mércores, 1 de xullo de 2020

Ulisíada XXII

Por Far O'McKwoo

De como chegaron a recoñecerse Ulises e Telémaco.

Ó pasar polo porto, Telémaco cruzouse con Antínoo, quen, seguindo o costume de ter unha atención con el, chamouno para agasallalo con algunhas lambetadas, traizoeira convidada feita coa intención de saber se esa procura informática do pai, que lle contara Pisístrato algúns días antes, deu algún resultado; máis o rapaz, lembrando as advertencias da mestra, descúlpase con que tiña que facer os deberes e seguiu camiño.

Cando chegou ó almacén-cetaria onde arestora o mesmo Ulises acompaña ó operario, ninguén se sorprende de ver entrar ó cativo pola porta, aínda que Eumeo non agardaba tal visita. Alí non soen entrar rapaces, e daquel, aínda sendo coñecido o parentesco co seu patrón, nada lle fai desconfiar por dirixirse ós presentes dicindo que lle mandaran facer un traballo sobre o funcionamento dunha cetaria. E menos aínda se sorprendeu Ulises, á fin, aínda non se coñecen pai e fillo. Tampouco, a pesar das preguntas que o forasteiro lle leva feito ó empregado, asocia este ningún tipo de casualidade. A identidade de Ulises segue sendo descoñecida para o empregado de Laertes, e por iso tampouco lle di nada sobre o neno, que fica momentaneamente estrañado e algo avergoñado diante daquel descoñecido.

Así pois, unha vez que o rapaz lle preguntou sobre o tema de acuicultura que ha de presentar no colexio, Eumeo vaino levando por cada unha das piscinas, onde se separa o marisco por calidades, tamaños e tipos, co fin de que non se ataquen e devoren entre si, e explícalle o empregado como tamén alí, a pesar de ser un recinto cerrado onde non lles falta comida, centolas e nécoras, marcan as súas fronteiras e compiten por un territorio onde só poden estirar as patas, e atácanse só porque un entrou no terreo de outro, a pesar de que naquelas piscinas non hai máis ca un fondo liso, sen algas nin máis alimento có que o operario lles bota unha ou dúas veces ó día. E entón toma a palabra Ulises para comparar a aqueles crustáceos recluídos e mantidos por man allea, coas persoas que tamén se agriden uns ós outros por un simple traballo escravizante, por un dólar ou por un euro, por ter o que ten o outro ou porque o outro non teña o mesmo que un ten. Ulises compara esa miseria co bocado sen fame dun peixe recluído nunha piscina de engorde, onde en aparencia lle fan un ben non pedido, “porque non se dá nada gratis”. E remata asegurando que os galanos e bens regalados non tardan en cobrar facturas asoballantes e os peixes e mariscos págano nunha pota fervendo.

-Tantas veces das a volta ó mundo, arrédaste dos teus na procura da fortuna e ó final decátaste de que a fortuna é precisamente aquilo que deixaches -remata por dicirlle mirándoo de fronte .

Nese intre Telémaco fíxase algo máis no descoñecido. Aquelas palabras sóanlle de algo. El xa as ten escoitado. Tal vez a súa nai. Tal vez á mestra. Ou tal vez só sexan o froito dunha idea madurada no seu maxín aínda que nunca tivese maneira de expresala; e non sabe por que, pero nese intre vanlle os ollos ás orellas do descoñecido, á forma daquelas orellas separadas do cacho, tan doadas de recoñecer, aquelas, semellantes ás súas, que os veciños lle teñen dito que son orellas de Allo, as mesmas que ten o dono desta cetaria, de quen se di que é seu avó. E esa observación ensimesma aínda máis ó cativo que deixa de facer preguntas e fica coa cabeza baixa e os ollos revirados cara o forasteiro. Mirada incisiva que Ulises, sentado no borde dunha das piscinas non nota.

Mais Eumeo si se decata dese repentino silencio, dese ensimesmamento, desa mirada, de que o rapaz recoñece algo, e entón tamén el, como se fose un xogo de adiviñas, nas que se fan sinais, busca a razón desa mirada, lembra a conversa, as preguntas do forasteiro, a insistencia das mesmas sobre as dúas persoas en concreto que se relacionan directamente con este cativo, Laertes e Penélope, e entón identifica, tamén el, aquelas faccións familiares disimuladas pola barba, a gorra e as gafas de sol que nin aquí dentro sacou, e pregunta, así como de pasada, antepoñéndolle á pregunta a orde “Non me mintas”:

-Ti tes aquí máis do que eu teño.

Ulises asinte coa cabeza e Eumeo recoñece que o sangue tira, que as palabras atraen, que o cativo ten mirada intelixente, e que as preguntas que el lle contestou ó forasteiro durante todo o día non eran por curiosidade senón por interese e preocupación, e daquela decide abrirlles o camiño do entendemento retirándose e deixándoos sos coa desculpa de que vai ver unhas centolas que han de servir axiña para un restaurante.

-Ulises –di Eumeo querendo revelar para Telémaco a identidade do forasteiro-, ensínalle ti a este cativo como funciona a cetaria, que tamén el ten aquí máis ca min.

E o cativo sente un xúbilo interno que reprime por precaución.

(Próximo capítulo: Ulises xustifícase con Telémaco)


Ningún comentario:

Publicar un comentario