sábado, 19 de setembro de 2026

¿Volve o liño?


Falaban os compañeiros de parladoiro de se estamos volvendo ó “tempo de mazar o liño”. Dito así pensaba que falaban desa canción de Fuxan os ventos, chea de optimismo, afirmando que non hai noite sen amencer e que o amencer hai que gañalo. Toda unha proclama chamando á unidade para abocar o futuro e que, visto o visto, ben podía ser unha chamada á esperanza nestes tempos de políticas revoltas. A frase, dita diante duns copos de cervexa tamén se podía entender como unha brincadeira para lembrar que neste momento do ano era cando, unha vez recollido e debagado, o liño mazábase para limpar a fibra de impurezas. Pero non viña por aí o conto senón porque, ó parecer, as modistas están poñendo a vista nesta fibra, e xa hai quen volve a sementalo con esperanza de negocio.

Hai tempo que o liño estaba acantoado, talvez por mor do prêt-á-porter e a  imposición de fibras sintéticas a partir da segunda metade do século pasado, e parecía que dende entón todo o que con el se relacionaba xa só o podíamos ver nos museos etnográficos; mais, este recurso, con máis de once mil anos de historia documentada, volve a cobrar protagonismo dada a súa versatilidade e a súa sostibilidade. De feito xa hai marcas de moda que están botando man del. E cos problemas medioambientais que parecen asolarnos, o seu uso cobra interese por ser unha fibra que se fai fresca no verán e calorosa no inverno, polo que estas teas teñen un mercado moi interesante, por exemplo, nos países tropicais, pero tamén alí onde as vagas de calor nos fan cambiar de hábitos, e Galicia, dada a cantidade de auga que esta planta necesita, foi de sempre un dos lugares máis adecuados para o seu cultivo; un proceso que xa comezaba coa semente no mes de maio, seguindo cunha serie de actividades de rega ata a recollida no mes de setembro, cando comezaban os labores para separar a fibra, ata chegar á maza, que cantaban os de Fuxan, sacar as impurezas, limpalo, branquealo e, finalmente, nas longas noites de inverno, enfialo para pasar logo ó tear. Un longo proceso que ben mecanizado sería unha industria altamente interesante que, pola parte de Zas, parece que están interesados en fomentar.

 

Agora ben, se sementalo pode ser unha boa solución para o agro, en opinión dos expertos, mellor será se despois se elaboran aquí os fíos e as teas, xa non coas ferramentas que temos nos museos, senón dunha forma máis mecanizada, o cal xerará unha industria que ben pode competir con outras fibras, incluíndo a la e o algodón.

Como nota aparte, arredor de todo este proceso non faltaban as cantigas que acompañaban os labores de enfiado que enriqueceron o noso patrimonio musical. Pero o liño non acaba nas sabas ou camisas que con el se elaboran, senón que aínda nos deixa subprodutos como a estopa e o tasco que se emprega para facer trapos e sacos, ou a liñaza que tanto se usa en infusións como para extraer un aceite rico en omega3, usado, asemade, na industria, en pinturas e decoración.

Quen sabe se este novo tempo de mazar o liño, non nos abrirá un novo amencer industrial.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


venres, 18 de setembro de 2026

O atronador silencio do Nazareno.

  



Non descubrimos nada novo se dicimos que os nosos rituais fincan as súas raíces no mundo clásico, e se neste mes de setembro temos por costume dar grazas polos favores recibidos a dúas das máis altas deidades: a Virxe e o Nazareno, nai e fillo; tamén os romanos arredor de mediados do mes celebraban uns xogos en honor de Xúpiter, a máxima deidade do panteón, baixo a advocación de Óptimo Máximo. Todo comezaba cunha procesión, na que os atletas e devotos percorrían as rúas coa esperanza de obter do deus os beneficios da súa benevolencia.


Setembro foi sempre un mes de termo. Xa remataron os traballos do verán e é tempo de agradecer os bens recibidos. E iso que xa se facía de antigo, seguimos facéndoo hoxe, xustificándoo con lendas máis ou menos acertadas agora que os días se acurtan e o tempo pide algunha roupa de máis abrigo. É o momento de preparar o que noutra época eran as menciñas naturais: o viño e o mel, e con eles o encontro con quen, dende as máis altas estancias, nos axude a vencer os duros transos da enfermidade que se multiplica a partir destes días previos ó inverno, e por iso percorremos os santuarios setembrinos con incontábeis rituais e formas de solicitar a saúde ou de agradecer o ben acadado.

Como nas grandes procesión do mundo clásico, a procesión do Nazareno é un percorrido de recollemento, de verdadeira devoción acompañando á venerada imaxe, a cuxa intervención se achaca o restablecemento da saúde, cando, na maioría dos casos, o médico botou por diante a gravidade do problema.

 Claro que esta divindade pobrense non é a única celebración destes días, polas mesmas datas temos o Ecce Homo de Cadoalla, en Becerreá, o Nazareno de Palas de Rei e o do Barco de Valdeorras, a quen se lles pide, tanto pola saúde de persoas como de animais, pero por algunha razón considérase ó de Barbanza moito máis eficaz.

E como dar grazas ou pedir un favor é algo moi serio, incluso os non crentes o entenden, e eses silenciosos rostros aflixidos e esperanzados que percorren en procesión as rúas da Pobra transmítense a calquera observador cunha mínima sensibilidade para entender as razóns deses devotos; aínda que, ben certo é que moitos só se acercan polo morbo de ver desfilar os cadaleitos, sen se decatar de que detrás deles e no peito de quen os porta vai toda a emoción dun sentimento de triunfo sobre a morte, que non é pouco.

É por iso que non entendo a ese cura do sur da provincia de Pontevedra que se opón a unha antiga manifestación de agradecemento portando o símbolo máis temido por toda persoa: o propio cadaleito, tachando ese feito de ”superstición e bruxería”, cando tan supersticioso pode ser o misterio da Santísima Trindade como pensar que uns naipes poden revelar o futuro, e a bruxería só existe para quen cre nas bruxas.

Igual ca nas procesións do mundo clásico, a divindade observa dende o alto da súa peaña ás piadosas xentes cos símbolos do seu triunfo ou da súa esperanza, exvotos de cera representando os problemas de saúde, velas tan largas coma quen as porta, descalzos, axeonllados, vestindo o hábito morado e outras formas de manifestar a súa dor e a súa empatía. E ó chegar ó lugar do Castelo a imaxe fai unha paradiña, onde se lle rende homenaxe cunha salva de foguetes tal que fosen os tronos de Zeus contra o mal. Nese intre o mundo parece deterse. Nada se move. Párase a procesión, o estrondo das salvas en forma de foguetes chega ás vilas veciñas, e ó rematar retorna a vida, os exvotos fican no templo como lembranza e testemuña, e os bares, as atraccións, os bochinches e telderetes énchense de xente, de risas, de xolda e de satisfacción.

Xa se deron as gracias e agora é cando realmente comeza a festa.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no suplemento sobre as festas do Nazareno 2026, en La Voz de Galicia). 

sábado, 12 de setembro de 2026

O móbil salvador



Dende que nun aparello de cen centímetros cadrados podemos levar todo o necesario para estar ó día, consultar un dicionario, realizar cálculos de matemáticas superiores ou entendernos nas máis estrañas linguas sen ter pasado pola escola de idiomas, podemos dicir que o mundo cambiou, creo que para ben, aínda que algún amigo se desespera con iso de facer compras por internet ou sacar as entradas para o cine sen moverse do sofá. No móbil vai a axenda e ata podemos tomar nota sen usar o bolígrafo.

Os avances tecnolóxicos que vivimos fanme lembrar cando na Revista Española de Electrónica, aló por principios da década dos oitenta, presentaban o gran avance dos teléfonos móbeis como uns aparellos que había que levar nun maletín e só servían para chamar por teléfono. E agora neles ata temos a chave de acceso á casa, ó ximnasio ou ó bus.

Tan importante é saber manexar estes sistemas electrónicos, que todas as asociacións de veciños e de xubilados programan algún curso para ensinarlle ós maiores a usar con xeito o telemóbil.

Con el, a moito non tardar, sobrarannos petos no pantalón ou na chaqueta para gardar cousas, e ata iso de levar moedeiro vai quedar obsoleto e evitaranos o tintinar das moedas, pois agora o moderno é pagar co móbil o xornal, o café de media mañá e as cañas da tarde. Os meus amigos e eu aínda pagamos todo isto e moito máis en cash, como se fixo toda a vida, pero o taberneiro sempre anda coa maquiniña do datáfono no peto, como se nos estivese chamando anticuados, pois xa non hai taberna, quiosco ou tenda que non teña implantado o sistema.

Pero, como a tecnoloxía vai a máis e os vendedores o que queren é facilitar as vendas, os novos sistemas de pago alixeiran tanto que aquel costume de poñer a escote resólvese con que un pague e logo os demais lle fagan un Bizum, ese sistema que a banca ideou para poñernos máis doado iso de cumprir coas nosas débedas, e non andar con desculpas para darlle calote ó camareiro facendo un simpa.

Estoutro día, paseando por unha céntrica rúa, chamoume a atención un mozo que tocaba a frauta e tiña diante de si a caixa das esmolas con un letreiro onde se comunicaba que se admitían donativos por Bizum, para o que poñía ben claro o seu número de móbil como outros músicos o poñen por se alguén os quere contratar.

O certo é que estes modernismos son moi prácticos, e aínda que hai un límite, dependendo do banco, que pode ser como máximo de tres mil euros por pago, a media de transferencias non chega ós sesenta euros, o cal non impide usar este sistema para negocios ilícitos, pois se a media de tempo para facer un destes pagos é de un minuto, só hai que imaxinar cantos cartos pode mover unha persoa no horario laboral sen pasar polo banco, nin facer factura nin pagar o IVE. É por isto que Facenda decidiu acceder a todos os pagos que se fagan por este medio; e talvez por iso o albanel que me reparou unhas goteiras non admite o pago por Bizum, para que non o lle caia unha inspección. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 5 de setembro de 2026

Gorros, gorras e sombreiros

    



Houbo un tempo no que ata os nenos levaban pucha, boina ou viseira, pero agora nin ós vellos lles dá por cubrir a cabeza. A boina caeu tan en desuso que ver a alguén con ela pola rúa ata parece un anacronismo.

        

Confeso que eu son máis de gorra ca de sombreiro, desas de estilo irlandés, ou polo menos dende que me decatei de que aquelas melenas das que presumía antes de ir á mili xa non volverán nunca máis, e moitas veces, en canto saio da casa, se non a levo, noto ese airiño fresco que me obriga a volver por ela.

A cabeza podemos tapala por motivos hixiénicos, de abrigo ou de fachenda, para non deixar ver que os anos pasan factura. Tamén se poden usar por gala e chulería, só hai que ver o adornadas que son algunhas monteiras de gaiteiro en contra-posición coas gorras de viseira, tan propias do ámbito ianqui, que máis parecen un produto de propaganda, cos seus anagramas e lemas estampados como marca distintiva,

Tampouco as mozas acostuman a cubrirse, agás en contadas ocasións, nalgunha festa ou solemnidade en que poden presumir de pamela, sen necesitade de ir a Ascot (Reino Unido), para alardear de elegancia con tocados do máis extravagante, onde o adorno prevalece sobre a función primordial de calquera tapatestas. Pero, como o mundo dá moitas voltas, é moi normal que o que antano só era indumentaria das clases pobres, de pescas e campesiñas, máis preocupadas polo práctico e funcional, fai que se recupere o sancosmeiro, o sombreiro propio das terras de Outes e Mazaricos, cuxo nome lle fai honor á parroquia de san Cosme de Antes, unha prenda que se expandiu por toda a bisbarra e máis aló. Aínda lembro coincidir nunha excursión por algún país de Oriente Medio con unha paisana que o levaba. ¡E que ben lle quedaba!

E en efecto, coa súa ala ancha, a copa adornada cunha tea, a ser posíbel de seda, rodeándoa cunha lazada que cae polas costas en competencia co periquito ou a melena é, sen dúbida, a nosa pamela tradicional, elaborada coa paciencia de mans áxiles nas longas noites de inverno, con pallas de centeo trenzadas, que camiñou a través dos séculos cubrindo as cabezas femininas sen perder a súa esencia, e hoxe volve a florecer como unha prenda que entra na modernidade por cómoda, elegante e de artística elaboración, sinxela e funcional que, como din os que lle cantan (porque agora o sancosmeiro tamén ten o seu propio canto de loanza), “para o sol ou para a chuvia non hai mellor sombreiro”.

A norma é facelos con pallas trenzadas con diferentes nós que dependen das mesmas trenzadoras que os elaboran, dándolle o seu toque persoal, como se fose a súa marca de fábrica, nós polos que un experto pode identificar á artesá.

Como queira que sexa é de supoñer que a moito non tardar, o Sancosmeiro, que hai anos era cousa de vellas e rústicas, volverá a percorrer as rúas e as corredoiras, as romarías e as praias, porque hai algo que nisto das modas sempre acaba triunfando: o cómodo e funcional, sen necesidade de que para levalo haxa que vestir con traxe típico nin levar a gaita ó lombo.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de La Voz de Galicia de Barbanza).