Amosando publicacións coa etiqueta Deporte e sociedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Deporte e sociedade. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de decembro de 2020

CICLISMO. SEGUNDA ETAPA

Por Pepe de Rocaforte

   

Un amigo a quen lle agradezo a atención con que me segue reprochábame o outro día que falando do gran Delio Rodríguez, non se me ocorrese facer aínda que só fose un pequeno comentario sobre o seu irmán Emilio, que en 1950 tamén gañou a Volta Ciclista a España, ademais de cinco etapas e o Premio da Montaña.

 Espero que con esta breve información quede corrixido, aínda que non de moi boa maneira, o meu esquezo. Mais esta corrección tróuxome á memoria algunhas outras fazañas ciclistas, agora propias. En primeiro lugar debo dicir que nunca ganei ningunha Volta, nin ningún Premio da Montaña, nin ningunha etapa. Nin sequera participei en ningunha competición ciclista. Pero entre os meus recordos hai un que non esquecerei nunca: a gran fazaña que, tendo uns catorce anos, levamos a cabo catro amigos, todos máis ou menos da mesma idade.

A fazaña empezou por ter que convencer ós nosos pais de que iamos pasar un día de campo nun río non moi lonxe da nosa vila. Entre ducias de recomendacións para que non fixésemos toladas e andásemos con moito coidadíño, etcétera, etcétera, os nosos pais autorizáronnos e máis preparáronnos uns bocatas de tortilla e outros de chourizo, así como uns refrescos. Perfectamente equipados, deixáronnos por fin marchar, aínda non moi convencidos así e todo de obraren coa prudencia debida.

O caso foi que alá nos fomos dando pedal, co pequeno detalle de ó saírmos da vila, en lugar de para o río, endereitarmos as bicicletas en dirección a Vilagarcía, onde despois de dar unhas voltas polo porto e polas rúas do centro, enfiamos para Vilanova, con parada na praia das Sinas a fin de darnos uns bos baños antes de lle meter o dente ós bocadillos.


O periplo foi duns corenta quilómetros de ida e outros tantos, xa case á tardiña, de volta; xa digo: unha verdadeira fazaña que nos puido resultar un pouco cara no posible caso de termos algún accidente, ou aínda que non o tivésemos, o que nos sucedería se os nosos pais chegaban saber en que consistira a nosa aventura. Unha aventura da cal para min o mellor recordo foi o momento de albiscar alá lonxe o mar desde o alto do porto non puntuable do Pousadoiro.

Tanto me impresionou daquela o momento aquel que, pasados uns cantos anos, rememoreino nun texto de pretendida prosa poética que hoxe me custou traballo atopar entre os papeis vellos que calquera día acabarán por me afogar; pero ó fin dei con el: Delios en miniatura subiamos as revoltas do Pousadoiro, o músculo en agraz forzando o pedal e desde o alto, Vilagarcía ó fondo, o milagre do mar, o milagre azul do mar, o milagre con velas e ondas e gaivotas do mar, alto, alto, amplo de inmensidades que bebían os nosos ollos, o mar manso do verao e as areas finísimas que cantan na praia pisadas polos pés descalzos.

Ben, descúlpenme  vostedes polo arrebato lírico. Non volverá suceder.

Pero, como pasa sempre cos recordos, este que acabo de referir tráeme outro máis á memoria: o de como nacera a idea de facer aquela excursión á ría de Arousa. O caso foi que naquelas vacacións que polo verao, nos anos da adolescencia, íamos pasar á vila natal, un grande amigo meu de Ourense, tamén ía pasalas á terra nativa de seu pai, Cordeiro, preto do inicio da ría de Arousa, e un día, xunto cun seu curmán agarrou de bicicleta e veume facer unha visita á vila.

Aquelo foi toda unha festa-sorpresa, e prometinlle para unha data próxima corresponderlle eu con outra excursión ata a súa aldea. Logo o que pasou foi que os amigos con quen negociei o asunto para non pedalear só, decidiron por maioría absoluta ir, en vez de a Cordeiro, a Vilagarcía e deixar a visita ó meu amigo para outra ocasión máis adiante, ocasión que, fose por unha razón ou por outra, non se chegou a producir.

O cal me leva a outra nova lembranza, pero vouna deixar para outro día. Ou tal vez será mellor non contala, porque é unha historia moi triste e este tempo non está precisamente para recordos tristes.

 

 

xoves, 2 de abril de 2020

TRES NOMES EN 1960


Por Pepe de Rocaforte
Herbert Elliott
            Hai un par de días vin unha información sobre a morte de Herbert Elliott, pero cando busquei máis detalles en internet decateime de que ese Elliott de cuxo falecemento se informaba non tiña nada que ver co Elliott dos meus recordos: o campión olímpico dos 1500 metros lisos en Roma, en 1960, un dos ídolos dos meus tempos de rapaz.
            Elliott empezara de neno a destacar na práctica do atletismo e cando en 1956 os seus pais o levaron a ver a Olimpíada de Melbourne, cadroulle de entrar en relación con Percy Cerutty, un adestrador considerado algo excéntrico, pero con grandes coñecementos, quen tivo o ollo de descubrir no mozo unhas dotes extraordinarias para a práctica deportiva.
            Impresionado polo espectáculo olímpico de Melbourne, especialmente pola actuación do atleta ruso Vladimir Kuts, ganador das medallas de ouro en 5000 e 10000 metros lisos, Elliott aceptou ser adestrado por Cerutti e marchou con el a Portsea, onde se someteu a un durísimo réxime de preparación. Dous anos máis tarde, cos vinte recén cumpridos, superaría o record mundial dos 1500 metros lisos. Entón pensou deixar xa o deporte; pero Cerutti convenceuno para esperar dous anos máis e disputar os Xogos Olímpicos de Roma en 1960.
            Alí, na final dos 1500 metros, a media carreira o mozo autraliano púxose ó frente do grupo e marcou un ritmo tan duro que ninguén o puido seguir. Así acadaría o primeiro posto no podio de vencedores, ademais de sinalar unha nova plusmarca mundial da distancia.
            A seguido, con vinte e dous anos, tomou a decisión máis difícil para un triunfador: deu por rematada a súa relación co atletismo e marchou a estudiar á universidade de Cambridge.
            Nos mesmos Xogos Olímpicos de Roma tamén acadaría unha medalla de ouro, esta na categoría dos pesos lixeiros de boxeo, un rapaz de dezaoito anos, Cassius Clay, que ó remate da Olimpíada pasaría ó campo profesional, no cal en 1964 chegaría a campión mundial dos pesos pesados.
            Nesa ocasión, sen televisión nas nosas casas, xuntarámonos uns amigos para ver o combate nun bar da rúa Marconi, e quedoume tan gravada na memoria a imaxe daquel xigante de proporcións perfectas bailando nun incrible xogo de pernas frente á figura pétrea de Sonny Liston, que non poderei esquecela nunca, como non esquezo a discusión que entre nós se produciu cando Liston caíu noqueado por un golpe que máis semellaba unha caricia. Aquelo pareceunos un tongo; pero máis adiante iriamos cambiando de opinión cando Clay explicou que “voaba coma unha bolboreta pero picaba coma unha abella".

            Para aquel entón o púxil cambiara o seu nome polo de Muhhammad Alí e convertérase nun activista político, dedicado á defensa da relixión islámica á que acababa de se converter e, pouco máis adiante, declarándose obxector de conciencia ó ser reclutado para o exército polas Forzas Armadas yankis.
            Pero volvo a 1960, porque naquel ano dos triunfos de Elliott e Muhhammad Alí, outro dos meus ídolos, este non só daquel tempo, senón de sempre, un dos máis grandes, morrería nun estúpido accidente de tráfico en Villeblevin, a cen quilómetros de París: Albert Camus, de quen non vou escribir nada, porque son incapaz de fuxir dos tópicos e atopar as palabras necesarias con que falar del como o debería facer. Só direi que cando un amigo me deu a noticia da súa morte non a quixen crer e non sei ben se chorei, pero os ollos enchéronseme de bágoas por el, deso acórdome aínda.
            Ah, e Camus tamén practicou o deporte: xogou ó fútbol no RUA, o equipo da Universidade de Arxel.
            Pero o seu sería outra cousa.