Amosando publicacións coa etiqueta arte e viaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arte e viaxes. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de decembro de 2019

MUSEOS E PINTURA ESPAÑOLA


Por Pepe de Rocaforte


           Escribir hai uns días sobre Budapest fíxome lembrar dun par de informacións contraditorias que me deron dúas guías turísticas, unha no Hermitage de San Petersburgo e outra no Museo de Belas Artes de Budapest. O caso non reviste maior importancia, pero ó me vir agora á memoria decidín aproveitar esta colaboración para contalo e ver, se se dá o caso, se alguén me pode informar de que parte pode estar a verdade desta disputa intranscendente.
            A historia comezou en Budapest; pero desde o meu punto de vista debo empezar a contala por San Petersburgo. Alí a guía, unha robusta moza de aspecto moi ruso, simpática e con bo humor, contounos a un grupo de turistas que a seguiamos na visita ó Hermitage, que naquel museo tiñan a colección de pintura española máis importante do mundo despois da do Museo do Prado.

            Daquela acordoume que, un par de anos antes, outro guía dixéranos en Budapest que o Museo de Belas Artes da capital húngara posuía a colección de pintura española máis importante do mundo despois da do Museo do Prado.
            É dicir: ambos guías utilizaban as mesmas palabras, pero cada un deles referíaas ó museo da súa cidade. Comenteillo á guía petersburguesa e ela contestoume, cun amplo sorriso, que cando volvese por Budapest lle dixese ó guía de alí que a súa información era equivocada.
            Daquela non tiña eu intención de volver a Budapest, pero quen che di a ti que anos despois, en 2015, regresei á capital húngara. Non tiven entón o mesmo guía da ocasión anterior, desta volta tratábase dunha señora cun marcadísimo acento riopratense (que por certo era húngara, pero criada en Montevideo, onde viviu ata a idade adulta segundo me contou).

            Cando lle referín o que me dixeran en San Petersburgo quedou pensativa por un tempiño. A información que eu teño, díxome, é a que vos acabo de contar; pero para resolver dúbidas vou consultar o caso a un señor que é unha das maiores autoridades na materia. E a seguido botou man do móbil, fixo unha chamada, e alá pasou un certo tempo conversando (en húngaro, naturalmente) con non sei quen. Cando rematou a consulta díxome: No Hermitage teñen a máis grande colección de pintura española fóra de España, pero os cadros de pintores españois que temos en Budapest son moito máis importantes que os de San Petersburgo.
            E así quedou a cousa.
            Posteriormente, xa na casa, consultei o tema en internet, pero no referente a número de cadros nun e noutro museo non encontrei nada que me quitase de dúbidas. E en canto a obras de pintores importantes, tanto nas informacións sobre un museo coma sobre o outro, aparecían os nomes, entre outros, de Velázquez, Goya, Zurbarán, Ribera, o Greco e Vicente Carducho, (de quen tivemos tres cadros de grandes dimensións no Museo de Belas Artes da Coruña, e digo “tivemos” porque paréceme que agora non están aquí).
            Por certo, xa sei que o Greco e Carducho eran grego e italiano respectivamente, pero a relación cítaos coma españois, o mesmo que no Hermitage teñen a Picasso entre os “Mestres franceses do século XX.

mércores, 20 de novembro de 2019

O VIOLINISTA HÚNGARO


Por Pepe de Rocaforte

           Woody Allen, ademais de gran director e actor cinematográfico, é un home capaz de encher un guión con frases cheas de talento que van permanecer por moito tempo na memoria de quen as le ou escoita. É o caso da famosa “Non podo escoitar tanto Wagner. Éntranme ganas de invadir Polonia”, pronunciada na película “Misterioso asasinato en Manhattan”.
            Ultimamente véñome dando unha enchenta de películas deste neoiorquino actor-director-escritor-etc., desde a inesquecible “Manhattan” ata a que vin onte, “Stardust memories”, onde me atopei con esta frase: “Normalmente os violinistas de música clásica son todos refuxiados húngaros”, que me fixo lembrar dun día no que coñecín, hai varios anos, a un violinista en Budapest.

            Era unha tarde de sábado ou de domingo, non o recordo ben. Se o penso mellor paréceme que debía ser sábado, porque a miña muller e mais eu, dando unha volta polo Parque da Cidade, vímonos no medio dos invitados a unha voda e, polo xeral, as vodas celébranse máis ben en sábado que en domingo pola tarde (Información á parte: O outro día contaba que a veces me dedico a facer fotos de cemiterios. Tamén sinto debilidade por fotografar parellas de noivos no día do casamento).
            Aquel día a miña muller e mais eu iamos con idea de lle botar unha ollada ó castelo de Vajdahunyad, que ten a curiosidade de tratarse dunha reprodución, feita entre fins do século XIX e principios do XX, do castelo de Hunyad, en Transilvania. E, xa digo, dabamos unha voltiña polo Parque da Cidade cando nos atopamos cun home tocando o violín (outra das miñas afeccións: fotografar músicos de rúa). Achegueime a el para preguntarlle se non lle parecía mal que lle fixese unha foto e a partir de aí iniciamos unha conversa.
   
         O violinista, que pola vestimenta non semellaba pasar por unha situación moi boiante, preguntoume, como por Europa fan case sempre, se eramos italianos, e ó lle responder que eramos españois empezounos a falar nun castelán bastante bo para acabar dicíndonos que nos ía interpretar unha peza de “don Pablo de Sarasate”, non lembro cal. Tocou a peza. Aplaudímolo. Démoslle unhas moedas. E proseguimos de conversa na que nos informou de varias historias de Budapest e acabou dicíndolle á miña muller que probase a tocar o violín, no fondo algo moi fácil.
            Como recordo máis simpático daquela tarde quedounos esa fotografía na cal a miña muller trata de lle arrincar uns sons ó violín, mentres o artista húngaro tapa os oídos nun aceno de que aquelas notas son insoportables.
            E, volvendo ó principio: o caso é que o violinista non era un exiliado, pero era húngaro e tal vez viviría mellor no exilio. Non sei.

mércores, 23 de outubro de 2019

O CAMIÑO EQUIVOCADO



Por Pepe de Rocaforte
A lectura nestas semanas pasadas do desacougo sufrido en Exipto polo compañeiro de fatigas Far O’McOw,  extraviado, digamos mellor desorientado, nun lugar que me dá a impresión de tratarse do Bazar Khan Al Khalili do Cairo, fíxome lembrar as suores frías padecidas por min noutra cidade, Puebla, en México, onde a pesar de me entender en castelán con todo o mundo sentinme coma un náufrago perdido no medio dun mar proceloso. (Boh, en Khan Al Khalili tamén entenden de moito nabizo o castelán. Á parte do super-repetido “más barato que Carrefour”, recordo, de cando pasei por alí, un vendedor que me pedía oito euros por un pano da cabeza e ó eu lle dicir en plan de relear como mandan os cánones “te doy dos”, respondeume castizo: “¿Dos euros? ¡Vaya morro tienes!”)
O día do meu incidente en Puebla a cousa sucedeu así: despois de iniciarmos a xornada coa visita á igrexa de Santa María Tonanzintla, delirante exemplo do barroco indíxena cunha decoración inxenuísta de multitude de anxelotes e santos da corte celestial semellantes a figuras modeladas e coloreadas por nenos, apiñoutados por paredes e teitos do templo, rematamos noutra igrexa, a de Santo Domingo, esta dun barroco recargado, non tan naïf coma o de Tonanzintla. Ó remate destas visitas o guía deunos tempo libre para facer un percorrido polo mercado do Parián, especialmente atractivo para as mulleres do grupo.
Pola miña parte quixen aproveitar aquel tempo para achegarme ó Zócalo, onde había varias oficinas bancarias, para cambiar moeda. O guía orientoume e díxome que se volvía pola mesma rúa que el me indicaba chegaría á igrexa da Compañía, cuxa alta torre era visible desde unha esquina do Parián.

Alá me fun por unha rúa pola cal naqueles momentos parecía circular o cento cincuenta por cento dos habitantes de Puebla. Preguntei a que se debía semellante concentración humana e informáronme que se estaba rodando unha película, “Arráncame la vida”, baseada nunha exitosa novela de Ángeles Mastretta, e todo o mundo quería ver a actores e actrices movéndose no seu elemento.
Cando tomaba o camiño de volta para o lugar de reencontro cos compañeiros de viaxe, a praza do Zócalo estaba case de bote en bote, como a rúa por onde subira, onde naqueles momentos se encontraban os cineastas en plena filmación.
Esta zona, o centro histórico de Puebla, patrimonio da Humanidade desde 1987, conserva as feituras da época colonial cun trazado que, salvadas as distancias, poderiamos comparar coas do centro de Ferrol, en forma, como dixo non sei quen, de “tableta de chocolate”, nunha extensa cuadrícula de rúas que se entrecruzan perpendicularmente. Preferín entón, para aforrar tempo, en lugar de regresar pola rúa por onde subira, facelo por outra paralela, pola beira da catedral, case sen tráfico humano naquel momento.
Cheguei axiña ó templo dos xesuítas, pero non vin ós do meu grupo turístico. Dentro da igrexa tampouco había ninguén. Saín e pregunteille a unhas mulleres que por alí vendían chilindradas e non me souberon dicir. Xa era a hora de xantar, pero non sabía onde estaba previsto facelo. O que sabía era que, despois de comer, o grupo sairía inmediatamente para Oaxaca, a trescentos cincuenta quilómetros. ¿Que facer?
Antes de buscar algún posto de policía, decidín esperar media hora alí onde me dixera o guía de quedar. O lóxico sería que viñese alguén na miña busca; pero ós quince minutos sen aparecer ninguén xa ardía e non fumeaba. Finalmente vexo aparecer a miña muller, quen nada máis chegar onda min empézame a poñer de volta e media, “todo esto pásache por largarte ó teu aire, sen te preocupar dos demais”. “Pero, vaia”, pasei á contra-ofensiva, “¿non quedara o guía en vérmonos aquí?”. E aí saltou a lebre: “Si, pero como cando chegamos aínda non estabas, dixo de subirmos pola rúa por onde terías que vir de volta e xa nos atopariamos polo camiño”.
¡Nin se lle ocorrera pensar que podería volver pola rúa paralela!
En fin, ó cabo todo quedou en nada, pero ó principio xa me estaba a ver condenado a pasar o resto da miña vida deambulando polas rúas de Puebla de Zaragoza, preciosa cidade mexicana de millón e medio de habitantes, onde malo sería que non me puidese abrir camiño na vida.