sábado, 6 de abril de 2024

O reloxo e a exactitude

 

                       

Asistía estoutro día á conferencia dun enxeñeiro que, puntualmente, tras mirar o seu reloxo dixital, sentou diante do atril disposto a comezar a súa disertación cando o presentador lle pediu agardar para dar eses cinco minutos de cortesía por se alguén se retrasaba. Dende o mesmo atril o conferenciante explicou que ser cortés con quen non é puntual é unha descortesía para os que xa estaban na sala á súa hora.

De todas maneiras había que saber cal reloxo era máis puntual, se o del ou o dos que faltaban. Porque ningún reloxo é exacto. Para empezar o noso fuso horario nada ten que ver co ciclo solar, que é o que nos marca os ritmos circadianos que nos indican cando durmir e cando comer.

Coma moitas outras persoas, nin a min non a Xulio nos gusta iso de andar a atrasar ou adiantar a hora segundo sexa verán ou inverno, como tampouco creo que o noso reloxo biolóxico, tan exacto el, vaia ben seguindo a hora actual. Está claro que deberíamos seguir o fuso inglés de inverno, a aínda así, na Barbanza, sempre andaríamos con un retraso de media hora con respecto ó sol.

Que o tempo non é exacto sabémolo de sempre, porque isto dos horarios é algo que nos trouxo de cabeza dende que vivimos en comunidade e temos que repartir o día segundo as necesidades que o corpo demanda en coordinación co resto das persoas.

Dende aquel primeiro pau chantado no chan para dicirnos que o sol chegara ó seu cume ou que xa ía caendo a tarde, non deixaron de aparecer sistemas, cada vez máis mellorados para medir o tempo. Viñeron os reloxos de area que había que andar a darlle volta para que non parasen, e logo a mecánica con aqueles primeiros aparellos dunha soa agulla, como o da torre da Berenguela que se esquecía dos minutos. Pero a necesidade de medir o tempo da maneira máis precisa era tal que, como a mecánica non era moi exacta, os señores levaban dous reloxos nos petos do chaleco, coas súa correspondentes leontinas, un que atrasaba e outro que adiantaba, e así, facendo a media aproximábanse máis á hora exacta, ata que se fixo necesario definir a unidade de tempo, o segundo, como unha fracción do ano ou a máis moderna que o define como a duración dun determinado número de oscilacións da radiación emitida por un isótopo de Cesio á temperatura máis baixa que se pode rexistrar no universo.

E claro que axustar un reloxo con eses parámetros non é doado. Bástanos que os modernos aparellos electrónicos, sen necesidade de mover as agullas, se axusten automaticamente vía internet a unha hora máis ou menos aceptada para que entremos e saiamos do choio á mesma hora.


Aínda así, todos os reloxos adiantan ou atrasan algo, sexan mecánicos ou de precisión atómica, incluso o máis moderno que existe, o reloxo óptico que un grupo de físicos chinos desenrolou recentemente con átomos de estroncio, tamén se desaxusta nun segundo cada sete millóns de anos.

Pero a nós ben nos vale para acudir ás nosas citas con puntualidade o que levamos no móbil, e para que o conferenciante non nos peche as portas por tardóns.

 Francisco Ant.Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario