martes, 29 de decembro de 2015

Un parladoiro en Toques




Deixade que vos amose este rinconciño de Toques, nas terras de Melide, esta casa, comesta pola herba e xa en proceso de derrube.
A entrada á casa de onde aínda non se recolleron as cadeiras do último parladoiro, no lugar máis adecuado cando a temperatura ambiente o permite, na porta, protexidos por un tellado e cara á rúa por onde todo pasa e quen quere detense a falar, a formar parte do parladoiro.
Logo temos a propia arquitectura, unha casa de planta baixa, aínda que o acceso á vivenda se fai por uns chanzos protectores para que os animais domésticos non teñan a tentación de entrar, e de facelo, como moito só o gato, que cumpriu unha función profiláctica a través dos séculos; e a un lado (ós dous lados, realmente) desta especie de pórtico ou vestíbulo, as cortes.
A casa é vella, seguramente xa non ten moradores, pero serve para que os habitantes do século da tecnoloxía dixital nos fagamos unha idea da vida de hai corenta anos atrás, cando se tuiteaba cara a cara, cando os animais formaban parte da casa, e ata da familia, en que a veciñanza recibía as noticias de xeito asembleario, e de xeito asembleario se facebuqueaba (ou como se diga) e  xulgaban as conductas de cada veciño, en parladoiros polo estilo.

xoves, 24 de decembro de 2015

.-.-.


                        Noite de luz e de ausentes

Cada ano, ó chegar o solsticio de inverno, este momento no que imos celebrar o medre dos días e a esperanza de que os campos volvan a florecer, chámeselle Nadal, festa de Mitra ou Saturnais, tamén é o momento para reconfortarnos coa vida, precisamente agora que as horas de sol son menos e o frío impón o seu mortal dominio sobre a natureza. Ilumínanse as rúas, as casas e as árbores, como un intento por vencer as tebras, por vencer á fin todo aquilo que nos lembra a morte, e xuntámonos amigos e familiares para amosar a fartura como un elemento apotropaico contra os males e a escaseza do inverno. E cantamos panxoliñas que falan do cotián e do que desexamos.
O Nadal é unha noite de luz, pero tamén é o momento para lembrar ós ausentes, e nós, que somos pobo de ausentes, dámoslle un traballo extra ós carteiros (a pesar do whatsApp, do skype e dos SMS), para mandar renovados desexos de boa ventura e prosperidade ata aló onde se encontren, facendo florecer a humanidade con este pequeno e simple acto que, aínda sen móbiles nin turrón, xa se facía nas Saturnais romanas.
Modifícanse os costumes, incorpóranse novos elementos, pero permanece a esencia do que esta noite foi ó largo dos tempos, unha invocación á vida. A mesma escena do presebe, e por extensión o Belén, popularizouse nas nosas casas porque, máis aló da escena relixiosa, represéntase o motor do mundo, as actividades cotiáns e os oficios, pero tamén as figuras de coñecidos personaxes populares, históricos ou simbólicos, tal o “cageta” catalán, símbolo do abono dos campos.
E por todo isto, porque a partir desta noite medran os días e volven a xermolar os campos, o imaxinario tradicional invítanos a non esquecer ós devanceiros finados, esoutros ausentes, porque para nós, aínda que remataran a súa andaina vital, seguen presentes mentres haxa memoria deles, tal e como nos recorda Murguía e que, ata non hai moito era costume estendido polo territorio galego e do norte de Portugal: deixarlle un sitio na mesa, con prato e cubertos incluídos, ós que no ano que remata deixaron este mundo por se se queren unir ó ágape familiar. E asemade, aínda cando hoxe en día, a calefacción central e os modernos sistemas tarifados nos escusan de poñer leña na lareira, lembremos aqueloutro antigo costume de deixar o lume aceso por se algún finado quería pasar esta noite á calor da casa que fora súa.
Mudan os costumes, pero no fondo, a esencia e significado destas datas permanece e resúmese, unha vez máis, no triunfo da luz sobre as tebras e da vida sobre a morte.