sábado, 4 de febreiro de 2023

Na morte do Patriarca

   


                  Murguía, aquel “viejecito limpio, callado y escrupuloso”, en palabras de Azorín, pasou a súa ancianidade mendigando unha pensión que non lle acababan de dar, e só uns poucos días antes de morrer, na súa casa da coruñesa rúa de santo Agostiño, recibía a nova de que lla ía outorgar o Centro Galego de Bos Aires.

Talvez, a súa maior preocupación era deixar á súa filla Alexandra desprotexida e vivindo a expensas das súas irmás, casadas e ben situadas, mentres que ela, segundo se asegura, renunciou a casar para atender a seu pai. Ela era quen o acompañaba e coidaba. De feito, moitos dos debuxos daqueles monumentos sobre os que escribía o Patriarca levan a sinatura da súa filla, e en La ilustración gallega y asturiana da que el foi director, hai moitos debuxos asinados por “A. M.”.

O Patriarca acamara, por algunha doenza propia do inverno e da idade  a mediados de xaneiro, e xa non se volveu erguer. Aínda así, Murguía pasara ese mes traballando nun estudo sobre o mosteiro de Herbón e uns días despois do seu pasamento tamén saíu publicado no xornal de Viana do Castelo, Aurora do Lima, o seu último artigo.


Finou, segundo rezan nas necrolóxicas, na  madrugada do día dous, e dende que se soubo a triste nova os telegramas de pésame chegaron tanto á súa casa como á sede da Academia, ó concello e ós máis achegados amigos, como ó seu íntimo Martínez Salazar, editor de Los Precursores, quen pouco menos dun ano antes exercera de padriño na voda da filla do seu amigo, dona Gala, no santuario de Pastoriza, onde o Patriarca se bautizara oitenta e nove anos antes; e ese día, por mor dun pé lesionado, tivo que entrar na igrexa en brazos dun dos invitados, o que lle valeu para lembrar que as dúas únicas veces que visitou ese templo tivera que facelo no colo dalguén.

Nos últimos días, aínda na cama, seguía atendendo ós seus escritos, pero tamén, como se ventase a morte, dedicouse a poñer orde nos seus papeis e, sobre todo, a romper moitas das cartas que cruzara coa súa esposa e xulgaba que non deberían saír á luz pública.


O seu cadáver, cuberto coa bandeira de Galicia foi velado no concello coruñés, onde tanto os membros da Academia como os Amigos da Fala o acompañaron remudándose cada media hora, mentres o pobo coruñés pasaba a despedilo. E cando o día tres, saíu o acompañamento cara o cemiterio, os comercios pecharon e eran moitos os balcóns que amosaban crespóns negros ó paso do cadaleito. A empresa cinematográfica Celta Film que nesas datas andaba rodando unha serie de planos e escenas da sociedade galega para proxectar entre os emigrados en distintas capitais de América, tamén gravou o paso do cortexo fúnebre, e xa no cemiterio, Peña Novo pronunciou un discurso de loanza  e o coro Cántigas da Terra entoou o Himno galego.

É de resaltar entre as múltiples notas de aprecio que en tal hora recibiu o patriarca, a coroa de flores con un lazo azul e branco onde se especificaba en letras de prata: “La parroquia de Oseiro a su Ilustre hijo Manuel Murguía”.

O concello correu cos gastos do enterro e outorgoulle á súa filla Alexandra, a única solteira, unha pensión de mil pesetas anuais. 

    Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).  

 

xoves, 2 de febreiro de 2023

ESTORNIÑOS


Por Pepe de Rocaforte


Pasaba onte á tarde polo Cantón Pequeno cando me sorprendeu un charrasqueo como o producido polo roce duns cables eléctricos que chispean ó faceren contacto entre si. Xa o día anterior me chamara a atención un ruído similar ó pasar non lembro por onde, pero desta vez puiden ver ó mesmo tempo o palpebrexar dunhas luces brillantes azuis e prateadas por riba das árbores do xardín sobre as que planeaba un bando de estorniños á busca dalgunha magnolia ó xeito para pasar a noite.

O caso tróuxome á memoria a primeira vez que vin uns grandes bandos desta paxarada evolucionando á caída do sol no ceu do outono. Mellor dito: a primeira vez que me fixei neles; ver xa os tería visto antes, pero sen lle prestar maior atención.

Aquela primeira vez que me parei a admirar os planeos dun deses bandos aviadores foi na Rambla de Tarragona, onde me encontraba por motivos de traballo. Alí quedeime coma un babión coa boca aberta a admirar o modo de se moveren no aire sen chocar entre eles, nin sequera se rozar, coma se levasen un director que lle fose asignando a cada un o lugar que debía ocupar durante o voo.

Tanto atraeron a miña atención que me puxen a escribir unha historia; pero, ó non saber por onde tirar para continuar con ela, deixeina pouco despois. Logo vería que xa moitos autores antes de min se ocuparan do tema, entre eles a miña admirada Lucía Berlin, así que, xa digo, esquecín o conto.

Ata agora que un amigo me pasou a gravación dun programa de televisión na 2ª Cadea que me trouxo de novo á cabeza aquelas incribles figuracións que formaban os estorniños voando a toda velocidade polo ceu non so outonizo, senón tamén invernizo ou primaveral, así que me esquecín totalmente do asunto. Pero agora penso que podo aproveitar o comenzo daquel relato medio esquecido para completar estas liñas de hoxe. De xeito que alá vai:

          «Ese ano foi o da invasión de milleiros e milleiros de estorniños. No caer da tarde atravesaban o ceu en compactas nubes de feluxe, velocísimos puntos negros en formación anárquica que tan pronto se difuminaban ó lonxe como reaparecían en reviravoltas inesperadas, o seu grallar metálico a romper a harmonía daquelas tardes soleadas pinchadas de friaxe, tardes pequenas de fins de outubro.


          »Cando o ceu empezaba a se contaxiar coa cor das súas plumas, os estorniños pousábanse nas árbores máis altas, revoaban nun algareo alporizado, empezábanse a acomodar, remexíanse, asentábanse pouco a pouco, todo sen parar de grallar. Erguían de novo o voo, máis curto a cada vez, en novos planeos reducidos, o peso da noite a se lle colgar das ás. Centos, miles de paxaros de plumaxe negra metalizada. Caía a tardiña e de volta para a casa todo o mundo erguía a cabeza para non deixar de contemplar o espectáculo.

»Xa ía ben entrada a noite e non paraban os chilros da paxarada. Era unha feira, en principio divertida, pero logo a cousa traía as súas amoladelas. Os dexectos das aves cubríano todo, uns excrementos corrosivos que estraban os chaos da cidade. Xa por ningures se podía andar tranquilo.

»Había quen opinaba que aquela merda faría secar as árbores. O Cosme, un veciño da aldea que traballara en Tarragona de máis novo, contaba que tamén  alá chegaba aquela praga alada. E repetía a historia de como se acomodaban polos plátanos da Rambla, desde o fondo da cidade ata o Balcón do Mediterráneo, e cagaban enriba dos coches aparcados, e os seus excrementos eran corrosivos, roían a pintura peor que se fosen ácido. Os pirulos de Tarragona espantábanos a escopetazos, eso si, con cartuchos de fogueo, entón os paxaros levantaban o voo en bandos enormes e desde o miradoiro do alto da cidade, acobadado no antepeito de pedra, o Cosme ollaba o seu paso por riba das casas, frente ó mar, sobre as vías do tren e o anfiteatro romano. Que tempos aqueles de Tarragona, suspiraba soñador.»

 

sábado, 28 de xaneiro de 2023

Os aneis máxicos


De sempre, o que máis nos impresionou do mosteiro de santo Estevo de Ribas do Sil, foi o claustro do Viveiro, polo que nos contaron de que noutro tempo aquilo era unha piscina onde se criaban peixes para o consumo dos relixiosos. O cociñeiro non tiña máis que saír cun trueiro e xa podía preparar a caldeirada. Incluso, os monxes podían descansar do Ora et labora botándolle un anzol nas horas libres sen saír ó mundanal ruído.

Os outros dous claustros, moito maiores e vistosos, tamén son interesantes: o dos Cabaleiros, xusto na entrada é como un enorme recibidor, e por un arco situado á dereita accédese ó claustro dos Bispos, onde estiveron soterrados nove bispos que aló polos séculos X e XI se viron obrigados a fuxir das súas sedes por mor das invasións viquingas e sarracenas, adiando con ilo un posible e inútil martirio.

Sempre considerei a estes nove prelados moito máis espelidos e intelixentes ca aqueles arroutados mártires que buscaban a propósito a tortura e a morte para adular á divindade, co único fin de ser recoñecidos nas portas do Paraíso, verdadeiros egoístas teimudos, predicando no deserto diante dun tribunal convencido do contrario, sen decatarse de que,  cedendo un pouco, para evitar a morte, ben podían seguir influíndo coas súas ideas aínda que fose dentro dunha cadea.

  As mitras deses nove bispos forman o escudo do mosteiro, e durante anos, segundo se conta, os aneis que eles portaban como símbolo da súa dignidade, operaron milagrosas curacións entre os devotos. O cal, para os crentes, era unha proba irrefutable de que estaban bendicidos pola divindade, e polo si ou polo non, os aneis daqueles santos sen martirio, nun tempo en que a medicina tiña máis de milagrosa sorte ca de douta disciplina, gañaron adeptos, pois ó contacto coas devanditas xoias recuperaban a vista os cegos, andaban os paralíticos, oían os xordos e, bebendo a auga na que fose introducido un deses aneis, o demoño fuxía dos corpos enmeigados. Marabillosos portentos que seguramente non terían lugar se se deixasen martirizar e os aneis caesen en mans infieis.

Pero chegou un día no que os monxes procuraron outros lugares menos afastados da civilización e os fascinantes poderes dos nove aneis quedaron tan esquecidos que nin se sabía onde se gardaban e déronse por perdidos.


Tras moitos anos de abandono, o mosteiro foi restaurado con visión mercantilista para convertelo en parador. O antigo viveiro converteuse nun pequeno e acolledor claustro para turistas meditabundos, e ó lugar onde antes estaban soterrados os nove bispos só lle quedou o nome. Pero un día (hai menos dun ano), cando xa se empezaban a botar de menos os portentos daquelas xoias das que os máis vellos do lugar contaban fantásticos prodixios operados nalgún antepasado, os técnicos de Patrimonio atoparon un estoxo con catro daqueles aneis, e se ben para uns era un descubrimento histórico, para outros, aínda nestes tempos en que todos cremos máis no milagroso desprazamento dun bisturí ca no contacto co sagrado, tamén podía aportar algo de optimismo mentres agardan a súa quenda nas longas listas de espera, ou algo ó que recorrer na procura dunha ilusoria esperanza cando a ciencia nos nega a cura.

Como queira que sexa, aínda faltan por aparecer os outros cinco aneis.

      Francisco Ant. Vidal                       

 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

xoves, 26 de xaneiro de 2023

A LEIRÍA DO PADRE AMARO


Por Pepe de Rocaforte

 

 Leiria? -disse Teresa-. Ben sei,é onde há umas ruinas?

-Um castelo, minha senhora, edificado po D. Dinis.

Eça de Queiroz 

 

 


   Ademais de un dos primeiros lugares onde funcionou a imprenta en Portugal, se non o primeiro, Leiría pódese gabar de contar cun divulgador turístico de primeira magnitude literaria.

Imaxine vostede que cae nas súas mans un deses folletos co plano da localidade, unhas grandes fotografías dos seus monumentos representativos e, entre foto e foto, un texto coma este: Em roda da ponte a paisagem é larga e tranquila. Para o lado donde o rio vem são colinas baixas, de formas arredondadas, cobertas de rama verde-negra dos pinheiros novos; em baixo, na espessura dos arvoredos, estão os casais que dão ãqueles lugares melancólicos uma feição mais viva e humana con as suas alegres paredes caiadas que luzem ao sol, com os fumos das lareiras que pela tarde se afuman nos ares sempre claros e lavados. Para o lado do mar, para onde o rio se arrasta nas terras baixas entre dois renques de salgueiros pálidos, estende-se até aos primeiros areais o campo de Leiria, largo, fecundo, com o aspecto de águas abundantes, cheio de luz. Da Ponte pouco se vé da cidade; apenas uma esquina das cantarías pesadas e jesuíticas da Sé, um canto do muro do cemiterio coberto de parietarias, e pontas agudas e negras dos ciprestes; o resto está escondido pelo duro monte, ouriçado de vegetações rebeldes, onde destacan as ruinas do Castelo, todas envolvidas à tarde nos largos voos circulares dos mochos.

Así a describía Eça hai cousa duns cento cincuenta anos, cando o Padre Amaro chegaba a tomar posesión da súa praza de párroco na Sé, un día no que o silencio cóncavo de bóveda, sobre a cidade, um redoble lento de tambores, despois das cornetas, alá para o lado do cuartel, o agudo piar das coruxas nas paredes da Misericordia, lle fixeron exclamar para si ó recén chegado, debruzado na xanela do seu cuarto: «É triste isto!»


Pero non, Leiría non é triste, polo menos eu non a vin así un día de verao no que o sol apertaba quizais un pouco máis do debido. Acollidos á sombra das árbores nos xardíns das beiras do río Lis, ou sentados nunha terraza do Largo Santana, próximo á Grande Fonte Luminosa, ou nalgún restaurante da Praza de Rodrigues Lobo, cantidade de turistas enchían de colorido as vellas rúas da vila. Xente maior, xente de mediana idade, xente nova, rapaces e rapazas de longas pernas e pantalóns curtos, cabeleiras loiras e mochila ás costas, parecían terse dado cita para encher de ruído e movemento a tranquila vida da vila episcopal.

Dominando o panorama desde o alto, abertos para o val os ollos da súa galería pétrea que me trouxo á memoria a de Soutomaior, o castelo do rei D. Dinis ou de D. Afonso Henriques, que non sei quen deles o fundou, erguíase cheo de suxerencias medievais, evocador duns moradores altivos e distantes, de armaduras de ferro e luvas de veludo, con fermosas damas debruzadas no peitoril a distraeren as súas saudades na contemplación do río, os campos e as casas.

Daquela, o mesmo que cinco séculos e pico despois, polas prazas e rúas da vila pasearía algún acomodado comerciante; pola alameda da beira do río, entre dois renques de velhos choupos, albiscaríanse os vestidos claros dalgunhas señoras paseando. Do lado do Arco, na correnteza de casebres pobres, unhas vellas fiarían á porta, algunhas crianzas brincarían polo terra e as galiñas soltas picarían as inmundicias esquecidas. Cóntao Eça.

En redor do chafariz, com o seu cántaro bojudo de barro equilibrado á cabeza, raparigas iriam-se aos pares, meneando os quadris. Así, máis ou menos, debía transcorrer a vida en Leiría baixo o ollar dominante do castelo, a onde non subín. Preferín visitar o interior do edificio pouco agraciado da Sé, onde o Padre Amaro cativaba ós fieis coa perfecta execución das súas misas cantadas, os ollos de Amelia a seguilo arroubados nun banco no medio da nave mentres el elevaba cerimonioso a hostia consagrada con aquelas mans finas e alargadas que logo acariciarían con avidez os seus peitos na intimidade falsa da casa do campaneiro.