mércores, 10 de maio de 2017

UN FANTASMA NO XARDÍN DE SAN CARLOS


Por Pepe de Rocaforte
      Don Leandro Carré cóntanolo así: «Na mañá do 16 de Xaneiro de 1840, aparescéu a Cruña arrodeada de tan mestas brétemas que se non albiscaban os ouxetos mais achegados [...] Cando se abriron as portas do xardín de San Carlos, unha dona, como de cincoenta anos [...] atravesóu senlleira e caladiñamente as curtas carreiras de buxos do xardín [...] Vestía un traxe de veludo negro, e unha sorte de capús de peles preservaba as suas costas da friaxe e mais da humedade [...] A dona enloitada, branca e loira, a ingresa descoñecida, axionllouse ao pé do moimento e bicóu a terra humida e fría ¿Quén era a que choraba aínda a morte do guerreiro? [...] Os saloucos afogaban a sua voz; a sua testa incrinábase tristeiramente por riba da verxa, e as súas mans cruzábanse en aititude de muda desespranza [...] Durante algúns anos todol-os días 16 de Xaneiro, chegaba â mesma hora; demorábase algún tempo ao pé do sartego e despois alonxábase soia, tristeira [...] ¿Quén era aquela dona? Sen dúbida a namorada do xeneral Sir John Moore.»
      Pido desculpas por ter podado sen misericordia o texto de don Leandro, pero quen teña interese en lelo íntegro poderao atopar en “As lendas tradizonaes galegas”, onde vin por primeira vez unha información sobre a presunta amante do xeneral Moore.
      O meu interese por ela iría en aumento á vista de textos como un de Cunqueiro que conta como a amada de Sir John Moore alá en Antioquía vira un mozo que ganaba a vida vendéndolle á xente os soños que desexaban. A inglesa mercoulle un no que de nena corría por un prado perseguindo unha pomba baixo a chuvia de maio. «Púidolle comprar tamén, digo eu, un soño cunha mañá de sol no xardín de San Carlos, e o dux británico nos seus brazos...»
     Cunqueiro, poeta, idealizou a figura daquela muller. Mesmo fala do seu nariz, herdanza dos Pitt británicos, como: «un atractivo, fino nariz, que ó respirar a fermosa bate as ás, flor de dúas pálidas pétalas xemelgas.»
     Máis lírico se pon Xosé María Castroviejo ó falar da “infinita e íntima melancolía do xardín de San Carlos”, «onde salouca baixo o luar o amor imposible de Lady Stanhope, moribunda de melancolías, sobre o peito xeado de sir John Moore [...], contra (o cal) se apertou nun convulsivo adeus, que había enterrar logo nos desertos o seu amor desesperado e romántico». Ou, referíndose á batalla de Elviña, onde Moore, ferido de morte, é levado á Coruña, e alí falece, «mentres salouca Lady Stanhope, a súa fantástica e ardente amante, que o seguía desde Astorga».

     Sobre o presunto seguimento de Hester Stanhope ás tropas británicas con Moore ó frente, tamén fala Landeira Yrago da «lenda da dama galopando O Cebreiro e o país de As Nogáis para render viaxe nA Coruña, xunto a sir John agonizante». Landeira cúrase en saúde tratando o feito como lenda. E fai ben. Eu non atopei información fiable sobre tal viaxe. Tal vez aí se producise un malentendido, porque Moore morreu en brazos de James Stanhope, irmán de Lady Hester, de quen se despediu con estas palabras: “Stanhope, dálle recordos á túa irmá”, mentres outro irmán dela, Charles, morría tamén aquel día na mesma batalla.
     No libro “Peregrinos apaixonados”, de James C. Simmons, hai algúns datos curiosos referidos ó carácter de Lady Stanhope. Disque, por exemplo, era teimuda, orgullosa e dominante. Tiña unha ilimitada confianza en si mesma e estaba segura de ter nacido para mandar. Era alta e forte, cunha estatura de 1,83 m. e unha voz rexa e profunda. Un coñecido da súa mocidade contaba que “nunca fora fermosa, a súa cara era alongada, grosa pola parte inferior e moi pálida, parecíase moito a seu tío, o político William Pitt”.
     Ela mesma non tiña inconveniente en recoñecer que nunca fora atractiva. Era, en cambio, valente, enxeñosa, cunha intelixencia superior á da maior parte dos homes da súa contorna. Un amigo de seu tío dixo unha vez que supoñía que só se podería casar se encontraba un home tan intelixente coma ela, ó que Pitt respondeu: “Daquela non casará nunca”.
     Tamén William Pitt lle dixo noutra ocasión: “Se foses home enviaríate ó continente con 60.000 homes e daríache carta branca. Estou seguro de que non fallaría ningún dos meus plans”. Á vista do cal pregúntome que sucedería se en vez de ser John Moore quen mandaba as forzas inglesas na batalla de Elviña, fose Hester Stanhope. Ó mellor era outro o resultado.

xoves, 4 de maio de 2017

ACTOS FALIDOS E ASOCIACIÓNS DE IDEAS



 Por Pepe de Rocaforte

           Por máis que a experiencia se repita, non deixa de sorprenderme sempre o modo en que no pensamento se nos van enlazando uns temas con outros ata levarnos, moitas veces por curiosos e/ou estraños camiños, desde un punto de partida determinado a outro de chegada ó cal non se lle atopa ningunha relación co do tema inicial da cadea.
         Sucedeume o outro día cando ó pensar no escritor armenio-estadounidense William Saroyan, me veu á cabeza o título dun libro de contos seu, “O meu nome é Aram”, para desde alí dar un brinco ó famoso e fermoso documental de Robert J. Flaherty, do ano 1934, “Homes de Aran”  (Por certo, o ano pasado percorrendo o litoral occidental de Irlanda, sentín unha certa decepción cando me mostraron a Illa de Aran, a cousa de tan só dez quilómetros da costa, cando a imaxinaba lonxe, perdida no medio do mar alto e tenebroso).
          Mais prosigo: o recordo do documental de Flaherty, despois do paso obrigado por “Nanuk o esquimó” e por “Moana”, ambas do mesmo director,  (non confundir o filme de 1923 coa recente película de Disney), tróuxome forzosamente este outro título á cabeza: “O carro e o home”,  documental de Antonio Román, segundo guión de Xaquín Lorenzo.

          Ata aquí todo moi lóxico e previsible. Pero o posterior salto ás “Apariciones en Galicia”, de José María Castroviejo, xa me resulta un pouco máis difícil de explicar. Aínda que sobre este novo tema, se non lle parece mal a quen ata aquí teña chegado na lectura, vouno deixar para unha próxima semana.
          Volverei agora, en cambio, sobre o caso da semana pasada: o encontro de William Saroyan e Kalouste Gulbenkian en Lisboa. Posto que no texto citaba o libro de Saroyan “Cartas desde a rúa Taitbout”, ocorréraseme ilustralo cunha imaxe do autor nun selo de correos, pero sen me decatar collín outra fotografía e así saíu a cousa. Agora pénsoo e non sei como consideralo. Se se tratou dun acto falido e funcionou a auto-censura para evitarme a caída no “chiste fácil”: carta, franqueo, que agora confeso.

martes, 2 de maio de 2017

A lúa, pobre

Por Pura Tejelo



                             A lúa, pobre,  non ten máis que
                             unha moeda.

                             Mais ti que tes dous ollos
                             collíchela pensando 
                             que eran dúas.

                             O tendeiro que ten un só peto
                             ben sabe que quedaches a deberlle

                             un sol.