luns, 19 de xuño de 2017

O Sancosmeiro



            Que se quiten modas raras e déixenme ver as cabezas cubertas co Sancosmeiro, coa pamela tradicional galega, tecida cos pallas de trigo ou centeo, cada quen co seu estilo, e ata me atrevería a dicir que co seu propio nó, e decorada cunha tela, a ser posible de seda, que envolve a copa que se ergue sobre as amplas abas, para protexer as delicadas peles das campesiñas e por que non tamén das nosas bañistas. Temos o produto, temos a arte, temos un elemento eficaz, e a xente mentres tanto perdendo o tempo nos grandes almacéns. O Sancosmeiro está chamado a ser unha prenda de moda, por elegante, por eficaz e por natural.
         Fermosa pamela contra o sol e contra a chuvia, para o traballo e para o paseo, que antano era máis elaborada, máis adornada, e que agora, modas mandan, é máis minimalista, pero non menos eficaz, limitándose a esa cinta que adorna a copa e cae polas costas. Perdeu moitos dos seus adornos, pero segue sendo elegante para calquera idade. Un elemento propio da nosa vestimenta que non ten nada que lle envexar ós sombreiros da raíña inglesa ou das elegantes damas de Ascot.  

xoves, 15 de xuño de 2017

A CAPELA SIXTINA DO SÉCULO XX



Por Pepe de Rocaforte
      Houbo un tempo en que para atraer a atención do visitante cara a unha determinada cidade, paisaxe ou monumento se botaba man dun tipo de loanza comparativa que, ben mirado, só redundaba en demérito do que se pretendía enxalzar. Case todos podemos lembrar denominacións como a de “A Suíza galega”, ou “O Versalles galego”, por exemplo, para gabar algunhas das nosas belezas paisaxísticas ou arquitectónicas.
     Se se quería loar, poño por caso, a fermosura  da cidade e os canais de Aveiro axiña che saían co da “Venecia portuguesa”. Pero non se nos ocorría pensar que alguén citase Venecia como “O Aveiro italiano”. Ou se os húngaros falaban do “París do Este de Europa”, debían ter por seguro que ninguén recomendaría París como “O Budapest de Francia”.
     Ultimamente dábame a impresión de que este tipo de louvanzas se encontraba xa fóra de uso, pero hai uns días, nunha visita a Alarcón, observei que aínda continúan en vigor.
     Alarcón é unha fermosa vila da provincia de Cuenca, á beira do encoro que leva o seu nome, no río Júcar. Na Idade Media foi un centro importante que chegou a contar con máis de catro mil habitantes. Hoxe só ten uns cento cincuenta, boa mostra do declive que veu sufrindo ó longo dos últimos séculos.
     O atractivo en que se basea hoxe a posibilidade dunha certa recuperación parece estar no turismo. A vila conserva as murallas medievais e conta cun fermoso Parador construído no antigo castelo, así como varias igrexas monumentais e unha interesante casa do Concello na Praza do Infante Don Juan Manuel, quen posiblemente escribiu aquí o seu famoso libro “El Conde Lucanor”.

     Na mesma praza está a igrexa de San Xoán Bautista, onde a fins do século pasado o pintor Jesús Mateo, co patrocinio da Unesco, cubriu todo o interior do templo cunha colección de pinturas murais, das que acompaño un par de fotos, que converterán o edificio (eso esperan) no principal foco de atracción turística do lugar.
     Como reclamo xa circula o título de “A Capela Sixtina do século XX”, tal vez moi atractivo e con “gancho”. A min particularmente paréceme un tanto fóra de lugar. E non me refiro á valía das pinturas, porque carezo dunha mínima autoridade para opinar sobre elas. Ofrezo a cambio un texto de José Saramago que figura á entrada do templo: “Non sei se a igrexa de San Xoán Bautista de Alarcón acabará sendo mirada e considerada como a Capela Sixtina do noso tempo, pero sei, tanto por ciencia que creo certa, como por intuición adiviñatoria , que o pintor Jesús Mateo naceu da mesma árbore xenealóxica que deu os seus mellores froitos no Bosco e en Brueghel o Vello. Coma eles, Jesús Mateo explica o home. Polo visible e o invisible.”
     E o visible, para quen queira velo, aí está, en Alarcón, provincia de Cuenca.

sábado, 10 de xuño de 2017

Historia dunha furgoneta


       Ó final levaron a furgoneta. Debía levar aparcada no mesmo sitio máis de dez anos, fronte á enreixada persiana dunha tenda de mobles que acumula lixo e cartas sen recepcionar, botes de refrescos e veleno para ratos, tan caducado que nin os ratos o queren. No seu lugar quedou unha mancha graxenta que uns operarios se apuraron a limpar para borrar todo vestixio da súa estancia.
       Mentres a cargaban, alguén lembraba que aquela fora o símbolo do progreso no noso barrio, un daqueles barrios onde todos os veciños nos coñecíamos e celebrábamos os logros de cada quen, cando aspirábamos a ter todo o que necesitabamos sen saír del e cando mercar fóra era como traizoar ós teus. O mesmo día que a estrearon, o señor López, de Mobles López, ensinóunola cheo de orgullo, gabándose diante de todos os que nos acercabamos a vela, por ser un dos vehículos máis modernos do momento, hai disto máis de corenta anos, presumindo da capacidade que tiña para levar mercancía e operarios. Tamén presumía o señor López de canto lle custara pintar aquel anagrama de vivas cores, co seu nome en vermello sobre fondo crema que daba idea de modernidade, e ata estou por asegurar que con aquel anuncio sobre rodas o moblería viviu un dos maiores auxes da súa existencia, porque o modernismo que amosaba o vehículo invitaba a participar del e a entrar na tenda, onde medio barrio renovou o seu mobiliario. Ata o fillo do dono a levaba as fins de semana para aparcala á porta da disco, como outros levan o convertible ou a moto, porque era como levar unha xoia, un certificado de progreso, un pasaporte ó futuro. E sentar ó lado do condutor un privilexio reservado ó capataz. Por iso, cando o fillo de López nos levaba con el, algunha que outra fin de semana, de acampada ou de concerto, para nós era unha felicidade, supoño que a mesma que sentía cada operario que dela saíse, sempre con certa pachorra para deixarse ver, demorando ó seu lado porque era coma quen presenta un diploma de benestar. Non hai máis que ver a foto que se conserva no bar Berna para imaxinarse o que aquela significaba. Logo veu a moda do “faino ti mesmo”, Mobles López foi perdendo clientela e a furgoneta pasando máis horas estacionada ca rodando. Como todo neste mundo, tamén a ela lle chegou o finiquito, unha liquidación que non estaban dispostos a outorgarlle de boas a primeiras, e tal vez por iso ficou tantos anos aparcada, como un corpo que se pretende incorrupto pero que vai perdendo cor e textura co paso dos días; e mentres os operarios se empregaban como autónomos, facendo pequenas chapuzas mentres agardaban a xubilación, a furgoneta foi quedando sen aire nas rodas e gañando golpes. O primeiro síntoma de abandono tivémolo cando alguén golpeou o retrovisor e nin se molestou en deixar un aviso para darlle parte ó seguro. A esas alturas os nosos ollos fixábanse máis noutros vehículos máis modernos, mentres ela perdía interese e se convertía nun estorbo que nos quitaba unha praza de aparcamento niso que Sabina chama a epidemia das beirarrúas. Ultimamente xa só servía de teito ó comedeiro de gatos en que a converteu unha veciña abandonada dos seus, para deixarlle debaixo do chasis as sobras das súas galdrumadas.
       E por fin chegou o chatarreiro a non sei cantos céntimos o quilo de chatarra, que un neto do señor López gastou nun par de cervexas no bar Berna, anunciando, fronte á foto da furgoneta con seu pai e seu avó rodeados de todos os operarios, que lle saíu un choio por horas en Alemaña.
(artigo publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia o domingo 11 de xuño) 

venres, 9 de xuño de 2017

UN MOSTEIRO NAS METEORAS

Por Pepe de Rocaforte
        Sucédeme con frecuencia desde xa hai bastante tempo de ver un cadro ou ler un libro e inmediatamente empezarlle a encontrar semellanzas con outro libro ou outro cadro, unhas semellanzas moi evidentes, pero que ó mellor son eu o único en velas.
        Pasoume agora nunha visita ó mosteiro de San Nicolás de Anapausa en Grecia, nas Meteoras, onde se encontran varias pinturas de Theophanis Strelitzas, coñecido como Teófanes de Creta, de quen debo confesar que nunca oíra falar ata agora. E chamoume a atención particularmente o seu cadro de “A durmición de San Nicolás” porque diante del veume axiña á cabeza o “Enterro do Señor de Orgaz”, do Greco.
       Non puiden fotografar o cadro porque no mosteiro non permiten facer fotos, e tampouco encontrei postais coa reprodución da obra. Busquei en internet e descubrín que Teófanes naceu na illa de Creta arredor do ano 1500 e alí estableceu escola á cal algunha información conta que asistiu Doménikos Theotokópoulos, O Greco, nacido na mesma illa en 1541, onde empezou pintando iconos ó estilo bizantino, para posteriormente trasladarse a Venecia e a Roma, onde se adaptaría ó renacentismo italiano, no inicio da súa etapa máis coñecida, finalmente culminada en Toledo coa realización das súas máis importantes obras.

       Conto todo esto porque despois de lle dar un repaso a unha boa manchea de descricións e explicacións da obra mestra do Greco non atopei ningunha onde se aludise, nin sequera de maneira tanxencial, á posible influencia da temática bizantina á hora de abordar a concepción do “Enterro do Señor de Orgaz”. ¿Será todo unha suposición miña sen o menor fundamento?
Outra cousa que me chamou a atención no mosteiro de San Nicolás foi unha colección de caveiras de monxes que, estas si, puiden fotografar sen problemas por se atoparen nun lugar case nin visitado nin vixiado. E aquí xúrdeme de novo a comparanza. ¿Non sabería destes cráneos das Meteoras o artista plástico Lidó Rico, de quen acompaño unha fotografía da obra “Nacionalizados”, no “Centro de Arte Contemporáneo” de Cuenca?
        ¿Como lle chamariamos a esto? ¿Recreación? ¿Coincidencia? ¿Frivolidade? ¿Ou non terá absolutamente nada que ver unha cousa coa outra?