sábado, 9 de marzo de 2024

Mimos ou caprichos

                


Saímos de ver a película Mamma Roma, de Fellini, preguntándonos precisamente iso, de ata onde os mimos non se converten en caprichos, ou de ata onde o egoísmo non impide as pautas da sensatez, cando vimos e oímos como unha nai, fronte a un escaparate, lle explicaba a unha nena que non todo canto se ve se pode mercar, que non tiña cartos para aquilo que enchía o ollo da cativa. Entón a pequena respondeulle chea de razón, “Pois vai ó caixeiro”.

Non é doado, vivindo entre escaparates, andantes ou de cristal, non sentir desexos de ser e ter tanto ou máis que os demais, sobre todo entre cativos que aínda non aprenderon que, na maioría das casas, os cartos non entran gratis ou que a meta non son os xoguetes.

A educación sempre foi o maior problema co que se enfrontaron os pais, dende moito antes de que os rapaces tivesen que aprender a cargar con ferramentas e as nenas a coser, ata estes en que, se ben se están abandonando os estereotipos de xénero, hai por veces unha sobreprotección inadecuada, un afastar os choros estridentes cedendo resignadamente coa esperanza de que xa se moderarán cando medren.  E a culpa non sempre é, como apuntaba Xulio, das paternidades serodias que actúan máis coma avós ca coma pais, ou dese inculcar dende a máis tenra idade un afán competitivo e comparativo que fai máis mal ca ben, sen delimitar esa fina liña entre os mimos e os caprichos, tan difícil de distinguir, que por veces nos fai confundir o cariño co consentimento e nos leva a que se cumpra iso de buscar a solución pola vía rápida, abordo dunha lancha con potentes fóra-bordas ou entrando nas tendas con pasamontañas.

Dinos Xulio que se ben todas as crianzas necesitan de mimos para estimular o seu propio ego, tamén
necesitan de orde para estimular o seu bo criterio, a camaradería e a solidariedade. Pero educar é un labor tan lento e mesurado que nos poden confundir os seus logros. É un camiñar, con dous pasos para diante e un para atrás.

Vémolo cada pouco neses torneos de fútbol infantil, cando aparecen energúmenos estimulando ás crianzas para que actúen con agresividade, xa non só contra o equipo contrario ou o árbitro, senón tamén contra os propios compañeiros, pretendendo facer dun cativo de oito anos un crack, un líder a base de dar patadas e sen contar co equipo, sen decatarse de que están usando a mesma regra daqueles mestres de antano que predicaban o da letra con sangue entra. Ou aqueles salvaxes que axiña sacaban de cinto para fustrigar por pequenas travesuras lamentando hipocritamente que aquelas xostreadas doíanlle máis a eles que ós seus fillos, ou que o facían polo ben do rapaz.

Que mimar non é consentir, é a conclusión a que chegamos despois de ver a película de Fellini, onde unha nai sobreprotectora que só quere ver feliz ó seu fillo, que vista ben e non lle falten cartos no peto, co único afán de afastalo da delincuencia, acaba convertendo ó adolescente nun desleixado, nun home sen oficio nin beneficio, cada vez máis carente do que en por si non pode acadar, e entón acaba naquilo do que a nai procuraba  afastalo, na delincuencia.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

xoves, 7 de marzo de 2024

A BOCA DO CABALO

 Por Pepe de Rocaforte


  


    Acabo de ler “YO ES OTRO (Septología III-VI)”, do noruegués Jon Fosse, premio Nobel de Literatura no pasado ano 2023.

            Esta parte media da “Septoloxía” despacheina despois de ter roído anteriormente a parte inicial, “EL OTRO NOMBRE (Septología I – II)”, cuxa lectura se completa con “Un nuevo nombre (Septología – VII), parte final da historia que non sei se lerei, a pesar da recomendación dun lector en quen teño total confianza, pero que nesta ocasión me pilla en horas baixas.

            Boa parte de culpa da miña escasa apreciación desta obra temo que se deba á tradución, supoño que excesivamente fiel  á redacción orixinal. (Imaxine vostede que ten diante seu un parágrafo polo estilo deste: «Non sei se lerei esta novela, penso, a pesar da recomendación dun lector amigo, penso. Nesta ocasión píllame en horas baixas, penso, e quizais por eso o texto se me faga costa arriba, penso». Tal vez en noruegués soen ben eses remates pensativos case para cada frase, ¿que sei eu?, penso; pero aquí non me acaba de parecer axeitada e creo que o traductor debería buscar unha solución alternativa. PENSO.

            Por outra parte resultoume sospeitosa a similitude entre esta septoloxía, cuxo protagonista é un mozo estimado desde rapaz como autor dunha obra pictórica de calidade que, xa na adolescencia, lle permite vivir, con unha única exposición anual, sempre de doce cadros, dous de formato grande e dez de pequeno tamaño, nunha galería que se ocupou de promocionalo á fama desde os seus inicios artísticos.

            Se vostede leu “La boca del caballo”, do escritor-pintor irlandés Joyce Cary (Derry, l888-Oxford 1957), terceira novela dunha triloxía cuxos dous primeiros títulos non coñezo, é posible que pense, como me ocorre a min, na posibilidade de que Jon Fosse tamén a lese e ó mellor, sen se decatar, se puxo a escribir algo sospeitosamente parecido, coa salvedade de que o protagonista de “A boca do cabalo”, o pintor Gulley Jimsom, artista que sobrevive a base de sablazos e todo tipo de argucias para lle meter de vez en cando algo sólido ó corpo, co risco de calquera noite aparecer morto nunha esquina escura de Londres, todo elo relatado en primeira persoa cunhas doses de ironía moi de agradecer (ironía que, en cambio, se bota en falta na septoloxía de Fosse).

            Para que se faga vostede unha idea acabo de abrir ó chou o meu exemplar de “A boca do cabalo” (Xa sabe: no hipódromo sempre hai alguén con información de quen será o ganador da próxima carreira, información tomada directamente “da boca do cabalo”). Na páxina que acabo de abrir, Gulley Jimsom discute nunha  elevada polémica artístico-tabernaria con outros artistas coma el, incomprendidos e marxinais. O debate vai así:


            «--Eu non dixen que os artistas creadores recibisen o estímulo en vida. Non, eso é imposible. O que dixen é que se acada unha atmosfera alentadora para a arte orixinal despois de os artistas morrer [...] Cando Van Gogh estivo morto e podre, e cada un dos seus cadros se vendía en miles de dólares ás galerías públicas para que os estudantes puidesen extraer ideas, Matisse e Picasso e Braque eran brincadeiras de escaso gusto; pero ¡que alentador para eles saber que Van Gogh [...] triunfaba nos mellores salóns! Esto é o que eu digo: que se un goberno quere arte orixinal, arte grande, só ten que pagar a unha morea de kricketos (palabra creada por Jymsom, de  kricket e critic) e profesores e escribas arruinados, para que digan sandeces sobre arte a unha manchea de inocentes criaturas. E lles ensinen a debuxar e a pintar tan mal que ata as súas propias nais se avergoñen deles e lles pidan que se dediquen a algo máis respectable, como vender mentiras ou a trata de brancas. Pero eles non abandonarán E a metade volveranse coma Herodes, devorados polos vermes. E a outra metade, coma Xob, coas pernas tan podres que non poderán atopar repouso en ningures. E a primeira metade vai rondando en busca de algo con que cubrir a súa barriga. E a segunda metade vaise arrastrando a catro patas na busca dun lugar onde descansar os seus miserables esqueletos. E deste xeito xúntanse por fin no cemiterio e alí desenterran cos dentes e as gadoupas algún malpocado mendigo e din: “¡Oh, era un xenio!, matado de fame polo goberno.»