martes, 23 de agosto de 2016

O Xuízo Final da Capela Sixtina






Quixera  que vos fixásedes hoxe nesta imaxe que decora o altar maior da Capela Sixtina de Roma,  o Xuízo Final pintado por Miguel Anxo. E dicía el que non era pintor nin sabía pintar.
            De todas formas non imos facer aquí unha análise técnica nin estilística da obra, mais si unha pequena observación sobre a estructura da mesma.

             E traémolo con intención de que observedes a disposición das distintas figuras. A divindade ocupando o lugar máis alto segundo o rango e a santidade e escudada polas alegorías da Fe e da Temperanza, e rodeando a un Cristo-xuíz os santos, moi doados de recoñecer polos atributos identificativos. Especialmente tétrica a imaxe de san Bartolomeu portando a pel que os verdugos lle sacaron en vivo.

            Baixo estes o pintor situou as almas dos fieis tratando de subir para acadar a gloria, e algún santo botando unha man para axudarlles, mentres que na parte máis baixa un barqueiro expulsa a quen non é digno de seguir abordo, suponse que no camiño da gloria, para que sexan pasto da condenación.

            Unha disposición que, aínda salvando as diferencias, me atrevo a comparar con aquela outra do peto de ánimas de Belesar.

venres, 19 de agosto de 2016

NO SUR DE GALICIA


Por Pepe de Rocaforte
Supoño que, entre nós, non haberá discrepancias para admitir que todo o frente marítimo galego, salvo algún que outro caso illado que non vou sinalar, reborda fermosura. Por outra parte tampouco é cousa de facer comparanzas, sempre suxeitas a unha manchea de apreciacións subxectivas que finalmente a nada conducen.
Pero unha vez sentado esto debo confesar pola miña parte que ó longo do noso litoral hai tres lugares, tres tramos de costa, que exercen sobre min unha atracción especial, atribuíble tal vez a unha evidente influencia telúrica, que me sinto incapaz de explicar cun mínimo de coherencia.
O primeiro destes tramos vai desde Ribadeo a Foz, na Mariña luguesa. O segundo desde O Pindo a Muros, ó final da Costa da Morte, outro lugar á parte, pero cun sentido netamente distinto. E o terceiro leva de Baiona á Guarda, onde o Miño marca a fronteira con Portugal.
En todos eles encontro unha sobrecolledora confluencia entre terra, mar e ceu, os tres nitidamente delimitados, os tres cheos dunha forza silenciosa chea de grandeza, para min moi difícil de describir.

Este terceiro traxecto, por certo o primeiro deles que coñecín, véñoo visitando nos últimos oito anos e sempre encontro novas razóns para me sentir impresionado ante el, non só polo traxecto ó longo do litoral, senón pola visión de inmensidade desde os altos de Burgueira e Mougás, na baixada á beiramar de Oia.
Esta semana pasada volvín andar por alí e á dor provocada pola crecente urbanización mal controlada, sumouse a proliferación de incendios cuxos fumes chegaban a ocultar o sol, os avións contra-incendios baixando continuamente a coller auga no estuario do Miño para combater as labaradas que ameazaban as costas de Caminha despois de ter arrasado os montes do lado de aquí.
Non puiden gozar dos portentosos solpores no mar, para min máis impresionantes que os admirados desde o faro do Cabo Fisterra, e regresei á Coruña coa alma nun puño. Agora, incapaz de ningunha outra cousa, só podo deixar constancia da miña dor diante desta progresiva destrución da terra, da nosa terra e de todas as terras, se non se busca dunha vez a maneira de lle empezar a poñer remedio a tanto mal.


mércores, 10 de agosto de 2016

ARREDOR DAS TRADUCIÓNS


Por Pepe de Rocaforte
Cando eu era novo volvía estar de moda Rabindranath Tagore. Digo “volvía” pero non sei con certeza se “pasara”. Tal vez sexa unha idea inducida por Vicente Risco, que en “Mitteleuropa” conta como fora un gran admirador do poeta indio e cando lle deran o Premio Nobel pronunciara unha conferencia sobre el no Ateneo de Madrid. ¡Quen che mo había de dicir a min, que agora aquí en Berlín había chegar a ver e ouvi-lo gran poeta bengalí! [...] teatral de máis. A carón seu, a sinxeleza –quizais tamén enfática- de Gandhi, ten por forza que gañar moito.
En fin, cambio de terzo para pasar ó que quería referir.
Alá a fins dos anos cincuenta e principios dos sesenta do século pasado tamén a min me fascinou a poesía de Tagore, lida nunhas traducións fermosísimas de Zenobia Camprubí, en versión libre, non do bengalí, senón do inglés. E en “El Jardinero” (Losada, Buenos Aires 1958) vexo unha nota do propio Tagore na edición inglesa, seica feita por el: “estas versións non son literais; uns poemas están abreviados e outros son só paráfrases”.
É dicir: ¿se a versión inglesa, aínda que feita polo propio Tagore, é así, e a versión de Zenobia ó castelán é tamén un tanto libre, que parecidos e que diferenzas haberá entre o que eu lin e o orixinal bengalí?
E aquí damos co campo das traducións. Pouco máis ou menos por aquela época lin “Sascha Yegulev”, de Leónidas Andreiev. Foi nunha edición abreviada, na “Enciclopedia Pulga”, unha colección de textos baratos, en formato de 7,5 x 10,5 (acáboo de medir) coa que os rapaces tratabamos de iniciar a nosa pequena biblioteca.
A novela de Andreiev impresionoume. Sobre todo tiña unha primeira páxina que non se me esquecería nunca. Logo, andado o tempo, ó saber que aqueles textos da “Enciclopedia Pulga” non eran completos, busquei unha tradución íntegra e comprei as Obras Completas do autor ruso, en Aguilar.
Nada máis empezar a ler de novo “Sascha Yegulev” sentín unha tremenda decepción: Aquela novela non podía ser a mesma. O texto non lle chegaba nin á altura dos xeonllos ó que lera de rapaz. ¡que diferenza entre unha tradución e outra! E aquí chega o gran problema dos que dependemos dos tradutores para ler obras escritas noutros idiomas.
Hoxe volvín mirar unha versión e outra, a da “Enciclopedia Pulga”, de I. Sánchez Iglesias (?), e a de Aguilar, de Rafael Cansinos Assens, e as diferenzas non me pareceron tan abismais como mo pareceran antes. Así e todo algo hai, un non-sei-que, que segue facéndome preferir a versión dese descoñecido “I. Sánchez Iglesias” mellor ca de Cansinos.
Para que vostedes poidan opinar reproduzo os dous principios e aproveito de paso para facer outro tanto co inicio do “Ulises” joyceano, en versións de José Salas Subirats, a primeira, e José María Valverde, a segunda.
Cando se publicou a tradución de Valverde houbo unha case campaña para desprestixiar a primeira tradución ó castelán, a de Salas Subirats, mentres que agora os ventos parecen soprar en sentido contrario. Certo que aquí para facer comparanzas, unha páxina non chega a nada, só é un cativo botón de mostra. Agora esperarei a ler a primeira tradución (íntegra) ó galego, feita hai un par de anos por Xabier Queipo, María Alonso, Eva Almazán e Antón Vialle. E tamén esperarei a posible nova tradución ó castelán feita por Eduardo Lago, a ver que saco de todo esto.
.-.-.
 SASCHA YEGULEV, versión de I. Sánchez Iglesias:
El amor, como las lágrimas, aspira a ser recíproco. Cuando sufre el alma de un gran pueblo, toda la vida está perturbada, los espíritus vivos se agitan, y los que tienen un noble corazón inmaculado van al sacrificio.
De estos fue Sascha Pogodin, joven, hermoso y puro. La vida le había designado como víctima en el altar de sus pasiones y de sus dolores, y él abrió su corazón a los llamamientos misteriosos, incomprensibles para los demás; llenó hasta los bordes la copa de oro con la sangre de su sacrificio.
Triste y tierno, amado por todos a causa de su belleza y de la pureza de sus pensamientos, unos labios sedientos bebieron su sangre, y pereció muy joven, de una muerte solitaria y terrible. Fue enterrado junto a los criminales y asesinos, cuya muerte había compartido por propia voluntad; murió maldito de los hombres, y nadie puso una cruz sobre su tumba desconocida.
¿Quién iba a cerrar los ojos de un asesino? Quedarán abiertos, mirando dóciles a las tinieblas, hasta el gran día del juicio supremo. ¿Quién hubiera osado cerrar los ojos de Sascha Yegulev?
Pero su madre vive y le llama:
-¡Sascha, dulce hijo mío!

SASCHA YEGULEV, traducción de Rafael Cansinos Assens:
Anhela el amor correspondencia, las lágrimas buscan lágrimas que les respondan. Y cuando el alma de un gran pueblo sufre, resiéntese toda su vida, tiembla toda alma viva, y los puros de corazón van al sacrificio.
Tal sucedíale a Sascha Pogodin, joven bello y puro. Para la satisfacción de la pasión y sus dolores, la vida abrióle el corazón a esas voces agoreras que otros no oyen, y su sangre victimaria colmó hasta los bordes el áureo cáliz. Triste y tierno, amado de todos por la belleza de su rostro y la severidad de sus ideas, apuró aquel hasta el fondo del alma con sus ávidos labios y murió prematuramente, y fue su muerte solitaria y terrible. Y lo enterraron junto con malhechores y asesinos, cuya suerte voluntariamente compartiera; y no dejó fama de bueno, ni se alza ninguna cruz sobre su ignorado sepulcro.
¿Quién cierra los ojos de un asesino? ¿Hasta el día del Juicio seguirán abiertos y mirarán fijos en la oscuridad? ¿Quién osaría cerrar los ojos de Sascha Yegulev?
Pero su madre vive, y su madre lo llama: “Mi Sascha querido”.
----------------------------------------

ULISES, traducción de José María Valverde:
Solemne, el gordo Buck Mulligan avanzó desde la salida de la escalera, llevando un cuenco de espuma de jabón, y encima, cruzados, un espejo y una navaja. La suave brisa de la mañana le sostenía levemente en alto, detrás de él, la bata amarilla, desceñida. Elevó en el aire el cuenco y entonó:
-Introibo ad altare Dei.
Deteniéndose, escudriñó hacia lo hondo de la oscura escalera de caracol y gritó con aspereza:
-Sube acá, Kinch. Sube, cobarde jesuita.
Avanzó con solemnidad y subió a la redonda plataforma de tiro. Gravemente, se fue dando vuelta y bendiciendo tres veces la torre, los campos de alrededor y las montañas que se despertaban.
ULISES, traducción de José Salas Subirats:
Imponente, el rollizo Buck Mulligan apareció en lo alto de la escalera, con una bacía desbordante de espuma, sobre la cual traía, cruzados, un espejo y una navaja. La suave brisa de la mañana hacía flotar con gracia la bata amarilla desprendida. Levantó el tazón y entonó:
-Introibo ad altare Dei.
Se detuvo, miró de soslayo la oscura escalera de caracol y llamó groseramente:
-Acércate, Kinch. Acércate, jesuita miedoso.
Se adelantó con solemnidad y subió a la plataforma de tiro. Dio media vuelta y bendijo tres veces, gravemente, la torre, el campo circundante y las montañas que despertaban.


domingo, 7 de agosto de 2016

A rapeta


Nestes días de verán cando as praias deixan de ser un lugar de previsión para ser lugar de ocio, tras unha visita ó museo de Pontevedra, onde atopamos esta pedra que algún día foi o lintel dunha casa de Rianxo, lembramos un deses usos da praia que xa se van esquecendo: a Rapeta.
A rapeta é o representado neste lintel, unha arte pesqueira que fala de colaboración entre os veciños, e de feito aí se ven dous paisanos tirando dos canos e un peixe aló ó outro extremo do copo, que nos dá unha idea vendo estoutra foto antiga.

          Hai dúas modalidades, unha realízase cun barco que estende unha rede que unha lancha vai levando arredor do banco de peixe ata volver de novo ó barco, deixando dentro dela toda a pesca, pero a outra, a que representa este lintel, facíase desde a praia, estendendo a rede polo mar para volver coa dorna ou gamela de novo á praia, e desde aquí, dous grupos de persoas tiraban de cada extremo acercando o peixe encerrado a terra, onde logo só era cuestión de recollelo con un salabardo.
Está claro que o lintel desta casa indica que a mesma pertencía a un pesco, e eu aínda penso se non sería un pesco sen dorna pero non por iso menos pesco cos demais.

xoves, 4 de agosto de 2016

TÍTULOS DE NOVELA, FRASES INICIAIS, ETC.



Por Pepe de Rocaforte
            O suplemento “Babelia” de “El País” traía o pasado sábado un comentario de Manuel Rodríguez Rivero, unha das escasísimas firmas que de vez en cando me fan volver ás páxinas deste triste xornal en que se converteu o diario madrileño, onde citaba algúns dos principios de novela que máis o inquietaron, desde o de “Ana Karenina” ou “Historia de dúas cidades”, a “Malone morre” ou “O estranxeiro”. Paréceme que o tema garda certa relación coa miña colaboración da semana pasada e dáme pe para continuar polos mesmos camiños.
O comezo de “O estranxeiro” de Camus fíxome lembrar dun amigo, quen despois de escribir unha novela ficara satisfeito sobre todo do seu inicio: “Onte á tarde enterraron a mamá”. Soáballe tan axeitado que temía non ser orixinal seu, senón que, de maneira inconsciente, repetira algo lido noutra parte. Finalmente lembrouse do “Estranxeiro” (ou “O estraño”): alí estaba a frase orixinal. ¿E que fixo entón? Non tiña valor para prescindir daquel inicio e, por outra parte, o argumento do seu libro  tiña moi pouco que ver co do arxelino-francés. Así e todo, para paliar o plaxio, decidiu reproducir a frase que, sen intención de plaxiar, o inspirara: Aujourd’hui, maman est morte.
Pero non acaba aquí a cousa. Este mesmo amigo escribiu despois outra novela que empezaba así: O protagonista desta historia, un home a quen poderiamos chamar, por exemplo, Cosme Damián Ferro Barreiro, premeu con decisión o botonciño do mando a distancia para apagar o televisor. Levaba visto unicamente dez minutos de telefilme, pero fora tempo máis que suficiente para detectar na súa chencha algo semellante a unha revelación.
Despois de trescentas e pico páxinas, a novela do meu amigo remataba deste xeito: “Botouse Cosmián Ferreiro da cama, apañou as ferramentas e alí mesmo, deitado na alfombra, empezou a escribir: O protagonista desta historia, un home a quen poderiamos chamar, por exemplo, Cosme Damián Ferro Barreiro, premeu con decisión o botonciño do mando a distancia para apagar o televisor... Etcétera etcétera, ata o final do parágrafo antes reproducido.

Quedáballe así unha historia circular, disposta para proseguir páxinas e páxinas sen solución de continuidade. Pero, ai!, tamén nesta ocasión lle entrou o temor de ter feito algo pouco orixinal. E como proba alí estaban, por exemplo, “A historia interminable” ou o extraordinario relato de Julio Cortázar, como case todos os seus, “Continuidad de los parques”, rebordante de mestría en tan só páxina e media de extensión.
Algunhas cousas máis querería contar sobre o tema, pero por non prolongar excesivamente estas liñas vounas deixar para a semana próxima. Agora si, hoxe, de remate, vou citar unha frase que vale por toda unha obra. Non está no título, nin no comezo, nin no final dun libro, senón case oculta no medio de “Residente privilexiada”, as memorias de María Casares, compañeira durante tantos anos de Albert Camus: Quedei tremendo como a póla dunha árbore cando un paxaro levanta o voo.
Así, tremendo tamén, me deixa esta fermosísima frase da gran actriz coruñesa.