sábado, 22 de xuño de 2019

A foto resgada


"Non o quero ver diante”. Iso é o que escoitei estoutro día nun bar de Navia de Suarna mentres tomaba o café da media mañá. Pareceume moi cedo para pronunciar tan rotunda frase, e o taberneiro que me servía cantaruxou con voz de vello fumador de tabaco negro “o mal non ten horario nin data no calendario”. Estaba tendo lugar unha rotura, non sei se de amor, negocio, afecto ou amizade, pero rotura á fin. E entón lembreime dunha foto do álbum herdado de mi tía María, desa historia gráfica familiar onde aparece ela nun retrato con cara de felicidade, a carón de alguén que foi resgado.

Nunca me atrevín a preguntarlle quen era a persoa desaparecida. E agora que ela non está para contarmo, acentuouse a miña curiosidade e preguntei nos máis anciáns da familia por ver quen podía darme razón dese ser arrincado pola brava. Pero ninguén soubo ou quixo profundar no asunto. Só un veciño do seu tempo, solteiro coma ela e con quen ela nunca tivo a mínima amabilidade, miroume cun sorriso apagado e sentenciou que non paga a pena remexer no pasado. Comprendín que aquel vello sabía moito, pero xa fose por prudencia ou pudor, por fidelidade ou vergoña, estaba obrigado a deixar no pozo da memoria o porqué desa marca, desa irregular banda branca do rachado. E sen embargo, esa presencia no álbum así como o falso aceno do sorriso viñan dicirme que o retrato permanecía enteiro nas lembranzas.
Hai cousas que non se poden borrar. Na historia da fotografía temos moitos exemplos famosos: Hitler mandou sacar da foto a Goebbels, o seu ministro de propaganda, Stalin arrincou a un feixe de colaboradores, Mao e Fidel Castro seguiron o exemplo daqueles cos seus desafectos, e o checo Gottwald borrou a Clementis da foto do balcón de Praga, cando este foi acusado de traidor; pero aí estaba Milan Kundera para lembralo nas páxinas do seu “Libro da risa e do esquecemento”. A lista é moi longa e nas nosas casas seguro que temos máis dunha foto resgada por odio, rabia ou simple indiferencia, a pesares de que, como certo amigo me contaba, moitas veces resgamos con rabia e logo arrepentímonos e volvemos a pegar os anacos con cinta adhesiva, para deixar constancia de que o pasado non foi un camiño de rosas, e poñíame o exemplo de cando el lle tivo que devolver as fotos, cartas e obxectos persoais á súa moza por mor dun mal entendido, dun capricho ou dun simple pulso de poder entre a parella. Obxectos que logo volveu recuperar, coas cicatrices da crise ameazando para a eternidade, cando fixeron as paces e saldaron contas diante dun vicario.
Xa veremos tras os pactos dos alcaldables cantas fotos se rachan daquí a uns meses. Algúns xa empezaron. Porque o de borrar imaxes vén de vello. Xa en Exipto se destruían os retratos dalgún faraón cando o novo non era da súa corda. O cristianismo executou pola brava a multitude de esculturas que representaban a deuses e deusas precristiáns, como os integristas destrúen hoxe en día as imaxes de outras relixións, pretendendo borrar a memoria dos seus contrarios.
Ó final nin miña tía nin toda esa recua de borradores oficiais puideron borrar da historia a personalidade de quen tal fixo, senón que aínda a avivaron ata metela no imperecedoiro campo da lenda. Mais, se ben non sei que lle pasou a esta tía miña, podo intuílo. E non sei que é peor, se crear unha historia intuída ou coñecer a verdade.


xoves, 20 de xuño de 2019

VIRIATO EN VISEU - I


Por Pepe de Rocaforte
Viseu é un nome que gardo nas alacenas da memoria desde os tempos escolares. Da­quela, nunha "Historia de España" de don Saturnino Calleja na que debeu estudiar al­gún ascendente meu, recordo ler, por preguntas e respostas, como no Catecismo do Padre As­tete: P.‑ ¿Que sabe vostede do reinado de Alfonso V? R.‑ Era moi neno cando morreu seu pai, Bermudo II, e por disposición deste encargouse do mando o conde de Galicia, Mendo Gon­zá­lez. P.‑ ¿Que fixo o rei D. Alfonso V de León ó chegar á súa maior idade? R.‑ Reedificou as vilas e cidades que os árabes destruíran; desexando ensanchar os seus dominios, fixo unha ex­pedición por terra de Portugal, e na cidade de Viseo tiráronlle unha seta que lle produciu a morte en 1027.
O texto non ten tanto atractivo como para quedar gravado na mente dun rapaz; pero a carón seu viña unha estampa cun pé que dicía: Morte de Afonso V en Viseo. Nela víase un fermoso cabalo negro e, cabaleiro nel, un home barbudo botado para atrás, co peito atravesado por unha flecha; ó fondo había máis gue­rreiros de acabalo e alá no alto dúas torres nunha muralla. Algo parecido a calque­ra dos contos de indios e vaqueiros que me engaiolaban daquela.
Desde entón o nome de Viseu ten para min unha maxia que non se es­vaeu nunha primeira visita á cidade; pero sería na segunda ocasión que alí parei cando a maxia experimentou un incremento definitivo. Lembro que desta segunda volta arribei na tar­diña dun día de outono, con chuvia e ven­to en refachos. Cando, despois de buscar pousada, fun dar un paseo, xa noite, polas rúas de pedras molladas nas que se reflexaba o brillo dos farois nocturnos, ó chegar ó Largo da Sé sentín unha especie de pasmo que me mantivo un tempo paralizado diante da beleza que se me ofrecía ós ollos.
No silencio da noite de outono, a praza enmar­cada pola catedral, o Museu Grão Vasco e a igrexa da Misericordia, hoxe Facultade de Arquitectura, é un espacio para o cal non resulta doado atopar comparanza axeitada. Filgueira Valverde dixo que «está probado o favorable influxo das belas arquitecturas ... na formación espiritual. Inclinan e, ás veces, encami­ñan». Dian­te dun­ha Facultade de Arquitectura instalada en semellante sede, oco­rreuseme lembrar o edificio, e o entorno, onde a facultade coruñesa está ubicada. Á marxe de como sexa o profesorado, resulta preocupante pen­sar nos encamiñamentos que atoparán os alum­nos nun e nou­tro centro formativo.
Logo, baixando polo Largo da Misericordia, batín coa capela da Nossa Senhora dos Remédios, de portas abertas na noite, co interior iluminado e deserto. Na fachada, sobre o lintel, gravadas na pedra, unhas palabras advertían, non sen orgullo: «Esta capela é do povo, que se fez a costa das esmolas dos devotos. Anno de 1742».
De repente vinme introducido como nun relato de García Már­quez diante dun folio manuscrito, cravado con chinchetas na porta, no cal se ofrecía á pública consideración, cunha fermosa letra manuscrita, o balance dos anos 1991 e 1992, "Receitas" (ingresos): Caixa das esmolas: tanto. Peditorio a Beneméritos: tanto. Pedito­rio na misa: tanto. Caixa das esmolas despois da festa: tanto. Depósito dos mortos: tanto... E "Despesas" (gastos): Dous cirios: tanto. Electricista: tanto. Flores: tanto. Fogueteiro: tanto. Pulir cáliz e cruz: tanto. Servicio Banda de Música: tanto. Señor Padre e Axu­dante: tan­to. Mulleres e homes da limpeza: tanto. Fotografía de Nossa Senhora: tanto... como final: Depósi­to no banco: Escudos tantos e tantos. (O banco era, como non, o do "Espírito San­to”).

luns, 17 de xuño de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (23)



                                                                                                O Curmán de Undochán

   
Ombú da Coruña, as suas raíces elefantiásicas:

16 mts. de altor, 100 anos de vida?
        
Hoxe toca falarmos de árbores desmesuradas, ben propias dos climas tropi e subtropicais, que este é o caso do uruguaio. Aí tedes o ombú/umbu (segundo se diga en español ou portugués, em ambos casos palabra tupí-guaraní, bela sombra por nome cristián... e Phitolacca dioica polo seu  nome científico)... que, contra o que pareza, non é senón un arbusto, entón máis desmesurado aínda.



 E veume á memoria e reitéroo (ver Crónicas 5), o ombú que se atopa nos xardíns coruñeses, á beira da estrada do porto, coas suas elefantiásicas raiceiras a sobardaren a superficie coa sua madeira mol e coa chuvia de espiguiñas de semente aló pola primavera. Quén o levaría daquí, haberá tal vez un século? Candidato sería un emigrante retornado, ou un indiano de paso. Foi sorte que prendese e maior que permanecese ata agora intacto e vizoso!
            É que as árbores, coas calores, adquiren por aquí unhas dimensións espectaculares. Así o hibisco, así o loureiro de xardín ou adelfa e así tanto outro exemplar botánico, como o xigantesco ficus ou gomero dos parques porteños como nesta Montevideo non se ven tan grandísimos. O ombú pulula nos espazos montevideanos, terra onde de sempre se lle outorgou especial cariño á flora: mesmo houbo antano unha Junta Honoraria Forestal que dedicaba árbores a poetas coa sua correspondente placa informativa.
Raíz
            Algo que casa co costume de atribuir a cada país a sua flor nacional, a xeito dun reforzo simbólico a maiores do tan sensíbel nacionalismo, xeralmente san, por defensivo, cando de países pequenos se tratar, destas repúblicas novas: a flor do ceibo (Erythrina crista-galli), co seu vermello luxurioso, é compartida, como tantas cousas, polos dous países platenses. Xa vos teño comentado como outro indiano levou un ceibo a ornar a Casa de Rosalía... e o uruguaio Benedetti prantou connosco (1998), na sua xira co cantautor Daniel Viglietti (ambos xa mortiños), un outro ceibo  no parque do pazo de Mariñán en Bergondo.                                  
Ceibo montevideano
            (Tamén O Facho herculino chantaba -1984- un carballiño no Recheo, en lembranza do cónsul-poeta uruguaiano Julio J. Casal, o principal impulsor da sonada revista Alfar, arboriña que non deu logrado... se foi que non a arrincou algunha man aleve)... Porque souben de xente que, tamén aí, lle botaba sal ás árbores da sua porta, supoño que temendo que, en medrando, lles restaría sol e visibilidade ao seu primeiro ou segundo andar de vivenda! E se non vin tal falcatruada, si vin a un finado pulpeiro da mesma rua regar esas prantiñas tenras para contrarrestar o que fixera o arboricida... e así ata hoxe.
            (Por certo, dinme que o derradeiro salgueiro pingón que sombreaba o pétreo asento canda os canóns do Parrote coruñés foi arrincado: como nos leva isto aos incendiarios rurais de cada verán aquí e aló!).

“Apousei a cabeza no tronco do carballo./ Descíame ata o espírito/ o celme dunha música de estrelas.” (Julio J. Casal, Árbol, Coruña, 1925, traducido polo meu curmán).