luns, 27 de xaneiro de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (55)


Darwin

O Curmán de Undochán


Unha endécada antes (1839) da obra montevideana de Dumas (ver crónica anterior) temos o “Viaje de un naturalista alrededor del mundo”, “Narrative of the surveying voyages of His Majesty’s Ships Adventure and Beagle between the years 1826 and 1836, describing their examination of the southern shores of South America, and de Beagle’s circumnavigation of the globe. The Voyage of the Beagle (Journal and remarks). 1832-1836”, polo seu nome orixinal (!), onde o eminente inglés Charles Darwin (1809-1882), embarcado no “Beagle”, relata as suas observacións do que vira nas Américas, entre o Rio de Janeiro e as illas Galápagos, durante o período que vai de 1832 a 1835, tendo el apenas vinte e poucos anos, parte dun periplo que comezara na G. Bretaña (últimos días de 1831) e chegara ata Nova Zelandia e Australia (1836).
A Punta Gorda e o seu Rincón de Darwin


        
            Xa neses anos mozos, o futuro expositor da orixe das especies auguraba nas suas agudas notas o sabio que comezaba o seu arduo camiño, notas que acabou publicando o citado ano baixo o non menos árdigo título de en riba. Claro que aquí o traemos para reseñarmos a parte que toca a esta Banda Oriental, daquela recén estreada (1830) como República Oriental del Uruguay.
            Sen termos noción algunha sobre tales materias científicas, a maiores de transmitir a curiosa noticia no que respecta a este país, preferimos transcribir, retraducidas libremente do español, algunhas das suas raras reflexións socio-sicolóxicas:
                      “Os gauchos son xeralmente guapos e acotío usan cabelo e bigode longos, mais teñen no seu rostro os signos da altivez e o desenfreo. Con todo, son extremamente corteses, xamáis bebendo sen antes convidar aos presentes… malia estaren prontos a clavarte o coitelo se for do caso… Así é que, amáis de grandes e soantes esporas, locen na faixa a infaltable faca.
            “O liberalismo extremo destes países promete frutos no futuro: tolerancia coas relixións foráneas, o amor pola instrución, a liberdade de prensa, as consideracións cos estranxeiros sonvos mostra daquilo.
            “A guerra contra o Brasil (1825-1828) deixou como mal supremo a proliferación de militares, dispostos a participar en disturbios e ata en derrubamentos de gobernantes. A cantidade de xeneráis é maior aquí que no Reino Unido.
            “A estancia (facenda) do meu anfitrión estaba situada no arroyo de San Juan, concretamente no que aquí chaman rincón, por dar, por unha banda co Río da Prata e por outras con cadanseu río de grande porte. Pola mañá cabalgamos cara a un promontorio sobre dito Prata chamado Punta Gorda. Procurábamos algún jaguar  mais, malia os rastros, non o demos atopado.”
             Pois esta Punta Gorda e o chamado Rincón de Darwin, no departamento de Colonia, e no seu límite co de Soriano, marcan a fin da viaxe de tres homes de tres xeracións e tres niveis socioeconómicos, a protagonizaren a excelente road movie “Rincón de Darwin” (Uruguay/Portugal, 2012) do uruguaio Diego Fernández Pujol.
A Punta Gorda, paraxe paradisíaca, coa sua verde barranca sobre o río, tómase como o comezo (km. 0) do Río da Prata que, desde os case 2 km. aquí, alcanza os 220 de comprimento no seu convencional remate nunha liña imaxinaria entre Punta del Este (Ur.) e Punta Rasa (Arx.). E entre este Montevideo e aquela Punta Gorda transcorre esa aventura dun día, na que, de cando en vez se deixa ouvir, en inglés e en off, a voz de Sir Charles, dicindo algunhas das cousas que nós evocamos nesta crónica.

Copla cantada aos españois que resistían (1814) o sitio de Montevideo: “Cielito de los gallegos,/ay, cielito del dios Baco,/ que salgan al campo limpio/ y verán lo que es tabaco” (Bartolomé Hidalgo).        

sábado, 25 de xaneiro de 2020

Entre sabios e augures


     Había en Granada un príncipe a quen todos chamaban o Perfecto, pola bonhomía e correcto comportamento que amosaba desde a máis tenra infancia. Pero os augures, adiantándose ó futuro, sinalaron sobre el unha pequena nube que podía vulnerar a súa prognosticada capacidade de goberno, xustiza e prosperidade para o reino que ía herdar: Había de namorarse. Daquela seu pai, aconsellado por aqueles varudos señores de bonete e longas barbas, decidiu encerralo nunha torre onde sería servido por fieis criados a quen lles estaba prohibido pronunciar a palabra amor. O recluído príncipe creceu libre de prexuízos, coñecía o afecto dos seus seres máis próximos e toda a ciencia do seu tempo, pero no seu extenso vocabulario, por prescrición paterna, non entraba a palabra amor. Mais logo chegou a Candeloria, cando casan os paxariños, e baixo o firmamento, no piar das aves e no arrecendo das flores, a prohibida palabra resoou por todas partes, espertando a curiosidade do Príncipe, e entón... Invítovos a ler a lenda que, contada por Washington Irving, ten moita máis gracia para deixar ben clara a mensaxe de que non se lle pode negar a ninguén o coñecemento de ningún tema, porque máis cedo ou máis tarde este ha de aparecer nalgún dos recunchos da vida para espertar a curiosidade. E non hai nada peor que mal aprender, pois calquera asunto mal aprendido será unha pexa imposible de soportar, unha atadura ó medo e á incultura, e unha carencia que a persoa arrastrará de por vida.
     Por moito que os pais sexan os responsables da educación e aprendizaxe dos seus fillos, o maior error é pensar que os educadores, cada un especialista na súa materia, non dan a talla, cando en realidade, estes e aqueles deben ser colaboradores.



Non me imaxino á señora Cooper (da serie televisiva Big-Bang), tan católica ela, prohibíndolle ó seu fillo Sheldon asistir a unha conferencia sobre a evolución cando o rapaz tivese a curiosidade de entrar na aula onde se debatía se o home vén do mono ou o mono do home. Como moito, a boa nai, crente e crédula, dirá que aquilo é unha xerga moderna e o seu rapaz desquitarase acusándoa de pór á mitoloxía por diante da razón.


     Tampouco podo imaxinarme que por crenza paterna, por agoiro ou por superstición, o alumnado dun instituto non poida enfrontarse ós debates sociais destinados a entender e tomar partido ante todo canto van ter que afrontar ó largo da súa vida. Debater se o modelo atómico de Bohr é acertado ou non é tan importante como  confrontar, diante de expertos que sinalen os distintos puntos de vista, se as vacinas son boas ou malas ou se as drogas son necesarias para a economía, para a evasión fiscal ou para adurmiñar ós cidadáns.
     Esta semana faláronme dun rapaz de quince anos separado por orde xudicial da custodia de seu pai por permitirlle faltar a clase para poder trapichear con farlopa, quen, como bo augur, xustificábase co de que lle “estaba ensinando a gañar a vida”.
     Distinguir entre se Guzmán el Bueno foi un bo patriota ou un mal pai forma parte da formación da persoa, sempre baixo a guía de quen mellor coñeza o tema de que se trata, porque por desgracia, os pais non somos expertos en todo.
Aprender a distinguir estre Astronomía e Astroloxía é tan importante como distinguir entre sabios e augures.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)