sábado, 24 de outubro de 2026

Os xogos tradicionais.


Lembramos na casa a un antepasado que aló por principios do século XX, emigrado na Arxentina viu xogar ó fútbol e preguntábase que mérito lle encontraban a aquilo de andar a patadas cunha pelota. Logo, xa nos anos sesenta, tamén el pasaba as tardes de domingo vendo os partidos que botaban pola televisión e discutindo as xogadas.   

Daquela, para aquel parente noso só tiñan sentido xogos como os bolos, a chave ou a billarda, que ademais de divertir e facer sentir o cansazo do exercicio, estreitaban a relación de veciñanza entre novos e vellos, lembraban a quen antes ca eles os practicaran e animaba a quen por idade só podía aconsellar ou opinar sobre a destreza e maña dos xogadores. Pero o fútbol gañoulles en fama e sona.

Os xogos tradicionais xa non son os máis populares, pero son aqueles que valen para todas as idades e se practican dende moito antes que os concellos montasen parques de ximnasia ó aire libre contra o colesterol e a subida de azucre, sen se decatar que habilitar espazos para aqueles afianza a participación interxeracional e unha rivalidade lúdica. Como unha partida de cartas de sobremesa pero movendo os músculos.

De feito, aló polos tempos de meus bisavós, os domingos pola tarde xuntábanse a xogar os bolos, tamén chamados birlos, nalgún espazo aberto. Agora dinme que se recuperou en Boiro e noutros lugares de Barbanza, e que en abril deste ano foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta, coa denominación de “Bolos Celtas”, coas súas regras e un campionato que percorre aquelas vilas onde hai algún equipo, a maioría das veces formado por xente entusiasta que pensa máis na reunión ca na competición. Como fai o amigo Manolo, quen cada tarde lle dedica unha ou dúas horas a lanzar os pellos á chave, adestrando como un deportista profesional, só que a estes poucas veces os vemos saír nas páxinas deportivas do xornal e para saber como quedaron haillo que preguntar a alguén do seu equipo.

Outro amigo, o Pepe, é da Billarda. Algo que tamén eu practiquei de neno, que como os dous anteriores tamén está federado. Son xogos tradicionais, pero non populares, e dende que no 2021 se creou a Federación Galega de Deportes Autóctonos, ás veces, se non hai outra cousa da que falar, tamén retransmiten algún destes encontros pola TVG en horario de mínima audiencia.


O bo destes deportes é que non esixen unha preparación física de alto nivel e son accesíbeis a todas as idades e a ambos sexos, só se necesita un terreo onde practicalos, o mesmo campo de fútbol que hai en todas as parroquias ou unha leira sen plantación.

Hai anos, os elementos destes xogos, bolos, chave ou billas gardábanse nos bares á disposición de quen os precisase, como se gardan os naipes; e eu, dende esta páxina animo ás asociacións culturais ou de veciños a fomentar estes “enredos” como se fomentan as clases de baile, pintura, tai-chi ou gaita, á fin eles son parte do patrimonio, axudan nas relacións sociais e ademais, como son BIC, ben poden ter axudas para a compra de material, os desprazamentos ou adornar as vitrinas dos clubs con algo máis ca os trofeos do campionato de Tute.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


Ningún comentario:

Publicar un comentario