Amosando publicacións coa etiqueta apego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta apego. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de decembro de 2017

Ter a alguén, aínda que sexa de trapo.



    
               Nos anos trinta, as dúas principais correntes en psicoloxía eran a psicanálise e o condutismo. Non coincidían en case nada, pero ambas aseguraban que as crianzas desenvolvían apego coas súas nais porque estas os alimentaban.
            Entón, no ano 1945, a Spitz chamáronlle a atención os chamados “nenos hospitalizados”, residentes en hospicios. Estas crianzas presentaban unha sintomatoloxía peculiar con atraso no desenvolvemento, a nivel físico, psicomotor, de linguaxe... non crecían, non falaban, non sorrían.
            Cal podía ser o problema se eses meniños tiñan cubertas todas as súas necesidades básicas? Estaban ben alimentados, tiñan abrigo...  todos os coidados que, polo que se sabía, precisaban os nenos e as nenas para crecer saudábeis. 
            Só había algo que non tiñan: unha figura de apego. Unha nai, pai ou coidador que fose sempre o mesmo. Unha persoa que lles cambiase a muda cando choraban, cando o precisaban e non cando era a hora de facelo, alguén que lles sorrise, lles falase e os apertase para poder cubrir as necesidades afectivas, toda unha novidade aínda sen explorar.
            Harry Harlow utilizou crías de monos Rhesus para estudar experimentalmente iso de que o desenvolvemento adecuado precisase de unha figura de apego máis que de unha boa alimentación.
            Proporcionou aos bebés Rhesus dúas figuras que cumprirían, cada unha, unha función materna. Unha destas figuras (“nais”) estaba feita de arame e tiña un biberón incrustado. A segunda non proporcionaba alimento, pero tiña os arames recubertos de felpa. Os monos pasaban boa parte do día apertados á nai de felpa, e o tempo xusto para alimentarse coa nai de arame. Pero ademais, estas nais de falsa pel, tiñan a función de aportar seguridade. Por iso, cando se introducían nas gaiolas bonecos mecánicos que asustaban ás crías, estas corrían a apertar ás nais de felpa e, unha vez aferradas á tea, como calquera crianza que se sabe segura, non só se tranquilizaban senón que mesmo atacaban aos bonecos dos que fuxiran segundos antes. O grupo de monos Rhesus que tivo a desgraza de caer no grupo experimental sen nais de felpa, ademais de crecer menos, non tiña a onde aferrarse e resignábase ao medo tirados no chan.
            Con todo isto, dende mediados do século pasado podemos avaliar a calidade do apego de nenas e nenos humanos. No test da “situación estraña” de Ainsworth, unha crianza entra coa principal figura de apego nun cuarto cheo de xoguetes e enfróntase a continuas saídas da nai ou pai. A veces, durante as saídas, entra unha persoa descoñecida, a veces a crianza está soa.
          Enténdese que hai unha relación sa se a nena ou neno se sente segura para  xogar e explorar cando a persoa coidadora está preto e, sobre todo, se o regreso desta figura de apego á sala calma a ansiedade que a súa ausencia puidese xerar.
                                                          Adelaida Vidal.

luns, 13 de novembro de 2017

Infanticidio indirecto, o relato do inevitábel.





            Durante os anos oitenta, a antropóloga estadounidense Nancy Scheper-Hughes realizou unha investigación participante nun barrio de fabelas do estado de Pernambuco, no Brasil. O resultado foi o libro Death without Weeping. The violence of everyday life in Brazil (A morte sen pranto. Violencia cotiá no Brasil). Un dos temas principais do estudo é o infanticidio indirecto.
            Chamamos infanticidio indirecto ao que, lonxe de ser resultado de unha acción directa como a asfixia ou os golpes, acontece pola falta de accións de coidado. En entornos con escaseza de alimentos e auga, os nenos que nacen enfermos ou con algún tipo de malformación son candidatos a sufrir o pragmatismo de investir os recursos (escasos) en quen máis proveito poida sacarlles. Cando isto acontece en familias con exceso de crianzas, a frecuencia da práctica aumenta.
            O estudo de Scheper-Hughes ten unha implicación fundamental, que é poñer en cuestión a universalidade do concepto de apego. O apego é o vínculo que se establece entre as crianzas e as súas coidadoras ou coidadores principais, e ten as funcións de dar seguridade e asegurar a supervivencia das crías.  A cantidade de apego das especies correlaciona coa cantidade de crianzas por parto ou por ovos postos. A máis crías, máis independentes nacen. A menos crías, máis mecanismos aparecen para garantir a súa protección. Algúns deles son a secreción da hormona prolactina nas nais, que activa conductas de coidado; o choro das crías para comunicar cando precisan asistencia ou os ollos enormes que as fan parecer tan tenras. Pero non aparece o apego, segundo Scheper-Hughes nas mulleres pobres das fabelas do emerxente Brasil dos oitenta, un dos países con máis desigualdade social do mundo. Así, a autora cuestiona a teoría (occidental) do vínculo, pois nos seus estudos afirma que moitas nais pobres non mostran apego cos bebés dende o nacemento, senón que nelas aparece uns anos máis tarde, cando o neno ou nena xa sobreviviu ao momento de maior vulnerabilidade. A autora propón que unha alta taxa de mortalidade infantil levou a que as mulleres desenvolvesen un mecanismo cognitivo co que protexerse primeiro da desesperación de non poder cubrir as necesidades das crianzas e, finalmente, de perdelas.
            Non se trata dunha crueldade nunca vista nin que nos quede demasiado lonxe. Aquí ao lado, en Portugal, publicouse no 1875 O Crime do Padre Amaro. Na novela, Eça de Queirós preséntanos á  Tecedeira de Anjos, unha ama de cría á que se levaban os recen nacidos dos que as familias biolóxicas non podían ou non querían ocuparse. Levábanos dicindo que coas crianzas xa se sabe, son tan débiles... que é doado que acaben en anxiños.
            A especie Homo Sapiens tivo a capacidade de crear sociedades hipócritas e desiguais, pero tamén historias e narrativas coas que facelas máis levadeiras.
                                                                        Adelaida Vidal