xoves, 28 de maio de 2020

OS TEDIOSOS VERAOS DA ADOLESCENCIA

Por Pepe de Rocaforte

Pásanme unha columna de Manuel Vicent, “La escuela de escritores acostados”, publicada o venres pasado en “El País”, coa indicación -dime o enviante- de que lle fixo lembrar unha conversación que tiveramos os dous hai xa bastante tempo, sobre ese mesmo tema, e como sabe que deixei de ler  hai moitos anos “El País”, supón que eu non a vería.

Certo: non a lera; nin tampouco me acordo moito desa nosa conversa, pero supoño que sería arredor de Juan Carlos Onetti, un dos grandes escritores de quen gusto e quen durante un tempo bastante alongado, xa próximo ó final da súa vida, dera pé, como saberán vostedes, para moitas colaboracións xornalísticas pola súa teima en non se volver erguer nunca máis do leito.

 E agora, un tanto distraído polos inicios dunha soneca primaveral, púxenme a ler, máis ben a lle botar unha ollada adormecida por riba, á columna de Vicent (pero quero deixar claro que os inicios de somnolencia que me asaltaban nestes momentos non eran producidos, nin moito menos, pola prosa do escritor levantino, de quen, se ben as súas novelas non me parecen enteiramente conseguidas, admiro e envexo sobre todo os seus redondos traballos xornalísticos). Estáballe botando, xa digo, unha ollada á columna de Manuel Vicent cando me espabilou unha frase, sorprendente ó meu ver, na cal o autor se refería a “aqueles longos e tediosos veraos da nosa adolescencia”.

Un pouco preocupado por se “tedio” tiña algunha acepción diferente da que eu lle supoñía, funme informar no Dicionario Xerais da Lingua, onde puiden ler: “sensación de aburrimento, desgosto ou fastío”. Como o texto estaba en castelán e lle teño moito aprecio ó “Diccionario de uso del español”, de dona María Moliner, tamén a el lle fun botar unha ollada. E lin: “cansancio que produce una cosa que no interesa o por la que se ha perdido el interés”. E tamén: “estado de ánimo del que no encuentra atractivo o interés en lo que lo rodea o en la vida en general”.

Xa sei que a nosa tendencia inconsciente a modificar e adornar as lembranzas da adolescencia acaba por facer delas algo moi diferente do que realmente vivimos entón. Pero así e todo chamarlle “tediosos” ós veraos da xuventude, paréceme, desde a miña cativa experiencia, un tanto desacertado. Para min, como para os meus amigos de entón, era o tempo das excursións aventureiras, das tardes de baños, uns anos no río, outros no mar, das lecturas non obrigadas á hora da sesta, dos primeiros escarceos amorosos, a maioría deles con resultados tan penosos que nalgunhas ocasións chegabámolos a considerar tremendos dramas cuxas secuelas podían perdurar ata preto dun mes, mes e medio, ou xa nun caso excesivo, arredor dun trimestre, botándolle moi polo alto.

Pero neses casos tampouco creo que “dramático” tivese “tedioso” entre os seus sinónimos. Nin aínda cando me quedaba pendente para setembro algunha materia do curso e me vía forzado a ir pasar os meses de xullo e agosto á vila para recibir unhas clases particulares de don Enrique Vázquez Fraga (Deus o teña na Gloria).

Daquel tempo véñenme hoxe á memoria con certa saudade tres compañeiras de pasantía, dúas delas irmás, coa menor das cales, Noni, me volvería encontrar moitos anos máis tarde oficiando ela de presentadora nunha charla que me convidaran a dar. A terceira, Erica, unha para min exótica rapaza austríaca, chegada á vila nun grupo de nenos acollidos ó final da Guerra Mundial en casas de xente acomodada, e que non regresaría ó seu país ata ser xa muller adulta, tal vez chamada entón por algúns familiares de acolá.

Pero, como di o tópico, estas xa son outras historias.

 

mércores, 27 de maio de 2020

Ulisíada (XVII)


Por Far O'McKwoo
De como Ulises, finalmente, procura a evocación dos devanceiros.
     Daquel encontro co catedrático Tiresias, Ulises entendeu a necesidade de aconsellarse antes de cada novo paso, de cada nova decisión, con quen pode aportar a voz da experiencia evitando arroutadas e inapropiadas decisións, pero, ó mesmo tempo, despois de tantos desenganos, ¿con quen se pode aconsellar el que vive só e sen arrimo, que diría a poeta?.
     Tiresias invitouno a visitar o seu despacho, para decatarse de que non necesitaba de ningunha carteira para saber que debe visitar os consulados e as asociacións de emigrantes que poidan indicarlle o camiño máis adecuado alí onde se atope, só que ás veces ata dá vergoña chegar a unha oficina e dicir “Son un universitario que non sabe andar polo mundo, son un arroutado que presume de portar un alcume que inviste de intelixencia pero vai tropezando unha e outra vez na mesma pedra”; nesas oficinas onde os mundos do Máis Aló e do Máis Acó se xuntan, tal e como lle dicía aquel catedrático, paisano seu, un sabio mestre que empregaba o tempo en filosofar sobre a memoria e o esquecemento dos emigrantes, un cavilador que cada noite se reclúe nese antro, tal tenebrosa gruta, aberta a unha escura calella que queda por detrás do cemiterio de San Luís, un lugar onde a presencia da morte sinala a vulnerabilidade da vida.
     O sabio Tiresias falaba dos emigrantes como de mortos penando nun purgatorio de incomprensión as súas ansias de dignidade, pois igual ca estes son arredados do resto da parroquia, expulsados a onde non molesten. Os emigrantes son como unha Santa Compaña de desarraigados e descridos podrecendo lonxe do corazón da patria, unha funesta compaña da que só se libera a noxenta estadea cando retorna ó fogar patrio, e el mesmo se poñía de exemplo, el mesmo viña sendo un morto máis da súa terra, un exiliado económico e cultural, que un día arribou a estes eidos mendigando un salario e renunciando á propia identidade, convertido nunha ánima en pena por non ter unha oportunidade clara para dedicarse ó seu oficio na súa terra, despois de cinco intentos falidos de oposicións, nas que sempre lle gañaban por un punto. Nun país onde a empresa máis segura para un traballador é a administración pública, e nunca a creación de bens de uso e consumo que sempre han de vir de fóra; un país rico en recursos que han de ser elaborados por empresas foráneas. Un país que exporta a materia prima para que lla devolvan elaborada. Tiresias, pouco lle podía dicir a el que, sen máis oficio có de busca vidas, non ía atopar solución se non era nunha grande cidade onde aforrar para a viaxe de volta, unha grande cidade onde ha de evitar as tentacións da nugalla e da desidia, onde ha de levar unha monástica vida de sacrificio e reclusión para poder coller un avión en canto teña os cartos suficientes para retornar ó lugar de onde nunca debeu marchar, antes de que a preguiza e a apatía o reclúa para sempre, como o recluíron a el. Volver para pelexar coa ansia de redimir ese país que cuspe ós seus paisanos como se non houbese terra para eles.
     En pouco tempo, Tiresias recitoulle unha listaxe de nomes coa súa historia particular, uns que fuxiron por necesidade, e outros por imitación, por envexa se se quere, cando vían chegar ós seus amigos de infancia con zapatos lustrados e garabata a aldea natal. Fuxían porque non había forza para enfrontar os problemas na propia terra e preferían enfrontar os perigos en terra allea, partir do anonimato para loitar contra nativos tantas veces armados de odio ó forasteiro, e aceptar traballos que só lles servían para mercar o traxe co que retornar presumindo dun logro que só acadaban os que fuxían.
     -Todos os nosos paisanos teñen un antepasado emigrante cuxa memoria debería ser a mellor lección de superación e resistencia. Pero na vez da súa memoria, do seu exemplo e da lección que aportan, só se lembra o orgullo do retornado, érguense mediáticos monumentos de ridículo sentimentalismo que afogan a grande decisión que tomaron, confundindo a morriña coa vaguidade e o valor coa retirada. Un século atrás despoboouse o país dos mellores profesionais da terra e do mar, e agora foxe unha mocidade culta e intelixente para facer valer os seus diplomas en países que teñen as mellores universidades do mundo. Ningún emigrante é un triunfador -rematou por dicirlle o sabio Tiresias-. E só se sente triunfador cando pode retornar e amosar o seu logro. Outras veces, o triunfo imposible obrígao a arrastrar a toda a familia con el ó exilio.
     Nese intre Ulises lembrou as palabras de súa nai cando se despedía dela: “Meu fillo, en terra allea é máis doado ser escravo que home libre”. Pero daquela puidéralle máis a ambición.