Amosando publicacións coa etiqueta ciencia e literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencia e literatura. Amosar todas as publicacións

sábado, 23 de outubro de 2021

A poética do ceo


Certo que os astros sempre operaron unha especie de encanto sobre nós. Mirar o ceo unha noite estrelada é fascinante, haxa ou non lúa. Non fai falta ser entendido en astronomía para desfrutar da súa visión, uns de maneira máis poética e outros máis prosaica con telescopio incluído.

Os que somos de porto de mar (e non se me enfade Afonso) aprendemos desde nenos a distinguir a Polar, esa estrela que permanece inmóbil durante toda a noite e todo o ano, mentres as demais xiran ó seu redor, por iso adaptamos a consigna e consello de non perder o norte con referencia a ela, tamén considerada cun nome tan significativo como a estrela da guía. E é que a noite, a pesar da súa escuridade, déixase invadir por esas tenues luciñas alí onde non hai outros puntos de referencia para indicarnos cara a onde imos. Estrelas e astros que nos axudan a non perder a rota, como se no ceo se estampase un mapa de referencias, tanto para mariños como para as caravanas do deserto ou simples camiñantes, xa sexan peregrinos cara a Santiago a través da Vía Láctea, os Magos de Oriente seguindo unha estrela para ver a quen o evanxelista Xoán chamará a luz do mundo ou os segadores camiño de Castela cara ó luceiro da alba, ó que tamén chamaban a estrela panadeira.

O ceo nocturno encandea e pretende copiarse con esas lámpadas que adornan as noites de festa. Astros que semellan buraquiños na negra bóveda celeste e serviron de inspiración a poetas de todos os tempos. A luz da lúa ou o tremelucir das estrelas foron metáforas repetidas ó largo da historia. Desde Safo de Lesbos ata os máis modernos poetas compararon a cor da cara, os ollos ou o pelo coa lúa, as estrelas ou os raios do sol. As mesmas ladaíñas dedicadas á Virxe con frases que antes se usaron para venerar á fermosa Venus, como o de estrela matutina son un exemplo de como os astros esgotan todos os piropos.

O firmamento, tan poético para uns e tan hermético para outros, entre a poesía e a matemática, creou ós augures que, tratando de descubrir nel as leis secretas polas que se rexe a vida de cada quen, inventaron os horóscopos, esa gran mentira que prevalece nos nosos días. Mentira, sobre todo, porque o universo estase expandindo e a posición de cada constelación xa non é a que había en tempos antigos. Quen hoxe queira dicir en que signo naceu ha de ter en conta que, astronomicamente, Pisces, a día de hoxe, abrangue desde o 15 de febreiro ó cinco de marzo ou que Leo vai do 17 de agosto ó 18 de setembro. Pero segue sendo máis poético seguir as normas que nos deixaron os babilonios varios séculos antes de Cristo para advertirnos de supostos acontecementos.

No poético ceo tamén se estampan, grazas á imaxinación os principais personaxes dos mitos de cada país, deixando que vexamos a tráxica historia do escorpión mordéndolle ó pé a Orión, o cazador ou á fermosa Calisto convertida en osa fronte ó fillo que, sen recoñecela, lle dará morte cando ela só quería abrazalo. Aí están os mitos da nosa tradición greco-latina, pero tamén os dos aztecas en México, os dos inuits en Alaska ou dos aboríxenes en Australia.

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


sábado, 16 de outubro de 2021

O idioma da ciencia

Preguntabámonos se hai idiomas máis dados ca outros para expresar as ciencias ou as letras, se a dozura deste é boa para a poesía e a aspereza doutro só serve para as matemáticas. Xulio opina que ningún idioma ten esas carencias e todos valen para todo, pero son os usuarios quen limitan a uns ou outros a determinados temas.

Sempre se falou do meloso que é o galego para a expresión literaria e do pouco que se presta para facer descricións tecnolóxicas, o que me fai lembrar como aló polos primeiros anos da década dos oitenta do pasado século, para escribir unha sección titulada “Ciencia, técnica e trebellos”, presentábaseme o problema de usar un vocabulario galego con uns temas que só se divulgaban en inglés e algo en castelán. Naqueles artigos pretendía dar a coñecer o funcionamento e a tecnoloxía das cociñas de indución, dos micro-ondas, os vídeos, as cámaras dixitais, as pantallas planas e tantos outros elementos que daquela aínda estaban no laboratorio, e agora, ó relelos, podo comprender a grande dificultade a que me enfrontaba, cando os mesmos dicionarios que usábamos non contemplaban palabras tan simples como cinta illante ou interruptor. Non era problema do idioma, senón da falta de uso.


Pouco a pouco todo se remedia. Na prensa de principios do século XX abundaban os “sportman” que hoxe son, para que todos nos entendamos, “deportistas”.

Se a divulgación da ciencia foi sempre un problema no noso entorno, en galego multiplícase por mor desa falta dun vocabulario, tantas veces adulterado con palabras foráneas. A Real Academia Galega (RAG) publicou hai uns meses unha relación das constelacións en colaboración coa agrupación astronómica Io. É un paso importante, pero aínda non está completo por carecer de moita da terminoloxía popular dalgunhas delas.

A universidade de Compostela xunto coa RAG, tratando de poñer remedio a esta carencia secular, está realizando unha serie de vídeos protagonizados por profesionais de distintas materias, baixo o epígrafe Novas voces para a lingua, e nun deles, a psiquiatra Iria Veiga fala co xenetista Carracedo confesándolle que se entende mellor cos doentes cando lle falan en galego. E é que ás veces, sobre todo ós médicos, non se decatan de que deberían ser eles quen soubesen de que se queixa un paciente cando di que lle doen os cadrís, que ten un trancazo ou que escordou un pé, e pola contra ha de ser o paciente quen debe entender de que lle falan cando lle din que ten unha atresia ou unha luxación.

As ciencias en xeral sempre tiveron un marcado déficit comunicativo en galego e seguen téndoo, porque a pesar de tantos profesionais que se esforzan por comunicar no noso idioma, estes son como unha illa rodeada de quenllas.

Certo que xa non estamos naqueles anos oitenta en que a tradución dunha palabra sempre nos deixaba dúbidas sobre a súa exactitude, agora xa hai libros de texto e incluso unha revista, de edición aperiódica e en círculos moi restrinxidos, pero xa podemos comprobar que o galego tampouco é un idioma mutilado, para uso exclusivo de literatos e vellos dedicados ó sector primario. A pesar de que se te metes no medio dun grupo de mozos, sinálante co dedo se dis correo electrónico na vez de “imeil” (escrito eMail) ou lixo na vez “espán” (escrito spam). 

Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


luns, 6 de maio de 2019

A ficción na memoria


     
     
Nunha insólita competición por ver quen lembraba máis cousas, os amigos chegaron á conclusión de que un mesmo acontecemento de infancia era contado de maneira distinta por cada un deles, con matices e datos que a outros se lles escapaban. E así, aceptando unhas cousas e negando outras con rotundidade, acabamos convencidos de que realmente toda esa acordanza que nos fai presumir de boa memoria non era máis que a ficción creada por nós mesmos sobre unha imaxe reconstruída en cada expresión da mesma.
         Aí están as discusión que fan importantes os acontecementos da vida. Se foi Pepe ou Andrés quen fixo aquel pasa que nos deu a vitoria contra os de Cotobelo (¿ou en vez de contra estes fora contra os de Budiño?), dividiu o parladoiro e incluso houbemos de chegar a unha votación a man alzada con aposta incluída e non recoñecemento da vitoria, porque cada un tiña a súa versión tan arraigada que ata lle negaba a palabra e o voto a algún dos interlocutores, dado que tampouco lembraba que estivesen no lugar dos feitos cando tal sucedeu (ou non quería lembralo para non perder a aposta). E mentres uns presumen de máis memoria ca un elefante outros dubidan das súas lembranzas. A cuestión é que as vivencias non sempre se gardan con toda a verdade, senón que esta fíxase coa intensidade posta naquilo que máis nos motivou no seu momento ou en momentos posteriores, xa fose polo que logo se falou, polo que se resaltou ou polo que se calou.
       Din que a memoria de calquera de nós non pode remontarse máis aló de cando tiñamos tres anos, pero seguro que algún ata lembran a seu avó prognosticando que non ía nacer mentres non baixase a marea, de tantas veces que escoitou o conto. E canto maiores somos máis nos remontamos neses primeiros recordos, intentando traer ó presente os máis remotos episodios da nosa vida. Xulio mesmo lembra cando con dous anos esparrou a un veciñiño na lama porque lle viña presumindo de que o seu xersei de estreo era máis bonito co del. Pero, ¿lémbrao ou fixéronllo lembrar?

       A verdade é que o conto daquela arroutadiña foise transmitindo na casa, e aínda cando xa todos se esqueceran daquela travesura, na súa memoria quedou fixada a historia, non como el a viviu, senón como lla contaron os que tiveron que tranquilizar á nai do veciño cando chegou á casa reclamando un castigo reparador. E aínda a maiores supón o noso amigo que era un día sen chuvia, pois estaban na rúa, que chovera ou era inverno, para que houbese barro e pozas onde o enlamou, que sería un domingo, pois estreaba un xersei, e así relacionando un simple feito, unha estampa inamovible, chegou a convencerse de que con dous anos, un soleado domingo de inverno, sentiu envexa por mor dun xersei, que ata o imaxina coas cores e debuxos que dalgún xeito son os seus preferidos aínda hoxe. Quédalle por saber canto de todo isto é ficción e canto realidade. That is the question.
      Está claro que as lembranzas tamén son unha constante rememorización que imos fixando segundo o noso criterio e orgullo, unha verdadeira ficción que adaptamos ós nosos gustos e desexos. E aquilo que non nos comprace procuramos borralo da memoria con egoísta afán selectivo, de maneira que cada quen lembra o que lle apetece e esquece o que lle convén.