Far O'McKwoo
O reencontro.
Penélope bota de menos ó fillo, desaparecido do seu lado mentres falaba con Antínoo.
Penélope sempre temeu quedar sen o pouco que ten, e agora sente a lousa do futuro sobre si e sobre o cativo que non dá aparecido. Búscao entre a multitude, e comeza a intranquilizarse, a pensar no peor vendo o revolto que está todo, incluso chega a pensar se o secuestraría algún dos da colla esa para poder usalo logo de refén, como fan nas películas, e pregunta por el a cada coñecido, e cada coñecido di non telo visto, e mentres a xente vai saíndo coa parsimonia da curiosidade, ela camiña en sentido contrario preguntando por Telémaco, desesperándose, braceando para apartar ós que veñen contra ela, abríndose camiño cara o lugar que cre lembrar que foi el cando Antínoo veu a saudala.
Dous gardas, desde a porta do comedor, pídenlle a todos os presentes que vaian saíndo, pero a curiosidade fainos parsimoniosos e pachorrentos.
Acabouse a festa, pero Penélope nin sequera escoita a voz dun dos gardas cando, dirixíndose a ela, a increpa para que deixe saír á xente, que non interrompa o paso e que saia ela tamén.
Penélope segue xorda ós avisos ata alcanzar a porta do comedor onde a deteñen, “Aquí non se pode entrar, señora”, pero ela non oe, fura entre os policías e alí o ve, sentado ó lado do forasteiro aquel que pasara polo súper, falando cun inspector, cando o garda a colle dun brazo para separala da porta e poñela cara a saída.
-Pero aquel é o meu fillo.
-Aínda así, vostede non pode entrar, agarde que agora saen.
Ulises, quen baixo a súa aparencia de desleixado, abandonado, despreocupado e desinformado paseou polo pobo coma un can sen dono, agora, ante o pasmo dos presentes saca do seu peto un MP3 coas conversas gravadas por Eumeo durante algunha daquelas tardes de pesca en que Antínoo lle facía sedutoras promesas de caloteiro, así como as que el mesmo gravou durante a invitación á cea e durante a cea mesma, no preciso intre en que Antinoo entra no comedor coas mans atadas e custodiado por dous policías.
-Neste aparello atoparedes voces doadas de recoñecer, e conversas nas que apreciaredes moi claramente quen trouxo esas bolsas e que pretendían facer con elas. Incluso como involucraban nos seus negocios a traballadoras do supermercado sen que elas o soubesen.
Antínoo mira a Ulises, que agora xa se desprendeu das gafas, da viseira e do chuvasqueiro, e decátase da súa identidade:
-Pero se ti es...
-Si, eu son.
Neste intre e cando todos aprecian que o seu xersei non é de indixente. Pero destas verdades só se decatan cando xa saen, atravesando o populoso bar escoltados polos gardas. Só quedan dentro Ulises e Telémaco, falando co inspector Hermes, quen se interesa polos detalles que levaron ó retornado a desenmascarar ó grupo liderado por Antínoo. Mentres Penélope fica na porta coma unha estatua alentando de impaciencia.
Fóra todo é curiosidade. A xente xa non bebe nin petisca, todos forman ringleiras expectantes invadidas dun murmurio que converte o paso dos detidos nun desfile de agre soidade e a eles mesmos nunhas pantasmas xordas, cegas e liviáns. O mesmo dono do bar e o camareiro que os serviu son convidados a seguilos para prestar declaración.
O neno e o descoñecido tamén se erguen e despídense do inspector.
Telémaco encara a saída da man de Ulises. Entón ela sente a forza da emoción brotando polos ollos e recoñece ó seu amor doutro tempo.
“Non che queda ben esa barba”, dille ela, e el respóndelle “pois se queres aféitoa”.
-Mamá -sorrí Telémaco-, agora xa podes rematar ese xersei de calceta que non dabas acabado.
----------------------------------- Fin ------------------------------------------------
.-.-.-.-.-.
Ningún comentario:
Publicar un comentario