sábado, 29 de agosto de 2020

A arte do refugallo

 

     

 

E quen non quixo amañar algún electrodoméstico avariado antes de chamar ó técnico? Quen non converteu un bidón en desuso en fogón de barbacoa? A quen non lle sobraron pezas despois de chafallar nun aparello e, milagrosamente, funcionou? Esa frase de “primeiro bótolle unha ollada e despois xa veremos”, forma parte da idiosincrasia do enxeñeiro que todos levamos dentro; e que felices quedamos despois de furgar e gastar cinta illante e cola cando o aparello furrula. O malo é se despois de andarlle nas tripas o enfermo acaba máis grave do que estaba e vai parar á sala de operacións do servizo técnico, para que nolo devolvan con rostro compunxido, como se saíse dunha operación a corazón aberto, ó tempo que nos estenden a factura: “Esta peza é moi raro que falle, pero desta vez tivemos que pedila á fábrica”.

 A chapuza debería ser unha das materias máis importantes na carreira dos enxeñeiros, porque cando non aporta unha solución a baixo custo, dálle ós técnicos a oportunidade de lucirse, e sen embargo nin se contempla como unha “maría” tendo como ten méritos suficientes para ser valorala en igualdade có cálculo infinitesimal ou a tecnoloxía electromecánica. Como en tantas cousas da vida, aínda en asuntos de demostrada necesidade, hai materias cultas e vulgares, as primeiras estúdanse e as segundas apréndense.

Neste país, onde a necesidade agudiza os miolos, onde as cunchas da vieira foron sempre os cinceiros dos bares, pero tamén, moito antes da chegada da electricidade, palmatorias que iluminaban tanto nos cuartos dos enfermos como os dos amantes despois de comerlle o saboroso miolo, nunca nada foi finiquitado por inútil. Incluso, esta mesma cuncha serviu de cunca, como reza o refrán recollido polo etnolinguista don Federico Zamora Mosquera, “Os de Palmeira beben o viño pola cuncha da aviñeira”, mentres que a tapa de tal molusco, os ghaleses, foron en todas as nosas rías o mellor e máis eficaz medio de protección contra a humidade, revestindo as nosas casas polo pinche de suroeste contra os vendavais.

Este periódico dedica un espazo a amosar esas enxeñosas obras de reciclaxe que os nosos paisanos acostuman a facer, xa sexa con somieres que, cando perden a elasticidade, son usados como porta de finca, como coas tapas do forno dunha cociña bilbaína convertidas en caixas do correo. Iso é verdadeiro anticonsumismo, alta capacidade de reutilización, verdadeiras obras de enxeñería cando non de artistas consumados, dignas de estar nunha galería expostas como obras de arte ou tecnoloxía.

A todo isto, había que empezar por distinguir entre chapuza, enxeño e reciclaxe, pero como queira que sexa, todo entra no campo da habilidade creativa, aínda que lle demos un significado máis ou menos pexorativo segundo quen sexa o autor. Á fin, se un artista, recolle ferranchos e outros elementos do caldeiro do lixo e arma con eles unha figura, estamos ante o que os entendidos chaman arte Povera, cuxos principios, tales como a banalización do luxo e a denuncia do consumismo xa se lles ocorreu antes ós nosos paisanos, pero facendo obras de utilidade. Así é que, no noso parladoiro dos xoves, ó amigo Afonso, decidido defensor deste tipo de amaños, desta adaptación dos vellos elementos a un novo uso, aconsellounos chamarlle a “Tecnoarte do refugallo”. Só hai que ver esas mostras de reciclaxe que tantas veces nos sorprenden para apreciar as altas cotas de enxeño de que facemos gala.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia)


xoves, 27 de agosto de 2020

UN RECORDO DE RUSIA

Por Pepe de Rocaforte


A miña lectura destes días, aínda sen rematar, “O fin do Homo Soviéticus”, de Svetlana Aleksiévich, Premio Nobel en 2015, tróuxome á memoria unha viaxe por Rusia no ano 2010, na cal tiven ocasión de ver algunhas personaxes que, salvando as distancias que van da miña escrita á da Aleksiévich, poderían ser incluídas nun apéndice do seu libro, co título de “Un galego fala con dúas rusas”.

Ámbalas dúas eran guías de turismo, unha, Olga, en Petersburgo, a outra, Katia, en Moscú. Empezarei por Katia, unha rapaza de vinte e seis anos naquel tempo, con pouco aspecto de rusa, ó meu ver, e con quen axiña simpatizamos. Contounos que estivera en Galicia, facendo o camiño de Santiago, non enteiro, senón algo menos da metade; pero pensaba volver con idea de facelo desde Roncesvalles.

O día da nosa chegada a Moscú, despois de nos acompañar ó hotel quedou en virnos buscar pola noite e, se queriamos, levábanos a un lugar onde nos farían o cambio de euros a rublos en moito mellores condicións que en ningún outro sitio e, para comparar, podiamos preguntar primeiro polo cambio que facían no hotel.

Supoño que a operación incluiría unha comisión para ela, pero falta lle faría, porque segundo me había contar máis tarde, só traballaba seis meses ó ano, desde mediados da primavera a mediados do outono. “E os seis meses restantes, ¿que fas?”, pregunteille. “Estou na miña casa, leo moito, fago traducións, estudio idiomas... En fin, non o paso mal”. “¿E chégache o que ganas no verao para vivir os seis meses restantes do ano?” Díxome que non tiña queixa. Co que fora aforrando xa mercara un terreo a corenta quilómetros de Moscú, onde pensaba construír unha pequena dacha dentro de catro ou cinco anos, se as cousas non lle ían mal. E esto foi o que ma trouxo á memoria lendo agora “O fin do Homo Soviéticus”; paréceme representativa en certa medida dunha clase de ruso actual dos que describe Aleksiévich no seu libro.


En Petersburgo, Olga, a quen supoño duns trinta e poucos anos naquela época, foi a nosa guía na visita ó Hermitaxe e a algunha das illas da proximidade. Non cheguei conversar moito con ela, fóra das explicacións nas visitas; pero, a diferencia de Katia, seica traballaba todo o ano. Ó remate da temporada de turismo, facía visitas ó Hermitaxe con grupos de rapaces das escolas dun amplo radio na contorna de Petersburgo, ás veces ata de Moscú.

Un compañeiro de viaxe preguntoulle se estaban mellor en Rusia na actualidade, ou antes, co réxime comunista. Olga, cun sorriso anxelical, respondeulle: «Eso téñenmo preguntado en máis dunha ocasión» (O cal debía ser certo, polo ben preparada que tiña a resposta). «Como non dispoñía de datos para o caso, pregunteille á miña bisavoa, que viviu ata hai pouco, cando lle parecía que se estivera mellor en Rusia. Contestoume sen dubidalo: Na época dos zares, cando eramos a capital do país e viñan os embaixadores estranxeiros e había alegría, luxo e riqueza por todas as partes.

»Pregunteille logo á miña avoa e tamén me respondeu sen vacilar: A mellor época en Rusia empezou despois do triunfo da Revolución Bolxevique, desde cando en 1922 se creou a Unión Soviética, ata o comenzo da Segunda Guerra Mundial.

»Seguín a enquisa preguntándolle á miña nai e para ela a mellor época fora a de fins dos anos cincuenta e comenzos dos sesenta, cando Nikita Khrushchev rompeu co pasado stalinista e o país se puxo á cabeza do mundo na carreira espacial.

»Pregunteime logo a min mesma e, desde o meu punto de vista, a mellor época de Rusia é a actual, a que vivimos agora. Meditando sobre todas estas opinións, acabei por pensar que a mellor época é sempre aquela en que nós somos mozos».

E Olga rematou a resposta co seu sorriso encantador. ¿Non quedaría esto ben nun apéndice ó libro de Svetlana  Aleksiévich?

 

 

martes, 25 de agosto de 2020

Ulisíada XXX

 

De como foi quen de poñer todo o negocio dos narcotraficantes ó descuberto.

Por Far O'McKwoo

 

  

Desde o momento en que Ulises aceptou a invitación, estaba predisposto a desenmascarar a razón real daquelas reunións, e a deste día en concreto, o primeiro das festas patronais, día de reparto que, en palabras de Antínoo, “En días así traballamos máis ca un repartidor de cervexas”. Mais agora, expectante por ese augurio de monstro devorador, á hora sinalada entrou ó reservado do bar dando mostras de eufórico, pero observando a todos. Sentou á mesa onde lle indicaron, permanecendo atento a toda manobra, palabra ou aceno que alí tiña lugar, tal a de cando se abriu unha porta traseira do local para meter unhas bolsas que se arrecuncharon nunha esquina e taparon cun mantel.

-Ó saír cada un que colla a súa. E a este –Antínoo sinalou a Ulises- darémoslle estoutra. -E sacou do peto da chaqueta un sobre amarelo acolchado.

-¿De canto? -preguntou un.

-Uns gramos. –E pousou o sobre co resto das bolsas. Logo, dirixíndose a Ulises -. E canto antes a metas antes che damos máis, e máis terás para ti. Esta primeira cobrarémoscha despois de que a vendas, pero as outras terás que pagalas por adiantado, coma calquera.

Sentou Antínoo fronte a Ulises, quen sen sacar a viseira nin o impermeable nin as gafas de sol, tampouco portaba polas bromas que lle facían cando lle botaban o marisco no prato sentenciando, “Que hoxe sacas a barriga de mal ano”, ou “Nunca tal viches”, gabando cada bocado que tomaba como se fose unha excepción na súa vida.

Ulises mide a distancia a que está cada un, observa os movementos do camareiro, que só sae de detrás da barra do reservado para servir máis botellas ou bandexas de comida que lle chegan por unha xanela que comunica co bar, e a través da que mira de cando en vez controlando quen entra ou sae do local.

Disimuladamente, mentres se serve unha nova nécora, Ulises mira o reloxo.

-Vaia peluco. ¿Onde o mangaches?. –Dille un dos presentes tratando de abrir novas chanzas.

Ulises sorrí e tápao coa manga do chuvasqueiro. O plan ten que empezar a executarse axiña, segundo ten calculado.

Non levaban media hora de cea cando o camareiro, despois de falar con alguén a través da xaneliña, acercouse a Antínoo muiñándolle:

-Dinme aí que che avise de que chegou Penélope.

-E que?.

-Non sei. Dixéronme que che avisara.

-Pero quere algo?.

-Non sei. Ti saberás.

Antínoo ergueuse, e ó saír, pola porta entre aberta puido verse a Telémaco e a Penélope con outras mozas amigas tomando asento nunha das mesas do bar.

-Que sorpresa.

-O neno que quería baixar á festa.

Ulises seguía depenicando patas de nécora que gorentan na punta da lingua pero non enchen o  estómago, sen se mover.

Remataron o marisco e trouxeron unha churrascada con moito chourizo e costela queimada, pero Antínoo aínda non volvera, e os de dentro seguían dirixindo as súas chanzas contra o invitado que, tranquilamente, as soportaba, ata que, de súpeto, Telémaco entrou sixilosamente no reservado ficando dous pasos por diante da porta a observar. Ó velo, un dos comensais berroulle ó camareiro para que sacase ó cativo dalí, que aquela era unha cea privada, e podía entrar ninguén, pero xa, no entre tanto, o cativo movérase para o lado das bolsas tapadas co mantel, fronte a Ulises que lle pide, chamándoo polo nome, que mire de que son aquelas.

-Aí está a causa da perdición.

De súpeto as caras riseiras petrifícanse. O máis próximo a Ulises bótalle a man ó peito e o invitado correspóndelle con outra man semellante, e póñense en pé con todas as caras iradas mirando cara eles, cando Telémaco, ó instante, tira do respaldo da cadeira do que ten máis cerca facéndoo caer de costas con grande estrondo. O seguinte máis próximo a Telémaco quere collelo pero o neno escapuliuse. Todos se volveron de súpeto, tratando de botarlle a man, sen saber a que atender, se a Telémaco que corre a abrir a porta traseira ou a Ulises que ten collido a un dos da colla polo peito, cando entran por esa porta traseira varios gardas armados e pola porta do restaurante dous detectives que os mandan poñer contra a parede, sacan o mantel que tapa o matute e preguntan de quen son aquelas. Ninguén di nada. Ulises comenta, para que todos oian, que teñen o nome de cada un deles escrito, e se aínda falta o remite, seguro que teñen as pegadas de quen as trouxo e de quen as envolveu. E aínda lles di o número da matrícula do coche en que as trouxeron.

-E ademais, no baño dos homes, agochado detrás da cisterna hai unha bolsa de coca que aínda ha de ter as pegadas dos dedos de quen ma meteu no peto pensando que ía consumila.

E volvéndose cara ó do soño admonitorio coméntalle que os augurios non se cumpriron ó pé da letra, como prognosticara.

-Aquí non entrou ningún becho que nos papara.

(Próximo capítulo: O reencontro).