xoves, 25 de xuño de 2020

DIAS DE RADIO


Por Pepe de Rocaforte

Atrévome a copiar este título coa esperanza de que Woody Allen non me vaia demandar; pero é que, salvadas as distancias estratosféricas entre a Galicia e a Nova York dos anos corenta e cincuenta do século pasado, a película de Allen paréceme retratar con certa fidelidade moitas das vivencias lembradas con motivo das miñas últimas colaboracións semanais.

Para levar as cousas cunha certa orde, á cal son tan remiso, mesmo inconscientemente, empezarei polo fútbol nas tardes de domingo en que saiamos dar un paseo cos pais e pola nosa beira deambulaban señores e máis señores co transistor apegado á orella para non perder detalle da marcha do partido en que tanto se xogaba sempre o seu equipo favorito.

Porque si, daquela viviamos a febre do transistor, cos aparatos mercados polos emigrantes que levaban algúns anos circulando cara a Europa,  ou adquiridos en África por algún mozo obrigado a facer o servicio militar nos farrapos do imperio colonial de que aínda presumía España. No meu caso familiar, o “Sanyo” con que eu fardaba cando llo podía “guindar” a meu pai, chegou por unha terceira vía, traído directamente do Xapón por un mariño mercante veciño noso.

Dentro do apartado futbolístico cómpreme citar a Enrique Mariñas, de Radio Nacional de España na Coruña, coas súas épicas retransmisións dos partidos internacionais da “Selección”. Para min, así e todo, é inesquecible un programa de Radio Ourense, que se anunciaba así: “¡¡Palestra!! ¡¡Ha llegado Palestra, la radio-gaceta de los deportes!!”, unha marabilla informativa nas voces de Pedro Arcas e de Montesinos (de quen desgraciadamente non conservo na memoria o nome de pía).

Volvendo a Radio Nacional de España, cómpreme citar, ¿como non? o popular “Desfile de Estrellas”, presentado por Emilio Díaz, o único profesional galego da radio ganador dun “Premio Ondas”. Desde que cheguei á Coruña fun seguidor daquel programa que me deixou na memoria os nomes da compañeira de Emilio Díaz, Marina de la Peña, do maestro Diehl  ó piano,  dos concvursantes Celsa Bolón, Matilde “La Galleguita”, “El Niño de Soandres”, que cantaba “Billetes, billetes verdes, pero qué bonitos son”, etc.

Aquí fago un inciso para lle agradecer a Blanca Díaz a foto de seu pai, Emilio, creo que acompañado por Celsa Bolón, como tamén lle agradezo a anécdota, que seica oíu por primeira vez este ano en Lugo, unha entre tantas como se contan daquel gran entrevistador e presentador. Seica no transcurso dun programa cara ó público, atopábase en primeira fila unha señora cunha crianciña no colo que non paraba de chorar, interferindo nas actuacións no escenario. Nun momento dado Emilio dirixiuse a ela: “Señora, ¿el niño es su hijo?”, e ante a resposta afirmativa da muller, dixo rápido: “Pués ¡a lo hecho, pecho!”

E por hoxe non sigo porque aínda me queda por contar algo de dúas estrelas daqueles tempos ás que coñecín persoalmente: Pucho Boedo e José Luís Naveira, e darlle un pequeno repaso á radionovela e ós humoristas radiofónicos. Moita cousa para o espacio que me queda. Así que ¡ata a próxima mellorada!, como se despedía o señor Trapero Pardo desde Lugo ó remate das súas colaboracións en Radio Nacional de España na Coruña.

mércores, 24 de xuño de 2020

Ulisíada XXI

Por Far O'McKwoo

Do consello dado por Atenea a Telémaco.

     Telémaco levaba uns días ensimesmado, e na escola a mestra intenta chamar a súa atención sobre o tema da clase por medio de preguntas sorpresa, máis sabendo como sabe a causa do seu pesar, procura facelas sen insistencia nin reproches para non poñelo en evidencia. Algunha vez mandouno ficar despois de clase para falar con el e facerlle notar que non pode deter a marcha da súa andaina, aconsellándolle que non desesperase cunha procura como a que estaba levando a cabo, pois nin era doada nin seguro o seu éxito, e non debe renunciar ó seu camiño por algo inseguro, que así como os deuses da fortuna queren e poden acompañalo, os do infortunio poden, se queren, impedilo e ás veces, para facelo, levarano por camiños errados, poñerán ante os ollos incautos relucentes posibilidades que lle obriguen a adiar aquilo que, aínda semellando camiño máis longo é o máis seguro.

     Atenea, quen arestora garda o secreto da chegada de Ulises, non se atreve a dicirlle que é máis importante, se sacar o curso con soltura ou perder horas de estudio en plenos exames finais pola causa sabida. A mestra non quere perder ó alumno pero tampouco quere que se afaga a desistir. Ela dille que con tesón todo acaba vindo ó seu pero non hai que forzalo, que cando menos o agarde pode aparecer un bo fado poñéndose da súa parte, e de momento o que debe facer é dar os pasos adecuados seguindo as prioridades que as circunstancias lle marcan.

     -Que as boas notas non desmerezan no último momento.

      Telémaco, como neno que é, entrando na pre-adolescencia, ten présa por acadar os seus propósitos, aínda sendo consciente das dificultades que acomete, e sorprendeuna apuntándolle que, se ben ten como meta encontrar a seu pai, non o fai só por verlle a cara ou estreitar a súa man, que a súa cara xa a ten gravada de tanto como leva pensado nel, de tanto como se ten comparado coa xente da familia paterna, de tanto como ten mirado unha vella e diminuta foto conservada nun álbum familiar agochado debaixo dun feixe de mantas, faino para evitar a amargura que sente cando lle preguntan de quen vén sendo e non sabe dicilo. E ía ela a retrucarlle que se ben iso é importante tamén o é saber quen un é por si mesmo, pero antes de que abrise a boca xa o neno reflexiona que o que un é sempre depende de quen vén sendo, que o mesmo alcume que lle teñen na rúa, “o fillo do Allo” (ou do Aio), non é máis có que se agarda del, que amose ser fillo de quen é, o que se supón que conserva no seu ser máis aló do apelido que teña.

     A procura do pai converteuse pois na procura da propia identidade e por iso, tantas veces, esta imponse ós deberes escolares, e esa, e non outra, é a razón dese ensimesmamento que o arreda, que o ensume en cavilacións que non é quen de evitar. E daquela Atenea, deusa da prudencia e do ben saber, arestora coñecedora da presencia de Ulises no pobo, sen faltar á palabra dada ó emigrante, aconséllao, prudentemente, para que trate de acercarse á familia paterna, non directamente, pero si coa cautela de que fai gala, primeiro ós operarios da depuradora, tal vez coa desculpa de facer un traballo para clase, tal como o funcionamento dunha cetaria, que comen os peixes ou como se depura o marisco, cando se vende e que tallas han de ter para saír ó mercado; e así, pouco a pouco, poderá reencontrarse cos seus ascendentes. Pero tamén lle recomenda que os desexos do que procura non o arreden do que ten, que se mostre atento a todo o que rodea a súa nai, que teña coidado cos pretendentes, porque ninguén quere nada porque si, que eses caramelos que lle regalan diante de Penélope non son realmente para el, senón para seducir a súa nai, non son máis ca un truco para conquistar a aquela que sempre lle gardou a ausencia a Ulises, tecendo e destecendo ese xersei de calceta que xa se fixo famoso en Ítaca, poñendo boa cara porque hai que vivir pero reservando os seus sentimentos por dignidade para remoelos a soas cada noite. E remata o seu consello advertindo para que estea atento, que no caso de que seu pai apareza de novo, desexará non atoparse só.

     Atenea ía falarlle das arrevesadas maneiras de Antínoo, a quen só lle interesan os negocios que o moven e o branqueo das ganancias ilícitas, e á fin, el, Telémaco, é un obstáculo para acadar os seus fins. Pero prefire non enredar ó cativo con estes asuntos, polo de agora, só lle volve recomendar que non se fíe dos galanos gratuítos.

     Telémaco sae da escola pensando nesas palabras da profesora, e camiño da casa decídese a pasar polo alpendre-almacén onde Eumeo se ocupa cada serán.

     -Quen sabe, igual Laertes me dá un enderezo –pensa Telémaco camiño da cetaria.

(Próximo capítulo: De como chegaron a recoñecerse Ulises e Telémaco).

martes, 23 de xuño de 2020

SOBRE A COMPAÑA – V

Por Pepe de Rocaforte

María del Rosario Castells Vila conta que en terras do Bolo os que teñen o privilexio de ver a Compaña fican sobrecollidos polo seu impresionante silencio. O bisavó da profesora, o notario don Ignacio Ramos, saía dun café da Gudiña unha noite a comenzos do século XX cando albiscou unha procesión con velas acesas e tocando unha lene campaíña. O señor notario quedou aterrado, aínda coa dúbida de se se trataría da Compaña ou simplemente do Viático, pois na aldea había un moribundo. Ó día seguinte foi á casa do enfermo e preguntoulle se lle levaran os sacramentos pola noite. Diante da súa negativa decatouse do obxecto da procesión nocturna e sabedor de que o enfermo era home valente, contoulle o que vira e pediulle que ó outro día da súa morte lle aparecese na eira para informalo sobre a vida de ultratumba. O moribundo accedeu á petición e, chegado o día e hora da cita, o morto aparecéuselle ó notario e murmurou unhas palabras que don Ignacio Ramos nunca revelou a ninguén, aínda que polo súbito envellecemento que experimentou, deberon ser estarrecedoras.

José María Castroviejo veu a Compaña no adro de Vaamonde, na Ulla. O comenzo da visión foi unha luz verdosa que avanzaba desde a reitoral cara ó adro. Coa luz mesturábanse voces, lamentos e misereres. Pouco a pouco empezaron a aparecer unhas figuras de rostros esbrancuxados, coa pel tensa coma a dun tambor, mesmo igual que se a fosen rachar os ósos da caveira. A procesión pasou por diante da igrexa e foise perder de vagariño entre os carballos.

Neste relato de Castroviejo, sospeitosamente literario, chama a atención o feito de que a aparición se produce nunha noite de lúa, mentres que na maioría das informacións sobre o particular observamos que é condición requirida a dunha noite moura coma alma de cacique. En Luaña, por exemplo, abonda con que brille algunha estrela para que xa non saia a Compaña.

Un dos relatos máis curiosos pola súa desemellanza coas descricións usuais da Compaña é o que no ano 1879 facía un tal E. Sobrino en “La Ilustración Gallega y Asturiana”. O narrador empeza referindo que por terras da Ulla certos días víanse unhas luces azuladas que se movían, ían e viñan, aparecían e desaparecían coma se buscasen algunha cousa indeterminada arredor da igrexa. Se temos en conta que nas igrexas aldeás case sempre estaban os cemiterios arredor do templo, no adro, unha explicación racional a este feito poderíase atopar no resplandor efémero dos fogos fatuos. A partir deste fenómeno a mentalidade labrega montaba a interpretación que mellor lle servise para asimilalo.

Os seres que formaban esta “hoste” eran enteiramente invisibles. Porén podían coller a calquera mortal que se cruzase no seu camiño, erguelo e arrastralo. E aínda máis: a vítima podía escoitar claramente as palabras que lle dirixían aqueles seres invisibles.

Na Ulla o home que se atopaba de noite coa Compaña sentíase co ánimo sobrecollido. Se botaba a andar, seguíano. Se corría, corrían tamén. Se paraba sen alento, tamén paraban onda el para a seguido poñérense a danzar arredor seu.

No medio desta procesión da Compaña pola Ulla levan unha caixa de morto, un escano, que é o ataúde, propiedade da igrexa, no que son conducidos ó cemiterio os pobres que non teñen caixa na cal ser enterrados.

(Continúa).