, pois a el non lle falta autoridade e a mín sóbranme méritos para tal.

Por iso, a ghrasia que lles fai aos hispanofalantes das Américas o visio (acho que madrideiro de orixe) de separar a pronunsiasión do ghrupo consoante TL, coa prática rupturista que se usa en España: at-las, at-lante, At-lántico, At-lántida, at-lético... e que, cómo o vou neghar, pronunsialo inteiro non é doado para uns e outros... todo o contrario do que lles pasaba e lles pasará aos indíxenas mexicanos, entre os cales este ghrupo é case inerente á sua linghua náhuatl (empesando por esta palabrexa). Tiremos de disionario para tal comprobar: Tlatelolco, Tlacotépec, Tlajomulco, Tlalpán, Tlaltenango, Tlaxcala ou Tlalnepantla... que se leva o loureiro por ter doble TL... E non dighamos cando esa conflitiva parella cae en final de vocablo: Huizilopochtl, Iztaccíhuatl, Popocateptl... Todos topónimos, mostra a máis visible ou universal da linghua común, tan viva alí canto descoñesida fora dos seus límites.

Fasede a proba de disir todas estas palabras seghido, e veredes como vos queda a linghua, a linghua-órghao, digho: feita un lio. Para variar douvos un par de palabriñas ben comúns entre nós como coiote e chocolate, que disque veñen daquela fala: coyotl e xocolatl... (Non se esquenser de que eu mesmo vou de coiote solitario e que, ao tempo, moito ghosto do chocolate, que é mal de moitos, xa o sei).

Un dia non lonxano insistirei sobre este tema fasinante, de como os falares precolombinos se evidensian para o mundo grasas a esa toponimia que trasende fronteiras... por moi desfighurada que esté... do que algho sabemos os ghaleghos, abofé.

E que me desides dos libros e televisivos concursos de cosiña? miñanái, que ghartá (como disen os andaluses): entre pesadelos, másters, monxas cosiñeiras, tios culinarios e libros cosiñeriles... é que non dás feito.

E xa metidos na teuve, aí tendes o tema climático: é que che dan lesións (non de lesionar senon de ensinar) como se estiveses no instituto (liseo -ghalisismo que usan nas Américas- ou xinasio que desfighuraron antano os portugheses) a aprender unha asignatura de xeoghrafía ou similar: cheghan ao fartasgho, amighiños, con eses cursillos diarios de climatoloxía ou meteoroloxía...