mércores, 12 de abril de 2017

CARTEIS DE CEGO




Por Pepe de Rocaforte
   
  A propósito de “Literatura de cordel”, a miña colaboración da semana pasada, informábame o outro día un amigo sobre un curioso cartel de cego que vira na “Librería Orillamar” dA Coruña e recomendábame pasar por alí para lle botar unha ollada.
      O certo é que de cegos cantores polas feiras do país, aínda tendo lido e oído falar dos que acompañaban as súas historias cantadas cun cartelón de apoio no cal estaban debuxadas diversas viñetas que un axudante ía sinalando cun punteiro para mellor entendemento por parte do público dos feitos referidos, eu, lamentablemente, nunca cheguei ver a ningún.
     Fun ata a “Librería Orillamar”, un local onde nunca entrara a pesar de pasarlle a miúdo por diante e sorprendeume a cantidade de cousas que alí hai. Certamente o nome de “librería” quédalle pequeno porque, ademais de libros, teñen cadros, mobles, obxectos curiosos e que sei eu cantas cousas máis.
     Cando lle pedín autorización para tirar unha foto, o propietario do establecemento, sumamente amable, recomendoume mellor visitar Dorillamar a súa páxina en internet e copiar alí a fotografía do cartel e a súa explicación, como así o fixen.
     A fotografía acompaña este texto, xunto coa reprodución doutro cartel, o de “Paco Pixiñas”, obra de Isaac Díaz Pardo, que vai de regalo.
     A explicación conta máis ou menos o que segue: «Na parte superior [do cartel] di: “Nueva historia o sea el suicidio de dos enamorados, muerte que dieron a los padres de Sofia, suicidándose después los amantes”. Trátase dun cartel de cegos, deses que lían os xograres. Digo lían porque á parte dos debuxos, contaban as historias da época ... Eran coma o xornal “tipo” actual no cal relataban a noticia ... Nas prazas maiores das vilas instalaban un pau de gran tamaño do cal colgaban o cartel coma se fose unha pantalla e logo describían a noticia dunha forma moi especial».
     E velaí queda a historia.

sábado, 8 de abril de 2017

A función da lectura



       
            Saín un pouco triste do club de lectura ó que pertenzo, porque a análise literaria estendeuse máis aló dos recursos e técnicas narrativas para abrazar a mensaxe social. A tristeza non o foi por descontento, senón pola incomodidade que nos provocou un dos asistentes despois de que nos fixera ver que aquela lectura ambientada na Segunda Guerra mundial estaba falándonos do presente e retratando o noso desleixo. É o bo da literatura, que che poden estar contando unha historia do paleolítico, e ó mesmo tempo dándoche as claves da actualidade até sinalarche a hipocrisía.
      A cousa era que o libro que nos tocou comentar era dunha dureza extrema nas situacións que se narraban, e ó mesmo tempo engaiolante pola prosa exquisita que, a pesar do tema, fíxome dedicarlle a exclusividade do tempo. A autora conseguiu que desexase chegar ó final da historia coa esperanza de que acabase emendándose tanto mal. Pero a realidade non sempre ten un final feliz, a pesares da bondade que se lle supoñía a aqueles personaxes que poñían a dignidade por diante dos tremendos avatares, enfrontados á tiranía e á mesma loita pola supervivencia até converter, tantas veces, ó máis santo nun demoño egoísta. Pero o que máis me entristeceu, como digo, non foi o feito de ler uns acontecementos inhumanos, denigrantes, horribles e insoportables, senón o debate suscitado por un dos presentes: ¿Como se contará dentro de cincuenta anos o que está sucedendo arestora no mundo?. E quen se atreva a facelo, ¿como o fará?, ¿farao dende a distancia, dende a documentación periodística ou dende a imaxinación?. ¿Lembrarase de marcar o que iguala e diferencia a Palestina de Mosul, de Palmira, das travesías polo Mediterráneo, os campos de concentración que agora chaman de refuxiados, o camiño de celada cara unha morte selectiva co fin de evitar a proliferación de parias no primeiro mundo?. ¿Lembrarase da imposición de leis claramente discriminatorias para que medren as grandes empresas do luxo, e haxa man de obra barata que as forneza?.
      Aquel libro trataba todo isto pero ambientado setenta anos atrás, e a reflexión do noso compañeiro fíxonos ver esa verdade tan sabida, que a historia é un calco que se repite periodicamente, e certamente, iso é algo horrible, pero aínda é peor que sabéndoo e lamentándoo sigamos resignados ós desastres dos exiliados, expatriados, humillados ou violados nestas guerras contra a civilización e a humanidade, dos condenados a unha odisea sen final feliz, aldraxados polo simple feito de nacer nun lugar ansiado polas gadoupas arrapañadoras dos bens naturais, condenados a venderse por unha moedas arroxadas ó chan. ¿Quen se atreve a poñer remedio nesta discriminación sen orde e tan semellante á que viviron nosos avós e bisavós setenta anos atrás?. ¿Que se  dirá dentro de vinte ou trinta anos destes feitos diante dos que permanecemos impasibles, como permaneceron tantos cidadáns alemáns, franceses, italianos ou españois diante da barbarie?. A persoa encargada de moderar, tivo que facer valer a súa autoridade varias veces, porque un club de lectura é para falar de literatura. Pero ¿que é a literatura?. Porque o debate que unha novela provoca, tal vez sexa o mellor da novela, e cando esta non o provoca, evidentemente non estamos falando de literatura senón dun entretemento. E francamente, se imos falar de simple entretemento, sóbrannos os “Códigos”, as “Sombras” e outras paparruchadas. Eu, para entreterme, prefiro ver na tele ós frikis de Big Bang Theory.
 (Artigo publicado na sección Lingua Proletaria de La Voz de Galicia, adición de Barbanza, o 7/4/2017)

xoves, 6 de abril de 2017

LITERATURA DE CORDEL



Por Pepe de Rocaforte
     Unha das ideas tópicas máis habituais cando os anos se acumulan no noso calendario é a de imaxinar que calquera tempo pasado foi mellor.
     Andaba eu a matinar nas feiras da miña infancia e, á vista de como derivaron ata a época actual, ocorréuseme que as daqueles anos tiñan máis encanto, unha maior variedade e atractivo. Que eran mellores, en suma. Alí había gando: vacas, porcos, ovellas, galiñas. Vendedoras de froita: cereixas, mazás, ameixas, peras, noces, uvas. Ferreiros e vendedores de aveños para os labores do campo: sachas, gadañas, fouciños, angazos, gallas. Torneiros. (O meu avó materno era torneiro e vendía mangos para fouciños, fusos, rocas. Tamén facía pínfanos e flautas, pero por encargo, non para vender nas feiras. O meu padriño era zoqueiro e tamén montaba na vila o seu tenderete os días de feira).
     Compre lembrar ademais as personaxes de maior atractivo para os rapaces: a vendedora de unturas feitas con graxa de cóbrega para curar o reuma e non sei cantos males máis, que chamaba a atención cunha serpe de boas dimensións escorregándoselle arredor do pescozo. A vidente que respondía preguntas da xente sobre a situación dos parentes na emigración (e levaba vendados os ollos para non ver a quen preguntaba e sen embargo describilo correctamente cando o seu acompañante a interrogaba sobre o aspecto do preguntador,  un bo modo de mostrar as súas dotes adiviñatorias).
     Pero o personaxe principal era o cego coa guitarra ou o violín acompañando á cantora que refería truculentas historias en verso máis ou menos ben medido, historias impresas en papel que logo vendía entre os espectadores e espectadoras ansiosos de levar para a casa informacións de boa man sobre os feitos que acababan de oír.
     Veume todo esto á cabeza á vista dunha reste de folletiños que me trouxeron do Brasil. Quen mos trouxo veunos nunha feira en Campinas, nun tenderete co reclamo de “literatura de cordel”, botoulle unha ollada a un e leu: ...lá na Península Ibérica / cordão se chama cordel / onde eram penduradas / as folhinhas de  papel / nascendo daí o nome / desta cultura fiel. / O cordel sempre cresceu / numa dimensão tamanha / espalhou-se pela França / em Portugal e Espanha...
     Pareceulle unha curiosidade que me había gustar e tróuxome uns cantos folletos, entre os cales viña “A moça que virou cachorra porque foi ao baile funk”: Lá no Rio de Janeiro / residia Gabriela /pela sua fermosura / tinha o apelido de Bela / e os pais con muito carinho / faziam tudo por ela / mas Bela  tinha a conduta  / de uma pessoa ruim / enquanto seus pais rezavan / ela fazia um festim / zombava das coisas santas / com instinto de Caim... 
     ¡Velaí os cantares de cego das feiras da miña infancia! De España e Portugal chegaron ó Brasil e alí aínda se conservan hoxe. ¿Cantas cousas aquí desaparecidas aínda se poderán atopar alá?
     Pero, ¡ai, que perigosa é a miña tendencia a magnificar o pasado!