venres, 25 de marzo de 2016
xoves, 24 de marzo de 2016
XOSÉ MARÍA CAO LUACES
Por Pepe de Rocaforte
Hai algún tempo, nunhas
colaboracións neste blog sobre Eustaquio Pellicer e a súa revista
“Caras y caretas”, fixen un comentario, case de pasada, sobre
Xosé María Cao Luaces, debuxante nacido en Cervo en 1862, quen se
había facer famoso coa súa obra en revistas arxentinas.
Non coñezo o libro de Siro
López, “O caricaturista Xosé María Cao”, editado en 1993 pola
Deputación de Lugo, tal vez o texto onde se trata máis por extenso
a vida e obra do artista galego, pero teño a man algúns fragmentos
dunha biografía inédita de Eustaquio Pellicer, escrita polo seu
bisneto Miguel Terradas, nos que se contan algunhas anécdotas de Cao
que o autor me autoriza a publicar aquí.
«(Xosé María Cao) ós
vintecinco anos chegou a Buenos Aires cos seus pais e era tal a súa
pobreza que para cubrir as necesidades máis elementais dedicouse a
facerlle caricaturas ós transeúntes no Paseo Colón. Un ano despois
da súa chegada asociábase nun taller de gravado e facía
ilustracións para varias publicacións (...) Bartolito (Mitre)
recomendouno como profesor de debuxo a seu cuñado, o director do
colexio Negrotto (...) En 1890 aparecían os seus traballos no
almanaque de Casimiro Prieto e na revista “El Farol”.
»Cao era home de mediana
estatura, magro e de faciana angulosa. “A súa única fraqueza é a
falla de carnes, dicía Demócrito, pois poderíase bañar
comodamente no cano dun fusil”. Usaba bigote e un beche longo que
lle daban certo aire solemne; pero o máis destacado do seu aspecto
era unha mirada que irradiaba profunda humanidade.
»Tiña a definida
personalidade do artista: sensible, emotivo, expresivo para expor os
seus sentimentos, a veces dramático e esaxerado. A pesar de
consagrar todas as súa enerxías á caricatura, era capaz de mostrar
a súa forza creadora en calquera rama da arte, xa fose pintura,
escultura, poesía ou música. Chegou a manexar a frauta, a guitarra,
o piano, a mandolina, a arpa, o violonchelo e o violín. Ningún
instrumento lle era estraño ou inaccesible.
»O seu espírito idealista
pregábase a todas as causas nobres que se presentasen. Polas súas
ideas era republicano federal e ingresara logo na masonería. Odiaba
os políticos ladróns, “os desvergoñados vestidos de frac”,
como el lles chamaba, e tiña terribles sarcasmos contra todo títere
vivinte. En certos momentos daba a impresión de ser un anarquista.
»Se se indignaba contra as
inxustizas tiraba os lapis sobre a mesa e metía as mans nos petos
como buscando bombas de dinamita. Era incapaz de negociar co seu
talento artístico. Certo día, estando moi necesitado, mandou a
cobrar, sen resultado, o importe duns debuxos. Á segunda tentativa
díxolle ó cobrador: non te molestes máis, non paga a pena. O
debedor non quere ou non pode pagar; en ámbolos dous casos eu non
cobro. Pero se cambia de actitude e mañán quéreme pagar, vai
fodido, ¡porque non lle cobro! E rachou a factura.
»De pronto alguén faláballe
dun amigo na miseria, de alguén que estaba enfermo, e o corazón
saíalle polos ollos. A bondade extrema e o altruísmo inxenuo da súa
alma eran os maiores defectos do seu carácter nobre e leal. Non
sabía cando a dor allea era finxida.
»Nunha das tantas ocasións
en que estivo preso polas súas campañas xornalísticas, entrou en
relación cun ladrón famoso. Entenreceuse de tal xeito con el que
decidiu protexelo pensando en rehabilitalo. Conseguida a liberdade de
ambos, o debuxante admitiu ó ladrón a súa casa como servinte e
empezou o traballo de rexeneración. Estaba tan seguro da eficacia da
súa prédica que chegou a confiarse e tal exceso de confianza
aproveitouno o ladrón para roubalo. Ó se descubrir o roubo o ladrón
díxolle: Don José, non perda o tempo comigo. A vida que vostede me
aconsella non é para min...
»(...) Os seus amigos
burlábanse dos “trescentos sesenta e cinco proxectos que
enxendraba cada ano”. En varias ocasións estivo a pique de coller
as maletas e volver coa súa familia a España, pero outras tantas
desistiu por un motivo ou outro. A idea última, o último
pensamento, borraba os anteriores e así ata que outro novo o
desaloxaba.
»(...) Dun día para outro
Xosé María Cao decidiu abandonar unha loita que non era a súa e na
que só recibía persecucións e incomprensións. Volveu os ollos á
súa terra e entregouse ó labor de organizar e editar un xornal que,
co nome de “El Eco de Galicia”, sería o órgano local da
comunidade galega. Aspiraba por este medio a promover o espírito de
agrupación e solidariedade entre os compatriotas residentes nesta
cidade, pero (...) oito meses despois transferiu a propiedade e a
dirección do xornal.
»Fixera a promesa de non
volver á loita política, pero en 1894 fundou outra revista, “El
Cid Campeador”, na que destacou non só pola expresividade dos seus
debuxos senón tamén polos seus arrebatos editorialistas cheos de
diatribas contra o goberno. Ese ano Cao foi detido outra vez nun
episodio confuso e absurdo. Fora acusado por un debuxo que un fiscal
estimou inxurioso para o presidente da República. Ese día un
descoñecido presentouse na súa oficina pedíndolle a inclusión
dunha denuncia no seu periódico. Cao escusouse e deulle unha carta
de recomendación para outro colega. O descoñecido despediuse e ó
chegar á porta disparou ó teito un tiro de revólver. Produciuse
unha conmoción á que acudiron algúns transeúntes e vixiantes e o
home da carta dixo que Cao quixérao matar. A pesar das súas
protestas o debuxante foi arrestado recuperando a liberdade despois
de seis día de cadea...»
luns, 21 de marzo de 2016
domingo, 20 de marzo de 2016
PAISAXES DA ALMA
Javiota
Por Pura Tejelo
![]() |
| Foto de José Suárez |
Levo nos meus brazos a vela
para navegar,
cos meus dedos sosteño o casco,
coa mirada desafío ao mundo que me
agarda.
Pero non lle vou regalar a miña vida
ao mar.
Ha
vir a min como un cabalo manso .
Cando sexa home
e
voe contigo sobre o vento.
O autor da foto é José Suárez , nado en Allariz (1902-1974). A Cidade da Cultura , até o 27 de marzo, presenta a maior exposición realizada sobre un dos grandes nomes da fotografía do S. XX
sábado, 19 de marzo de 2016
venres, 18 de marzo de 2016
A corredeira, o conta-millas dun barco
Todos sabemos que os contaquilómetros dos
coches converten o número de voltas dunha das rodas en metros, de tal maneira
que se a roda ten un metro de diámetro terá que dar trescentas voltas (se non
botei mal as contas) para percorrer un quilómetro. O malo é que nos barcos non
hai rodas en contacto co medio polo que se despraza, e daquela os mariñeiros,
xa desde o Renacemento, deron en usar un aparello chamado a corredeira, consistente nunha especie de
hélice á que se ata un cabo longo con uns nós, feitos todos á mesma distancia
uns dos outros, de maneira que, unha vez lanzado por popa o conxunto da hélice,
a medida que o barco avanza, este vai
quedando máis atrás, e segundo o número de nós que se contan nun tempo
determinado, esa será a velocidade en nós. Logo, cando o aparello xa foi
mecanizado con sistemas de reloxería, os nós viñeron a ser o número de millas
que un barco avanza cada hora, marcados como se fose o coñecido contaquilómetros
dos coches.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




