martes, 30 de xuño de 2020

SOBRE A COMPAÑA – VI


Por Pepe de Rocaforte
Proseguindo co relato de E. Sobrino con que remataba o comentario anterior, dise que o home que é vítima da Compaña síntese collido por unhas mans invisibles e metido dentro do cadaleito. E aquí empeza unha descrición na cal me gustaría que puxésedes especial atención: Dentro do escano, o prisioneiro non sabe por onde é levado; unhas veces, coa cabeza para abaixo, ten a impresión de que o soltan e parécelle precipitarse por un abismo sen fondo, cando de repente, como empuxado por unha refolada de vento, síntese levar cara ó ceu a unha velocidade vertixinosa. Outras veces parécelle coma se o escano arrandease do mesmo xeito que unha randeeira. As pólas das árbores bátenlle no rostro, as espiñas das silveiras traspásanlle a carne e esgázanlle a roupa. Oe como o fungar da presa dun muíño pola que se precipita, ou envólveo todo un súpeto silencio. Crese arrastrado por lameiros e brañas ata acabar guindado ó pé dun sibadeiro, ou no fondo dunha gabia. Vese no medio dunha ventada ou oe cheo de medo un estralar de ósos e o rinchar das táboas do cadaleito mentres lle esvaran polo rostro as longas vestiduras das pantasmas que desfilan arredor seu ata se iren afastando e perdéndose ó lonxe. Neste instante empézase a ver unha claridade incerta que medra pouqueniño a pouco. É sinal de que rematou o tormento ó que foi sometido. Entón a vítima da Compaña trata de recoñecer o lugar a onde foi levado e descubre para gran sorpresa súa que se atopa no mesmo sitio onde o sorprendeu a aparición da Estadea.
A descrición deste periplo alucinante pódese asociar, aínda coas súas substanciais diferencias, coa viaxe sabatina das meigas ó aquelarre. Vicente Risco xa reparou nas súas concomitancias e cando defendía a orixe netamente cristiá da procesión dos defuntos explicaba que «a procesión das ánimas pode ofrecer certo paralelismo con representacións paganas [...] A tradición popular confunde ás veces a procesión das ánimas cos cortexos de bruxas; pero estes mesmos casos demostran a existencia de dúas representacións independentes que se mesturan [...] Neste caso, a contaminación da idea da Santa Compaña por unha crenza máis antiga, un mito que compriría pescudar, poñendo en claro a súa relación cos mortos, e que a primeira vista parece ser un mito pagano que a cristianización transformou en cousa de diaños ou de bruxas».

Volvendo á viaxe arredor do mesmo sitio metido no escano da Compaña, a súa descrición presenta notorias semellanzas coa “viaxe” producida por certos alucinóxenos. E concretamente, aínda que sen experiencia empírica deso, faime pensar nos efectos da inxestión da chamada, se non me engano, “amanita muscaria” ou “choupín dos ananos”, ese cogumelo tan fermoso co carapucho vermello con pinchiñas brancas que medra no campo polo outono, época das máis frecuentes aparicións da Compaña, e que xa foi relacionada coa viaxe máxica das meigas na noite de aquelarre. É unha hipótese sobre a que traballou Aldous Huxley e na cal pode afondar quen se queira ocupar no asunto.
Cando a procesión das ánimas vai acompañada da Visión, por seguir a terminoloxía de Fraguas, Lisón, etcétera, o motivo do seu desfile é anunciar a morte dalgún veciño. Daquela, o home vivo que encabeza a procesión diríxese á igrexa parroquial, onde toma a cruz e chama ás almas en pena, que inician a marcha polos carreiros da aldea cara á casa do sentenciado. En Sandiás (Ourense) esta procesión sae todos os venres e remata diante da porta do que vai morrer, onde lle anuncia o pasamento tirándolle pedras ó tellado (Jesús González López).

Ningún comentario:

Publicar un comentario