sábado, 31 de outubro de 2026

A pesca recreativa e a toponimia



Cando o pai de Xulio viña de vacacións, sempre tiña a alguén de man que lle prestase unha dorna para ir de pesca algunha que outra tarde e levábao a el. Daquelas xornadas quedoulle na memoria a chegada á casa coas fanecas que súa nai preparaba para cear, as pequenas para fritir e as grandes para torar en caldeirada. Tamén aprendeu daquela a preparar unha liña, empatar un anzol ou remar. Por aquel entón, para ir de pesca por afección só se necesitaba ter ganas, agora a cousa non é tan doada; ademais de todo iso hai que ter licencia, un seguro e dar parte das capturas vía internet. Ou sexa, hai que ter papeis en regra e teléfono móbil.

Xulio tamén lembra como aprendeu con seu pai a marcar as fanequeiras levando á práctica ese postulado da xeometría que di que dous puntos definen unha recta, e dúas rectas que se cruzan sinalan o vértice do ángulo onde situar a fanequeira, poñendo en práctica a teoría que lle ensinaban sendo alumno dos primeiros cursos do instituto. Era a ancestral maneira de fixar os postos onde por tradición se sabía que había peixe. Logo, a maiores, segundo a marea, as correntes e os ventos, un pescador ha de saber deixarse caer máis para norte ou para sur. Pero ademais, esa maneira de sinalar onde fondear tamén lle ensinou unha serie de palabras relacionadas coa rica toponimia costeira, empezando polas fanequeiras que de cando en vez nos recita: o Nuno, Sarrozo, Lodeiro e moitas máis, das que lembro por proximidade á miña casa a de “Saíñas” que marca a Illa dos Ratos coa terceira fiestra por norte da fábrica de Canucho e o encascador da Cambra a través da insa da Pirilla. Claro que agora xa non existen nin a de Canucho nin o encascador, e suponse que os pescadores xa buscarían outra maneira de sinalar ese posto, pero queda na memoria onde houbo unha fábrica e un encascador.


Xulio tenme ensinado, na súa casa, varios cadernos herdados de seu pai e de seu avó, onde se recollen máis de cen postos de pesca cos nomes de lugares costeiros que servían para sinalalos, unha riqueza toponímica que nos dá conta de antigos nomes de pedras e outeiros, algún xa perdido na memoria colectiva, pero que el aínda lembra daquelas tardes de pesca e de reler eses cadernos, verdadeiros compendios de toponimia. Claro que agora, se lle vas con isto a calquera pescador dirache que xa ten o GPS, que ata che deixa ver que peixe hai no fondo. Mais sen ese método tradicional de marcas estanse perdendo moitos nomes de lugares e con eles esa riqueza lingüística que nos dá conta da orixe ou da historia do lugar nomeado.

¿De onde vén que se lle chame as Lobeiras a unhas pedras no medio do mar, se xa ninguén lembra ver lobos, suponse que mariños, por estes lares? ¿De onde vén o de Entocadora, ou mesmo Cambra? ¿Lembra alguén que Modorrón e o nome que de antigo se lle daba ás dunas?

Algún día teño que acompañar ó amigo Xulio a dar un paseo para que me ensine todos eses nomes que bautizan e definen a historia dos nosos mares.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

sábado, 24 de outubro de 2026

Os xogos tradicionais.


Lembramos na casa a un antepasado que aló por principios do século XX, emigrado na Arxentina viu xogar ó fútbol e preguntábase que mérito lle encontraban a aquilo de andar a patadas cunha pelota. Logo, xa nos anos sesenta, tamén el pasaba as tardes de domingo vendo os partidos que botaban pola televisión e discutindo as xogadas.   

Daquela, para aquel parente noso só tiñan sentido xogos como os bolos, a chave ou a billarda, que ademais de divertir e facer sentir o cansazo do exercicio, estreitaban a relación de veciñanza entre novos e vellos, lembraban a quen antes ca eles os practicaran e animaba a quen por idade só podía aconsellar ou opinar sobre a destreza e maña dos xogadores. Pero o fútbol gañoulles en fama e sona.

Os xogos tradicionais xa non son os máis populares, pero son aqueles que valen para todas as idades e se practican dende moito antes que os concellos montasen parques de ximnasia ó aire libre contra o colesterol e a subida de azucre, sen se decatar que habilitar espazos para aqueles afianza a participación interxeracional e unha rivalidade lúdica. Como unha partida de cartas de sobremesa pero movendo os músculos.

De feito, aló polos tempos de meus bisavós, os domingos pola tarde xuntábanse a xogar os bolos, tamén chamados birlos, nalgún espazo aberto. Agora dinme que se recuperou en Boiro e noutros lugares de Barbanza, e que en abril deste ano foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta, coa denominación de “Bolos Celtas”, coas súas regras e un campionato que percorre aquelas vilas onde hai algún equipo, a maioría das veces formado por xente entusiasta que pensa máis na reunión ca na competición. Como fai o amigo Manolo, quen cada tarde lle dedica unha ou dúas horas a lanzar os pellos á chave, adestrando como un deportista profesional, só que a estes poucas veces os vemos saír nas páxinas deportivas do xornal e para saber como quedaron haillo que preguntar a alguén do seu equipo.

Outro amigo, o Pepe, é da Billarda. Algo que tamén eu practiquei de neno, que como os dous anteriores tamén está federado. Son xogos tradicionais, pero non populares, e dende que no 2021 se creou a Federación Galega de Deportes Autóctonos, ás veces, se non hai outra cousa da que falar, tamén retransmiten algún destes encontros pola TVG en horario de mínima audiencia.


O bo destes deportes é que non esixen unha preparación física de alto nivel e son accesíbeis a todas as idades e a ambos sexos, só se necesita un terreo onde practicalos, o mesmo campo de fútbol que hai en todas as parroquias ou unha leira sen plantación.

Hai anos, os elementos destes xogos, bolos, chave ou billas gardábanse nos bares á disposición de quen os precisase, como se gardan os naipes; e eu, dende esta páxina animo ás asociacións culturais ou de veciños a fomentar estes “enredos” como se fomentan as clases de baile, pintura, tai-chi ou gaita, á fin eles son parte do patrimonio, axudan nas relacións sociais e ademais, como son BIC, ben poden ter axudas para a compra de material, os desprazamentos ou adornar as vitrinas dos clubs con algo máis ca os trofeos do campionato de Tute.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 17 de outubro de 2026

Os rañaceos e outras moles.



Sempre me desconcertou a historia da torre de Babel. Primeiro cando me contaban como Deus, coa obra xa moi adiantada, se decatou do que pretendían e, en vez de derrubarlla, fai que todos falen diferentes linguas para que non se entenderan entre si. E aí quedou o esqueleto dun edificio inacabado para exemplo da vaidade humana, coma tantos que hoxe en día vemos paralizados pola xustiza ou por falta de previsión, para humillar a arrogancia. Tamén penso que en Babel, o que realmente fixo que non se entendesen foi a inxente cantidade de escravos con diferentes falas e procedencias.

A grande ansia do ser humano é chegar ó ceo pola vía rápida, e quen di ó ceo di á primeira liña de praia. Intentárono aqueles albaneis da Biblia e séguese intentando agora a base de rañaceos, de maneira que un pequeno soar dá para moitas vivendas (negocio redondo) ou o que é o mesmo, a procura de menos inversión e máis ganancia, que cando non funciona ou non se albisca beneficio, reflíctese en armazóns inacabados ó largo do territorio, en contraste coas aldeas baleiras do interior.

Así empezou Nova York, cando todos querían vivir na illa de Manhattan e, á falta de chan, decidiron construír ó alto, e onde antes se facía unha casa logo construíanse centos de vivendas ata converterse nunha competición por ver quen fai o edificio máis alto. Dubai é un exemplo desa absurda competencia por construír ó alto cando se pode construír ó ancho. E dende que vin por vez primeira a película El coloso en llamas, onde o xefe de bombeiros explicaba o absurdo e inseguras que son esas moles, collinlles un pouco de xenreira. Por eses anos, na Coruña, asistía a unhas clases particulares nun piso dezaoito con vistas á praia de Riazor, onde nas tardes de temporal tiñamos a sensación de que o edificio abaneaba.


Entre nós, aínda que non chegamos a tales extremos, tamén sufrimos a invasión do cemento especulativo a poucos metros da mallante, o novo ceo para as escapadiñas vacacionais, invadindo os lugares costeiros para edificar con vistas, que é o que máis vende, pois se non chegas ó ceo, polo menos chegas a ver os golfiños brincando sobre un banco de sardiña.

Cóntanme que unha desas moles de vivendas que hai vinte anos quedou sen rematar no Porto do Son, vaise retomar para construír vivendas sociais, agora que están na mente de todos os interminábeis desafiuzamentos, os alugueiros caros e os pisos inaccesíbeis. Nos meus paseos pola beiramar empezo a lamentar que as babélicas administracións non se entendan, para erradicar tantos esqueletos de cemento amurallando a praia e acumulando lixo dende que se puxo de moda construír pensando no turismo de dous meses de ocio, sol e praia, coa porta pechada durante dez meses ó ano, máis do que esa demanda necesita e o común da xente pode pagar.

Lembrando a Victor Jara, hai que abrir esa muralla que botou abaixo as antigas casas do remo ou do pincho, coas súas galerías, balcóns e corredores para erguer edificios que poñen as praias en sombra, que vén transformar a fisionomía das nosas vilas, e limitan as aspiracións da maioría dos asalariados. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de LaVoz de Galicia).


sábado, 10 de outubro de 2026

Ó son da gaita


Xulio tenlle unha querenza especial á gaita dende moito antes que o señor Fraga, nun alarde de pseudo-galeguismo tardío, enchese con máis de mil gaiteiros as rúas de Compostela o día da súa primeira toma de posesión como presidente da Xunta.

Tamén sabemos que ó Xulio lle encanta escoitala en lugares abertos, dende o cume da Curota ata o faro de Corrubedo, a carón dunha mámoa do Iroite ou ó pé dun cruceiro, e este verán tivo o agasallo de sentila sobre unha batea, co acompañamento do son das ondas marcando o compás. E sempre polas festas parroquiais, cando oe ós gaiteiros co seu pasarrúas sae a escoitalos, porque ó seu entender é o mínimo que pode facer para gratificar a quen patea os camiños animando a parroquia e a cada un de nós, e agora que ten unha pequena na casa, sae con ela para que tamén a cativa participe do agasallo.


E este feito debeu de gustarlle ós gaiteiros do grupo Riparia, que este verán pararon na porta da súa casa para agasallalos con unha muiñeira cantada. E traio isto a conto porque, segundo el, os aplausos con que os despediron quedaron curtos para tan alto regalo, que incluso animou a súa irmá a bailala lembrando os anos en que ela pertenceu a un grupo folk.


Conteille esta anécdota a un profesional, director musical dunha das principais agrupacións folclóricas galegas, fundada no tempo das Irmandades da Fala, quen me contou do mal que tratan moitas veces os gaiteiros, casos nos que lles piden, a maiores, que queden para amenizar a sesión vermú, ás veces en poboacións a máis de cen quilómetros de distancia das súas casas e nin os invitan a un bocadillo, como se o gaiteiro fose unha categoría inferior, como se chamalos para tocar fose facerlles un favor.


Sen embargo, cando hai anos entrevistei a un vello músico, de profesión carpinteiro, contoume do ben que os agasallaban cando o palco se improvisaba sobre un carro de vacas, como os invitaban a xantar e lle poñían a mellor cama da casa para pasar a noite; pero, en xeral, non sei que pasa cos músicos populares, que ata o dicionario da Real Academia Galega recolle, como terceira acepción da palabra gaiteiro, a Persoa alegre e algo atolada.


¿Ou será que se envexa ó gaiteiro porque con esa súa gaitiña ás nenas ha de enganar, que dicía Rosalía?

Xulio falábanos estoutro día da anécdota que lle ten contado seu avó, sobre un grupo do seu tempo, que por estar formado por xente que se gañaba a vida noutras profesións máis estábeis, un escribidor de Ribeira publicou un artigo no que os trataba, como pouco, de charanga ruidosa. Mais quixo a casualidade que este señor se vise na obriga de chamalos para algunha festa local, para a que os músicos prepararon unha peza con intención de botarlle en cara a maldade do seu artigo, algo que viña a dicir: Fulano, Fulano, Fulano, e puxéchenos no diario, Fulano, Fulano, Fulano, e tocácheste o carallo, pero o día da actuación, o tal Fulano foi quen os recolleu, quen os acompañou e agasallou cunha farturenta parva, e daquela, demostrando bonhomía, os músicos decidiron perdoalo e tocar a peza ensaiada sen cantar a letra.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 3 de outubro de 2026

San Francisco de Asís



      

Este catro de outubro cúmprense oitocentos anos da morte de san Francisco de Asís, polo que non está de máis lembrar a quen lle sacou as cores á opulenta clase eclesiástica, e sen embargo canonizárono no tempo récord de dous anos, en 1228.

Porque el, de nome real Giovanni di Pietro di Bernardone, ben podía vivir das rendas do negocio paterno de teas, ou ensinando idiomas, pois por saber francés, aprendido cando acompañaba a seu pai ás feiras de Francia, os paisanos alcumábano de Franchesco e de aí lle vén o nome con que o coñecemos, máis preferiu unha vida de total austeridade. 

Sen pasar polo seminario, entendía e apreciaba as doutrinas de Cristo baseadas na pobreza, ata facer cousas que alporizaban a seu pai cando o mandaba a cobrar unha débeda e gastábaa repartindo esmolas entre todos os pobres que atopaba antes de chegar á casa.

A súa vida está chea de anécdotas moi curiosas como a de querer explicarlle ó sultán de Exipto os principios do cristianismo en plena contenda das Cruzadas; convencer a unha veciña de dezaseis anos, Clara, quen tamén acadaría a santidade, filla dunha adiñeirada familia, para que deixara a casa paterna e se acollese á súa orde baixo uns principios de extrema pobreza e mendicidade, ou tratar a todos os animais como irmáns, fosen lobos ou paxariños, como ós seus seguidores, que non son monxes, senón freires, cuxo étimo vén do termo latino para irmáns.

No seu tempo Europa viuse favorecida por un auxe do comercio, do que a Igrexa, posuidora de grandes extensións de terreo, elevou ós seus membros ó carro dos ricos e influentes, en contra do que moitos entendían que ditaban os evanxeos. E neste ambiente en que se discutían cousas tan arduas como se a capa que vestía Cristo era mercada ou regalada, como se nos conta na novela O nome da rosa, apareceu Giovanni para lembrar que Cristo non tiña propiedades e vivía da caridade.



        

Aínda así, debía levar nos xenes o espírito negociante de seu pai, pois non tardou en encontrar a maneira de que os seus seguidores tivesen un teito baixo o que acollerse. Un exemplo témolo na súa peregrinación a Compostela en 1214 cando lle pide ó carboeiro Cotolai que procurase un lugar para acoller ós seus seguidores, e escolleu un soar chamado o Val do Inferno, que eles deciden converter en Val de Deus, pero como non tiñan diñeiro, por inspiración divina, o santo mandoulle a Cotolai cavar a carón dunha fonte, onde apareceu un tesouro suficiente para construír o convento, segundo a lenda recollida por don Leandro Carré.

Sen embargo, en san Martín Pinario contáronme outra versión moi distinta: sinalando unha imaxe do santo con un cesto de troitas, dicíanme que era a única imaxe na que se representa a san Francisco con troitas (logo souben que hai outra no museo provincial de Lugo e un cadro de Landeira y Bolaño no mosteiro de Antealtares), porque o soar onde está o convento foi doado polos monxes de san Martín Pinario a troco dun cesto de troitas cada ano. Unha renda ben barata que seguen cumprindo anualmente cada once de novembro.

Como queira que sexa, esta segunda versión paréceme máis propia para ser do fillo dun comerciante.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).