luns, 6 de febreiro de 2017

PAÍS PERDIDO



 Por Pura Tejelo


Alguén está dentro dunha botella
nun obradoiro de traballos manuais
montando arquitecturas
este anoitecer de farrapo des-
colorido.
Detrás de cada feble ventá de cris-
tal
a piques de estalar en tre-
boada,
irá
esta aperta perdida, ese berro adoe-
cido
como nunha vivenda
se asfixia a última man de pintura.
Unha chamada de auxilio
rolará pola corrente rápida
dentro da botella e a mensaxe
chegará a unha praia esquecida
achegándose aos pés dun neno
que recolle vidros varados de países de cristal.

----
De “A elegancia do século”.

xoves, 2 de febreiro de 2017

Ernst Glaeser – Un pequeno relato




Por Pepe de Rocaforte


Lévolle dedicadas aquí un par de divagacións á figura do novelista alemán Ernst Glaeser. Para deixalo a un lado, polo menos de momento, ofrezo hoxe unha breve historia que forma parte da súa novela “Der letzte Zivilist”, “O derradeiro defensor”, para dar unha pequena idea da súa escrita. Escuso dicir que a tradución fíxena da versión española do libro.

« [...] Ursel, [...] cando regresou do internado levou consigo a fotografía dun home nun marco de ouro, e ó pouco tempo presentouse un oficial na finca Weissenfels, un tenente de húsares, para pedir a man da rapaza. O pai deu toda clase de facilidades, porque quería desprenderse da filla [...] [Morto o pai,] aínda a carne non se desprendera dos ósos do vello e xa o oficial se retirara do servizo activo. Apareceu na finca e confesoulle a Ursel as súas débedas de xogo. Tanto rogou que Ursel accedeu a firmar un cheque por valor de cincuenta mil marcos.

»[...]O oficial sacou o diñeiro do Banco e marchou a Baden-Baden para pagar as súas débedas de xogo. Ursel contaba as horas faltantes para a súa volta. Pero o oficial nunca máis volveu a Weissenfels. Os xasmíns murcharon. O vento de novembro sopraba por riba dos campos. Ursel non abandonaba o cuarto desde había meses. Logo chegou unha carta cuns selos moi raros. Un criado subeuna ó cuarto da moza. Durante un longo tempo estivo Ursel contemplando aquela carta. Un capitán inglés contáballe que tiña o encargo de comunicar á señorita Ursel Fabricius a morte do tenente Dovivat, caído baixo as bandeiras da Súa Maxestade na loita contra os boers, e transmitíalle o derradeiro desexo do morto, que solicitaba o seu perdón no nome de Cristo.

»Dúas noites despois de recibir a carta, Ursel Fabricius mandou prender a cheminea no salón grande. Cando os leños renxían e todas as luces da sala resplandecían, baixou as escalinatas ataviada cun vestido de satén branco. Nos brazos levaba unha manchea de libros. Mandou saír da sala a todo o mundo e ficou soa diante do lume da cheminea. A carón seu estaban aqueles tomos, libros de poesía encadernados en pel con incrustacións de ouro e violetas murchas prensadas entre as follas. Novelas con valiosas viñetas e ex libris raros. Ursel Fabricius foi guindando, un detrás doutro, todos os libros ó lume. En silencio vía consumirse a poesía da súa adolescencia. Un mes máis tarde arrendou a finca ó primeiro licitante e marchou a París.

[...]

»Ursel [foi esquecida]. Ninguén, con excepción do Banco, volveu pensar nela. Alí figuraba unha conta corrente a nome de Ursel Fabricius. Cada tres meses recibía o Banco unha orde de pago que abonaba con puntualidade. Aquelas ordes viñan de diferentes capitais e países. Logo transcorreu un longo período de tempo en que nada se volveu saber de Ursel Fabricius. Só a renda era pagada con puntualidade. A conta corrente de Ursel aumentaba, e producía desacougo ver como medraban os números sen que a persoa aparecese.
 
[...]

»-Nunca esquecerei [dixo Schrader] aquel día de novembro do ano 1923. Estaba precisamente no Banco para liquidar algo, cando vin aparecer unha señora de certa idade ... Levaba un abrigo gris claro e cabelo cortado ó paxe ... Con ela viña un mozo con aspecto de gigolo. Estes casos eran frecuentes nos tempos da inflación. Atopábame precisamente ó lado da xanela cando ela pronunciou o seu nome ... Vendo á miña beira a Ursel Fabricius estremecinme ó comprobar o que facía o tempo de nós, en que nos convertía. Regresou o empregado e díxolle á señorita Fabricius que o director esperábaa. Andando de vagar cruzou por diante das xanelas cara ó despacho do director. O gigolo foi detrás súa. Eu collín os meus papeis e senteime nun banco. Esperaba a Ursel Fabricius. Moito tempo antes, unha noite de carnaval, bailaramos xuntos un minueto, ela disfrazada de figuriña de porcelana e eu de príncipe. Non pasaran dez minutos cando oímos un berro penetrante. Precipiteime ó despacho do director seguido dos empregados. O gigolo suxeitaba polos brazos a Ursel, quen cravaba as unllas no pescozo do director [...] “¡Ladrón, ladrón!”, increpábao. Sobre a mesa aparecían revoltos papeis e extractos de conta [...] O caixeiro chamou á policía [pero o director] renunciou espontaneamente a levar o asunto á xustiza. Durante tres horas estiven falando con Ursel. Non me quixo responder nin explicarme onde pasara aqueles anos fóra da nosa cidade. Desde entón non volveu pronunciar unha palabra. Dirixiuse a pé á finca. Un rapaz seguíaa cun carro onde ían as maletas. Ningún cidadán de Siebenwasser conseguiu volver ver a Ursel. Desde hai cinco anos vive en Weissenfels. A finca estase arruinando. Non sementan, non colleitan ... O capelán conseguiu unha vez chegar ata ela. Insinuoulle que o campo estragábase e as cortes estaban cheas de podremia. Ursel Fabricius respondeu: “Así me gusta; quero que todo esto podreza”.»

sábado, 28 de xaneiro de 2017

Sen propósito de emenda



A mesma Biblia o di, que o amor polo diñeiro é a orixe de todos os males, e sen embargo nin os máis atentos lectores deste tipo de literatura lle fan caso. Xulio aposta a que non hai un só banqueiro ateo, e que todos, cada domingo, van coa súa familia á misa e ata son quen de comulgar coma quen toma o aperitivo antes do vermú.
Non sei por que recuperei do faiado da casa un libro sobre política económica que tivera que ler cando era estudante, un libro que trae estampado na portada o famoso cadro “O cambista e a súa muller”, dous personaxes de principios do século XVI, en que ela ten entre as mans un libro que semella relixioso, por unha das imaxes que se intúen, pero a vista está na balanza con que o esposo está pesando as moedas para saber que é ouro e que non. E Xulio, que coñece este cadro moito mellor ca min, asegúrame que no marco do mesmo hai unha inscrición, feita dous séculos despois de pintado, cunha frase sacada do libro sagrado do cristianismo: “Que a balanza sexa xusta e as pesas iguais”. Porque poucas veces se viu unha balanza ben equilibrada e os que as manexaban sabían dar calote con elas, tanto ou máis que na actualidade. Unha advertencia invitando a procurar un bo equilibrio entre o espiritual e o mundano, que raramente se dá, porque na lista de preferencias que todos temos, o carpe diem de hoxe sempre está por diante do paraíso post morten. Á fin, xa nos acostumaron a que calquera mal becho poida acadar a Gloria cun par de misas cantadas por media ducia de curas.
E se ben tanto o Antigo como o Novo Testamento están repletos de alusións á avaricia e a como o amor ó diñeiro nos aparta das bondades da vida, facéndonos egoístas e insolidarios, está claro que esa é a parte que se lee de pasada para evitar os escrúpulos e quedar co da misericordia ben pagada, que exculpe do mal feito sen necesidade de reparar a maldade, como estes señores da elite bancaria galega, xerentes dunhas caixas de aforros que naceron co simbólico nome de “Monte de Piedade”.
Recoñece o señor xuíz a especial gravidade dos feitos, e liquida a penitencia con dous anos á sombra, que o máximo representante público de toda Galicia lamentou con algo así como que “hai que ser misericordiosos cos velliños” (xa temos indulto á vista), pero os cartos, que eran de tantos aforradores, seguen nos seus petos. Imaxínome a cantidade de persoal médico que podía contratarse para eliminar as listas de espera, a cantidade de albergues para indixentes, a cantidade de vatios de electricidade que podían saír gratis nestes días fríos de xaneiro, a cantidade de caridade cristiá que podía facerse cos nove mil millóns que os devotos banqueiros non van devolver.
E se o amor ó alleo en xente tan rezadora lles fai adiar os deberes e principios da súa fe, ¿que non van facer cos deberes e principios sociais?. Que estes banqueiros prefiran a cadea antes ca devolver o furtado (o de furtar é un dicir) non debería sorprendernos vindo de quen está acostumado a pecar e confesar o pecado para deixar a súa alma limpa como unha patena tras rezar unha Avemaría. Non debe de estrañarnos cando acatan a sentencia con mística resignación, e entran a ocupar a súa “Cela de respecto” (non sabía eu que tal cousa existise) invitando a café a todos os reclusos coma quen entra no bar “Aquí pago eu”. Só lles faltou engadir o de “Colegas”.
Como dicía aquel Arcipreste “al fin por dinero se otorgan los perdones, se absuelven los ayunos y se ofrecen oraciones”.
En fin, que non nos convence o amaño. 
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición Barbanza de La Voz de Galicia) 

venres, 27 de xaneiro de 2017

Ferramentas de capador



       Aínda lembro cando viña o capador, e os rapaces maiores avisaban, “aparta que vén o capador”, e eu apartaba porque pensaba que sería moi grande e había que deixarlle sitio, que viña asubiando coma o coche de don Andrés viña pitando para que nos apartásemos; pero non, o capador que eu coñecín era un tipo pequenote e barrigudo, capaz de aguantar a un porco no aire suxeito por unha das patas traseiras, que me daba algo de medo. Logo souben que o medo estaba xustificado, e consolábame porque só exercía o seu oficio cos cochos.
     Pero aí quedan as ferramentas do oficio, o asubío con que anunciaba a súa presencia, as coitelas ou facóns, adaptadas ao sitio onde había de operar, e o fío coa súa agulla. Só de velas meten medo e córreme un arreguizo por todo o corpo, anque grazas a el o cocho criaba máis graxa e a carne sabía mellor.
     Bos cocidos temos tomado á conta do capador.
     Aí están as súas ferramentas expostas nun bar da provincia de Ourense. As armas do oficio. E a súa historia agrávase cando penso cal poido ser a razón pola que alguén rompeu o cristal protector.