xoves, 31 de outubro de 2013

INSCRIPCIÓNS FUNERARIAS


Por Pepe de Rocaforte      
            O nome de Jose Viale Moutinho na miña colaboración anterior tróuxome á memoria esta outra historia.
            Era na primavera de 1989. Os asistentes en Lugo a un Congreso de Escritores Galegos des­prazáranse a Mondoñedo para homenaxear a Leiras Pulpeiro, Lence Santar, Álvaro Cunqueiro e outras personalidades enterradas no cemiterio local. Entre os asistentes atopábase Viale Moutinho, quen nun á parte me comentou, en relación coas brincadeiras que aquí nos traemos a conta das inscricións en lápidas de cemiterios portugueses, que tamén nós, os galegos, tiñamos algo que rascar no asunto.
            A fin de mo demostrar convidoume para á viaxe de regreso pararmos en Vilalba e dar unha voltiña polo seu cemiterio vello. Aceptei e, nun paseo entre lápidas, puiden ver a que aquí se reproduce, sen dúbida un exemplar antolóxico.
            Repito o texto, por se na foto non se pode ver con claridade: “Aquí yace el licenciado José Fraga Iribarne. Amó tanto la justicia que se fue a ejercer la abogacía al cielo a los 21 años de edad. Villalba, 6-9-47”.
            Na outra fotografía reproduzo a Viale Moutinho fotografando a lápida.

            Por certo, para remate, nunha información aparecida na prensa do día seguinte, onde se daba conta do acto de Mondoñedo, dicíase que entre os asistentes se encontraba o escritor portugués Jose Viale Mortinho. Co seu habitual sorriso irónico, comentoume Viale: “Non é de estrañar que tratándose da información sobre un cemiterio, se lle ocorra chamarme así”.


O achádego de Osiris


Aínda que Osiris é unha divindade de orixe exipcia, no século II a.C. foi introducido o seu culto en Roma, onde cara o final do mes de outubro lle celebraban un festexo coñecido como o Achádego de Osiris. Que se prolongaba ata o día catro do mes seguinte.
Esta divindade, que merecía o culto que nas ribeiras do Nilo lle facían por ser o deus que lles ensinou ós nativos o cultivo da vide e os secretos da agricultura, tiña tanto aprecio entre os devotos, que seu irmán Seth, envexoso, con artes malignas fixo que entrase nunha caixa onde o pechou, arroxou ó Nilo, aproveitando unha crecida e a posterior inundación das terras baixas e logo aínda o despezou para que o seu corpo nunca máis volvese a ser un.
Pero tras moitos días de procura, cando as augas se retiraron facendo fértiles as terras antes asolagadas, a esposa do deus, Isis, encontrouno e foi recuperando os anacos do seu corpo, de maneira que, alí onde algún devoto quería erguerlle un templo ó benigno ser, a partir dun cacho de corpo recompoñían o resto da súa persoa con cera e o deus cobraba vida para os devotos.  O deus resucitaba así en cada templo.

Pero por se houbese dúbida sobre se a resurrección de Osiris era real ou ficticia, unha vez recuperado e refeito o corpo, Isis fornica con el e nace de tal xuntanza Horus.

martes, 29 de outubro de 2013

Un alzadeiro contra os roedores


A mellor solución contra calquera maligno becho inoportuno, ladrón ou infectocontaxioso non é a morte. A primeira lei do ecoloxismo di que todos o bechos, por moi repugnantes que sexan, son necesarios, incluíndo ás ratas de sumidoiro; e asemade ós ratos, a pesar de que contra el domesticouse ó gato. E como o gato non sempre dá abasto contra os roedores, argalláronse todo tipo de solucións para protexer os bens dunha casa. A vida no campo tamén é vida de resignación.

Unha solución contra os roedores, era este tipo de alzadeiro tan peculiar, que se penduraba do teito, e nel colgábanse os chourizos, pero tamén tiña esas baldas ou estantes sobre os que se pousaban os queixos, lonxe do alcance dos ladróns que habitan o máis humilde e honrado dos fogares, de maneira que, mantendo o producto ó aire, facilitando a súa curación, afumado nalgúns casos, e maduración, tamén se illa de ratos e gatos.

luns, 28 de outubro de 2013

Un enxeñoso transfogueiro


O transfogueiro é un simple ferro con patas que sirve para apoiar os troncos na lareira co fin de facilitar a súa combustión, pois ó erguelos facilita a circulación do aire e polo tanto o lume mantense aceso.
Vemos tansfogueiros en moitos sitios, algúns con fermosas figuras decorativas para adornar as chemineas dos pazos, pero hoxe detémonos nestes que atopamos na montaña de Lugo, onde os enxeñosos ferreiros lle argallaron un soporte para poñer cuncas e manter así o seu contido quente cando o traballo non permitía acudir coa prontitude axeitada.

Podemos dicir que era a solución de antes de que se inventase o microondas, onde se coloca a cunca ó cabo dun longo varal que a suxeita por encima do lume da lareira.

domingo, 27 de outubro de 2013

Un carreto




Un carreto curioso, dos usados na montaña luguesa para ter ós nenos recollidos, e
onde ademais de fortalecer as pernas estirándose poden sentar nese pequeno asento que se percibe entre as táboas. 
     Como vemos é un asento incómodo, que obriga ó cativo ou cativa a erguer cada pouco exercitando así as pernas. Non é un andador, pero semella que cumpre unha función para dar os primeiros pasos antes de andar sen caer.
Ten o seu pratiño para as papas e ten unha especie de asas ou asideiros para poder apartalo ou transportalo sen sacar ó neno de dentro.
Decir que tamén se lle chama a este tipo de aparellos tenteteso, pola parta de A Estrada.

O ganzo e o pasmón



Velas, candís, quinqués... os sistemas de iluminación previos á chegada da corrente eléctrica eran múltiples, pero entre eses aparellos curiosos, tal vez máis aínda polo primitivo do seu uso, está o Ganzo, que é unha vara de acivro ou uz, principalmente, seca e con algunhas físgoas ou gretas na súa madeira, de maneira que, ó acenderse poida manter unha chama acesa. A cousa está en que esas gretas permiten o paso do aire para avivar a chama, e sen elas só se conseguiría unha brasa, que non ilumina.

Esa vara que fai as veces de lanterna suxéitase co “pasmón”, un soporte que ten no extremo unha pinza para suxeitalo.

venres, 25 de outubro de 2013

O CAMIÑO PORTUGUÉS

Ponte de Ucanha
 Por Pepe de Rocaforte

            Chámanme por teléfono para ofrecerme, seica dado o meu presunto interese pola cultura galega, unha película sobre o Camiño Portugués a Santiago, a un módico prezo de nove euros, importe destinado case na súa integridade ó pago dos dereitos de autor. Eso me din.
            A chamada tráeme á memoria o meu paso, a mediados dos anos noventa, pola aldea de Uca­nha, uns quin­ce quilómetros ó sur de Lamego, onde fun ver a única ponte medieval fortificada de Portugal. Alí chamoume a atención un letreiro, semellante a outros que algún tempo atrás empezaran a verse polas estradas españolas, coa indicación de “Caminho de Santiago”.
            Ó día seguinte, no Porto, comentáballo ó xornalista Jose Viale Moutinho, quen me dixo: “Como Portomeñe continúe na Xunta (Victor Vázquez Portomeñe era daquela Conselleiro de Cultura) chegará a descubrir un camiño de Santiago a través de Angola. Xa o ve­rás”.

Viale Moutinho

            Falamos tamén da cantidade de bandeirola e restos festeiros que vira na ponte, así como un gran cartel na torre coa foto de Mario Soares, por aquel tempo Presidente da República, a quen saudaban os representantes do pobo, agra­decidos pola súa visita (realizada un par de días antes do meu paso por alí). E comenteille a Viale a fina ironía da coidadora do monumento ucanhés, quen ó lle eu preguntar como fora o encontró co presidente, respondeume: “É o segundo xefe do estado que pasa por aquí. O primeiro foi Afonso Enriques”.
            “¿Estás de brincadeira?”, retrucoume Viale. “Non, ho. ¿Por que o dís?” “Porque eso escribino eu na crónica que mandei para o Diario de Lisboa”.

            Se fose hoxe, responderíalle: “Pois vaille esixir dereitos de autor á señora. Tal vez lle poidas sacar uns nove euros segundo tarifas”.

mércores, 23 de outubro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                                       Por UM-DO-CHAO.
ESTÉVEZ.

O apelido.
Apelido patronímico e exclusivo do galego-português, sendo o seu significado filho de Estevo/Estevao… nome que (Mdz. Ferrín) viria do grego (coroa).
Muita sona ou devoçom devéu ter este santo Estevo na Europa toda (alcumado de protomártir, o primeiro mártir), dada a presença do apelido derivado em tanta língua continental: Estébanez (espanhol), Stefani/Di Stefano (italiano), Stephens (galês), Stevenson/Stephenson (inglês), Steffansson (escandinavo), Stepanovicius (lituano), Stepanov (ruso), Stefanovic (eslavo), Stephanescu (rumano), Stepanopoulos (grego), Stepanian (arménio), etc., etc. (Persoalmente conhecémos umha senhora Estefanía (Fanny) Esteves, quem seguro ignorava ter nome e apelido tam ligados entre si, quase redundantes: daquela nós nom tínhamos o conhecimento de tal para lho comentar).
José María Estévez Ruiz de Cote
Como primeiro apelido de tal grupo que resenhamos, nom estará de mais lembrarmos que os patronímicos som os mais antigos apelativos, como que nascidos na Idade Meia, e daí que se tornassem os mais abundantes e, portanto, ó paradoxo!, os mais vulgares… até o ponto de a gente de sona tratar de evitá-los, para o qual ou bem os levam em simples inicial… ou bem, direitamente, os eliminam: (Martínez) Murguía,  (Martínez) Risco ou (Rodríguez) Castelao antano, e onte e hoje o tam destratado Fernández, que foi amputado em Nan (de Alhariz) antes, e agora em Fer (Claudio Rodríguez F.) ou Fernán (M. Anxo F. Vello), por pormos meia dúzia de exemplos literários.

As personagens.
Sempre fazendo fincapé nos nom galegos, velaí vam três nomes doutros tantos países… se bem um deles galego foi, destacou longe do seu e nosso país.
1 Miguel ESTÉVEZ Díaz (1767-1812). Compostelám, ajudante de arquitecto, conservam-se os seus cróquis das duas fontes históricas corunhesas: a de Santo André (antiga da Fama) e a de Santa Catarina (ou de Neptuno); mas a sua obra persoal foi (1798) a colonial Capilla de la Caridad do hospital homónimo na cidade de Montevidéu.
2 José María ESTÉVEZ Ruiz de Cote (1789-1834). Bispo de Santa Marta (bem conhecida polo cantar Santa Marta tiene tren pero no tiene tranvía), em Colómbia, neto que foi do galego Juan Estévez. Polo seu activismo patriótico, dele dixo Simón Bolívar: “Él vale por una guarnición” e García Márquez (em El general en su laberinto -1989-) refere-se aos momentos derradeiros do Libertador (1830) quando foi sacramentado por Estévez.

Martin Sheen 
3 Ramón Antonio ESTÉVEZ Phelan (1940). Vede aí o nome oficial do actor ianqui Martin Sheen, filho de Francisco (de Parderrubias, em Salzeda de Caselas) e de mai irlandesa. Este sócio de honra do seltiña visita acotio a aldeia da sua oriundez, fixo-se  famoso a partir do seu protagonismo no filme Apocalypse now (1979) e mais actuando de presidente dos USA na série conhecida em espanhol como El lado oeste de la Casa Blanca. Além disso é pai dos tamém actores Emilio Estévez e Charlie Sheen.

O CONXUNTO “CASA CATALÁ-FACTORIA” EN A POBRA DO CARAMIÑAL


Por Kanus                           


            O fomentador catalán constrúe a súa vivenda familiar ligada á propia factoría, distribuíndose ambas edificacións sobre unha planta rectangular.
            Nun dos lados menores do rectángulo que forma toda a propiedade, cara a leste, emprázase a  vivenda (da que xa demos uns apuntes), que ten a fachada principal, coa porta de entrada cara ó mar, e cuxa soleira é de considerable amplitude, porque a través dela  tamén entraban os carros coa materia prima (sardiña) e outros productos e materiais para a elaboración do peixe, atravesando a casa por un corredor de pedra ata a fachada posterior que dá á factoría, onde se diferencian tres áreas: a chanca, o claro e o morto.
            No sur do recinto, sitúase a chanca, constituída por lagares, unha especie de pozos rectangulares de pedra onde se introduce a sardiña con sal, e se cubre  con tapas  de madeira, permanecendo deste modo o tempo necesario ata adquirir o nivel de salgadura preciso.
            Na parte central da factoría está o claro, que vén sendo unha zona de paso, pero tamén o lugar onde se  limpa a sardiña, sobre un chan lousado polo que atravesa unha canle para as augas residuais, tanto as derivadas da limpeza da sardiña como da mesma choiva.
            No norte, situase o morto, que é o lugar de prensado da sardiña, mediante as prensas dispostas para tal efecto, onde ó peixe se lle extraía a graxa ou saín, para o seu envasado e posterior comercialización como combustible, de uso principal no alumeado.
            No oeste, no fondo da factoría, é dicir, no outro lado menor do rectángulo, localízanse  diferentes estancias menores pechadas que constitúen o almacén (do sal, de aparellos e ferramentas de traballo, pequenos obradoiros, etc).

            Constructivamente a factoría está pechada ao exterior por muros de pedra, de dimensións variables en altura pero máis ou menos duns dous metros.
Interiormente, no contorno destinado a factoría obsérvanse dúas ringleiras de postes de pedra, que van de leste a oeste, que xunto cos muros exteriores sustentan dúas cubertas distintas, unha a norte, onde se sitúa o morto, e outra a sur do recinto, onde se atopa a chanca, con teito a dúas augas cada unha, armada cunha estructura de madeira e cubrición de tella do país. Entre ambas ringleiras de columnas non hai cubrición, está a ceo aberto,  é a denominada o claro.

            A factoría está inspeccionada polo encargado que dispón de despacho na parte posterior da vivenda, con ventá á factoría.

domingo, 20 de outubro de 2013

Cantigas de Pastoriça (e III)

Por José Devesa                                                                                                                           


VI
Virxiña de Pastoriza,
Pastoriña, pastorela,
Se A Cruña é coma unha lúa
Ti semellas unha estrela.

VII
Virxiña de Pastoriza.
O que pasa a tua pedra
Non perde nunca a esperanza
Nin morre fora da Terra.

(Baixando cara á vila, 30-03-75)

sábado, 19 de outubro de 2013

Pináculo nun hórreo de Rianxo.



Supoño que se vos pregunto aquela adiviña que di: Ten barbas e non é home, ten dentes e non come, todos sabedes que falo do millo, con aquela outra variante máis extensa: Nun prado moi cercano hai un frade franciscano, que ten dentes e non come e ten barbas sen ser home.
Acórdanme estas adiviñas diante deste hórreo de Taragoña, en Rianxo, que ten como pináculo unha espiga de millo, un símbolo apotropaico para esconxurar o mal e atraer a boa fortuna, unha evolución para moderno que ten a súa orixe naquel corno ou pico erguido que representaba ó deus Priapo, protector dos campos e favorecedor da multiplicación da semente. Esta non necesita máis interpretación, aquí gárdase o millo coa esperanza de que dea de si moita fariña e medre o seu contido como semente en terra fértil.
E para rematar, xa que hoxe estamos con adiviñas, a ver quen sabe esta que di: Verde nai de cabelo dourado, leva o fillo no colo cun cobertor agochado.

Quen o saiba que o diga.

xoves, 17 de outubro de 2013

SITUACIÓNS QUE SE REPITEN

Por Pepe de Rocaforte
            Dicía don Vicente Risco que cando aparecía publicado algún libro novo e se poñía en marcha a cadea de reseñas xornalísticas, colocación dun ou varios exemplares en lugar destacado dos escaparates das librerías e toda esa publicidade (daquela aínda tan escasa) para promocionar as vendas dese determinado título, el, don Vicente, non o lía, prefería deixar que o paso do tempo calmase un pouco o rebumbio e máis adiante xa decidiría se se animaba á lectura ou non, segundo lle cadrasen as circunstancias.
            Como en tantas cousas non podo parecerme a don Vicente (nalgunhas non quero), nesta tan doada de cumprir, sigo o seu consello e case nunca leo un libro en campaña de lanzamento, co cal en moitas ocasións acabo por non chegar a lelo nunca.
            Outro tanto me sucede co cine e non vexo ningunha película senón bastante despois da súa data de estrea. Non é estraño polo tanto que aínda acabe de ver agora mesmo “O desafío. Frost contra Nixon”.
            Por se alguén non está ó tanto direille que en resumen o filme trata da entrevista televisiva feita polo presentador e xornalista británico David Frost ó daquela recén demitido presidente dos Estados Unidos. A película seguramente non pasará á historia da cinematografía, pero dela chamáronme a atención particularmente algunhas das frases pronunciadas por varios personaxes ó comezo da fita. “O poder mal usado é a esencia mesma da tiranía”, dicíase nunha delas. E noutra: “En lugar da satisfacción que pensei sentir (pola demisión de Nixon), só me atopaba cada vez máis cabreado porque en ningún momento admitiu a súa culpa nin pediu perdón”.

            A propiedade con que se poderían aplicar estas frases a unha situación ben actual e próxima (pero neste caso sen demisións por medio) fanme traer aquí este comentario, aínda coa dúbida de se será lugar axeitado para el.

mércores, 16 de outubro de 2013

Muíño de man


Cando falamos de muíños, sempre nos vai a idea a esas construccións feitas a carón dos ríos, onde tantas festas se fixeron, pero hai moitos máis, sempre adaptándose ás necesidades do usuario e á forza motriz máis adecuada en cada lugar, xa de marea, xa de vento ou xa de man, coma este que atopamos no Porto do Son. Un muíño caseiro, outrora moi usado e que, coma os seus parentes maiores e máis grandes, tamén ten pé, que é a pedra de abaixo, a moa que é a pedra que se move sobre o pé, e o ollo, polo que se bota o gran para moer; e nesta moa, é onde vai unha especie de asa ou manceira para facelo xirar manualmente.

Quixemos tamén sacar o detalle do interior do ollo, onde se ven as pedras sobre as que xira a moa, o grilo ou ovo, e a ra ou cuncha, que apenas se ve.

luns, 14 de outubro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                                    Por UM-DO-CHAO.
VARELA.

O apelido.
Félix Varela
Apelido toponímico, dos mais engebres e muito abondosos da Galiza, tem duvidosa interpretaçom filológica, havendo quem o relaciona (Pardo de Guevara citando ao Licenciado Molina) coas barras, paus ou varas que loce o seu escudo, pois que di o licenciado: “Ai dellos en Castilla buenos cavalleros que llaman Varillas, trocado el vocablo gallego”; havendo quem (Navaza citado por Mdz. Ferrín) o fai derivar de valela (vale pequena na sua velha versom feminina). O mesmo Ferrín transcreve os versinhos ou refráns populares, cum certo “cheiriño sexista”, que Celso Emílio glossara assi: “Os homes divídense en tres: Varón (manda el, ela no), Varela (non manda el, manda ela) e Vareliña (manda o home… na cociña)”.

As personagens.
Entre a morea de persoeiros que levam tal apelativo, bem sabem os nossos sufridos leitores que adoitamos lhe dar preferência aos nom galegos, precisamente para demostrarmos a expansom que a nossa língua (em definitiva, a nossa cultura) tem polo mundo todo; assi que hoje vai metade e metade.

José Varela de Montes
1 Félix VARELA y Morales (Havana, 1788-1868, USA). Sacerdote, literato, jornalista, catedrático, filósofo e político, polígrafo em fim, que, polas suas ideias, se viu obrigado a se exiliar em Nova Iorque, sendo considerado o pai do autonomismo cubano.

2 José VARELA de Montes (1796-1868). Eminente médico compostelám (de quem se di atendéu no parto do que nascéu Rosalia de Castro), catedrático e tratadista da sua especialidade; chamado o filósofo-médico, marcou um fito na Medicina galega à mesma altura dos científicos européus do seu tempo.

José Pedro Varela
3 José Pedro VARELA (1845-1879). Pedagogo uruguaiano, de estirpe corunhesa, como neto de Jacobo Adrián Varela de Ulloa (1758-1818) –quem emigrara a Buenos Aires, onde é recordado maismente como capitám do Tercio de Voluntarios de Galicia no rejeitamento da invassom inglesa de 1806 e familiar do célebre marinho e cartógrafo José Varela y Ulloa (1739-1794)-, aquel é o autêntico reformador do ensino no seu país em termos de fazé-lo laico, gratuito e obrigatório. Destacam-se na Argentina vários membros desta família, da qual desce o literato Manuel Mujica Láinez (1910-1984).


4 Lorenzo VARELA (Mar da Havana, 1916-1978). Poeta galego dos grandes, de origen monterrosi, a quem se lhe dedicou o Dia das Letras 2005. Pola sua cercania parece ocioso explicitá-lo mais, recomendando a leitura da sua brilhante obra.

domingo, 13 de outubro de 2013

CANTIGAS DE PASTORIÇA (II)

Por José Devesa                                     III

Pouco hai que a Pastoriça
Se lhe poda comparar:
Dali vé-se todo um mundo,
Campo, céu, vila e mar.

IV
De Pastoriça se alvisca
A C’runha e os rañacéus
Como rogando-lhe à Virgem
Cos seus braços de cemento.

V
Baixando a costa atopei-me
Cumha nena que subia:
No meu peito ia um paxaro    
Na sua mao umha chorima.
                     (30/03/1975)
Continúa en Cantigas de Pastoriça (e III)

xoves, 10 de outubro de 2013

A “CASA CATALÁ” NA POBRA DO CARAMIÑAL


Por  Kanus
                                                          

Emprazada nun lugar privilexiado hoxe en día, como é a praia dos Areos na Pobra do Caramiñal, a “casa catalá”, podemos  distinguila doadamente entre as novas construccións e de atribución económica diferente.

Apréciase como  unha construcción pertencente a unha  familia burguesa, de fomentadores cataláns, os cales, chegaron a Galicia a mediados do século XVIII, co negocio do salgado, co que foron prosperando na terra a nivel económico e social.

Nos comezos da súa chegada, os cataláns ficaban de forma temporal, vivindo en casetos e choupanas, e cando se asentaron fixérono en terreos que non eran óptimos para o cultivo, terreos que naquela época non se valorizaban, e neles construíron a súa vivenda e a súa factoría, formando  ambas un conxunto.

Sen estudiar neste intre o interior desta construcción, atendendo so ó  que vemos cando
paseamos polo areal da Pobra do Caramiñal, observamos como a fachada principal destas vivendas dan a leste, mirando á praia, son de planta rectangular e de un so andar. Teñen os muros de pedra, cuberta de tella do país, e a carpintería de madeira.

Pero o que distingue arquitectonicamente a “casa catalá” (a fachada neste caso), é a distribución dos ocos: á dereita da porta principal hai de dúas a catro fiestras que pertencen a vivenda familiar do empresario catalá, e á esquerda da porta unha única fiestra que pertencía ó despacho do fomentador.

Actualmente, as vivendas que quedan variaron moito, subiron un segundo andar, fixeron baixos-cubertas habitables, abriron ocos con galerías ou balconadas, e tamén, outras derrúmbanse.

Palloza do Piornedo



A palloza considérase una das construccións máis arcaicas de Galicia, sempre adaptada ó terreo, propia ou común nas serras orientais de Galicia, combinando na súa construcción pedra para as paredes e colmo para o teito. Un teito moi alto e inclinado, para facilitar a caída das augas e da neve, pero tamén para evitar que o fume de dentro da vivenda fique á altura das persoas.
A palloza que hoxe amosamos é do Piornedo, no extremo oriental de Galicia, nas montañas dos Ancares. Son das poucas que quedan. Ademais destas están as do Cebreiro e algunha máis noutros lugares do concello de Cervantes, pero segundo una catalogación do arquitecto Pedro de Llano, no ano 1984 contou 300, repartidas entre Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pedrafita, polo que podemos concluír que están en período de extinción.
Nunha palloza conviven persoas e animais, separados por unha parede chamada estavariza, ademais dunha serie de aparellos ou enxoval que van permitir pasar os meses máis fríos do ano.
Todos sabemos que unha palloza é de planta redondeada, cabendo aquí todas as figuras xeométricas que coñecemos, xa elipses, ovoides ou puramente redondas, con moi poucas aberturas ó exterior, debido á necesidade de conservar a calor nos longos e fríos meses de inverno.


mércores, 9 de outubro de 2013

Esterqueiros

      Por Pepe de Rocaforte     
 Algúns dos motivos da manifestación dos traballadores de ALBADA o pasado día 5 nA Coruña trouxéronme á memoria un debuxo de Castelao en “Vida Gallega”, coa caricatura duns “tratantes de esterco” polas rúas de Santiago.
            Era aquel un traballo, entre outros hoxe desaparecidos, propiciados polas necesidades mutuas e as relacións entre as cidades e as  localidades da súa contorna.
            Na obra dalgúns escritores de inicios do século XX temos unha fonte valiosa de información sobre eses traballos. “As aventuras de Alberte Quiñoi”, de García Barros, ou “Estebo”, de Lesta Meis, conteñen información etnográfica de primeira man sobre moitas destas ocupacións: O trafego das leiteiras que ían vender á cidade o leite recollido polas casas da aldea. O das mandadeiras que comerciaban en pequena escala os productos das súas hortas suburbanas. Ou o das que ían transportar vultos ós barcos de América ou ós do correo.
            Neste aspecto é de gran riqueza o libro “Abellas de ouro”, de Lesta Meis, onde por exemplo, fala do traballo das lavandeiras, “frescas, espilidas”, co seu cantar na boca, a castigar os rils esfregando a roupa no río para logo botala a clareo polos campos de Eirís, ou colgala nos tendais e baixala unha vez seca á Coruña, ás casas onde lla deran para lavar.
            Pero volvendo ós recolledores de lixo, falábame hai anos un vello de cando, sendo el neno, viña co seu pai desde Lañas, en Arteixo, co carro das vacas buscar o esterco dos retretes da Coruña e o contento que ía de volta deitado no alto do carro enriba de toda a “mercancía” que logo usarían para estercar as leiras.
            Outro vello, este de Tarrío, en Culleredo, dicíame que aínda a mediados do século pasado viñan, tamén co carro das vacas, buscar no Muro cabezas de pescado para estercar as fincas. Neste caso contaban cun provedor que as almacenaba e lle pasaba o aviso cando tiña unha cantidade suficiente de “xénero” para vender.
Uns traballos, sen dúbida, ecolóxicos, hoxe superados. ¿Ou tal vez non?

sábado, 5 de outubro de 2013

CANTIGAS DE PASTORIÇA (I)


                      por José Devesa



I
A Virgem de Pastoriça
Nom tem os olhos pintados
Pois som os da minha nena
Que lhos deixóu emprestados.



II
Virginha de Pastoriça,
P’ra que queres os seus olhos?
Se os voltas à minha nena
Eu ch’hei de regalar outros.

                              16-03-1970.

Continúa en Cantigas de Pastoriça (II)

Un caseiro parque infantil de Cervantes (Lugo)



Os invernos na montaña eran duros antes e sono agora. Cando veñan as primeiras neves empezaremos a ter noticias de pobos illados. Por iso, os habitantes das serras orientais de Galicia habían de argallar todo tipo de aparellos e instrumentos para sobrevivir ós duros invernos.
Hoxe fixámonos neste pequeno parque infantil que nos ensinaron nunha palloza de San Román de Cervantes, e que alí chaman carreto. Nada que ver cos modernos de plástico, con espazo para gatear o neno e algún amiguiño, ademais dos xoguetes esparexidos e ata o gato se se quere.
Este é de madeira de castiñeiro, e o espazo só dá para un neno, que era colocado nese oco redondo e grande que se ve. Podía estar de pé, apoiando os cadrís no borde dese furado, e podía estar sentado co prato das papas diante para telo entretido e ben alimentado. Non era un andador, pero facía a función de axudarlle ó cativo a erguerse e manterse de pé.

Visto desde hoxe en día semella un cepo para ter atado ou limitado ó cativo, pero era un sistema seguro para que non se magoase, nin andase atravesado pola casa.
Ver tamén Un carreto

venres, 4 de outubro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                                       Por UM-DO-CHAO.
PEREIRA/PEREYRA/PÉREIRE…

O apelido.
Típico apelido botánico ou da flora. Reparade como as árvores, maiormente as frutais, adoitam ser no galego-português –mas nom sempre: limoeiro, pexegueiro, pereiro, castinheiro…- de género feminino: pereira, nespereira, laranjeira, maceira/maçaira, ameixeira, moreira, nogueira cerdeira, avelaira… E esse masculino pereiro? Segundo dizem, é a árvore dos peros, umha variedade de maçás. Pola sua banda, as peras, que agora estám no seu tempo, dérom origem a umha copla tam simpática como a que di: Polo almorço dam-me peras/ no jantar peras me dam/ na merenda pam com peras/ na ceia… peras sem pam!... o que nos ilustra da popularidade e abundância de fruita tal.
Gabriel Antonio Pereira
Ora, estes apelidos botánicos venhem propriamente dos topónimos ou nomes das vilas que os adoptárom. Vários núcleos Pereira hai tanto na Galiza como em Portugal, de jeito que é dos apelidos que som propriedade comum (assi como Pereiro semelharia ser só nosso).
Outra cousela: pareceria ser um tópico aquilo de que os que levam apelido de frutal tenhem procedência judea… Contodo…

As personagens.
1 Gabriel Antonio PEREIRA (Montevidéu, 1794.1861), presidente da República (filho do fidalgo corunhês Antonio Pereira Moscoso -1756-1838- que se afincara no futuro Uruguai, chegando a importante terratenente), fundador aquel dumha família económicamente potente e de forte impronta filantrópica nas duas geraçons seguintes (um parque céntrico, o melhor hospital infantil e o zoológico capitalinos nascérom do seu património).

Jacob Émile Péreire
2 Jacob Émile PÉREIRE (Bordeaux, 1800-1875) e seu irmao Isaac PÉREIRE (Bordeaux, 1806-1880), famosos banqueiros a nível européu, os financistas do II Império francês, eram netos dum matemático e pioneiro professor de surdomudos (Jacobo Rodríguez Pereira) pacense (seguramente de procedência portuguesa, como, dados os nomes de pia e a profissom dos netos, tamém, estes si, judéus ancestrais): um bulevar parisino leva os seus nomes.

3 Carlos PEREYRA (México, 1871-1942, Madrid, onde se radicara anos atrás), historiador, político conservador, diplomata, um dos contestadores da lenda negra espanhola em América. Sua mulher, a poeta e prosista, tamém mexicana, MARÍA ENRIQUETA Camarillo de Pereyra (1872-1968), que foi conhecida simplesmente polo nome de pia, cultivou umha seródia literatura posromántica.


xoves, 3 de outubro de 2013

As troitas de san Francisco


Ó santo de Asís témolo visto con lobos, cans e paxariños en moitas das iconas que o representan, pero cun cesto de troitas só en dúas ocasións, e as dúas en Galicia: unha no retablo do altar maior da igrexa de san Martiño Pinario, en Compostela, e a outra esta pequena imaxe de xoiería que se conserva no Museo da deputación provincial de Lugo.
A razón de tal imaxe está nunha transacción urbanística que se operou na cidade do apóstolo cando os franciscanos, facendo votos de pobreza, decidiron instalarse preto do sepulcro de Santiago.

Conseguir os cartos para facer a súa casa non era doado, ninguén se fiaba daqueles mendicantes que cubrían o seu corpo cun basto hábito de mala tea, pero, con boas mañas e inspiradas negociacións accederon a solicitar unha especie de hipoteca a longo prazo dos monxes de san Martiño de maneira que estes lle cedían un solar para o seu convento, con horta incluída, a cambio de que cada ano, polo once de novembro, día do seu patrón, os franciscanos lle levasen unha ofrenda consistente nun cesto de troitas.

mércores, 2 de outubro de 2013

San Cápito, o primeiro bispo de Lugo


       
     Non sei se haberá alguén que se lembre de san Cápito. Tampouco sei se haberá alguén que saiba cando foi o seu martirio, ou se algunha vez foi nomeado en algún acto relixioso. San Cápito, ou Capitón (que nisto nin se poñen de acordo os posibles haxiógrafos), perdeu a partida dentro do santoral e, a pesar do título de santo ninguén fala del.
            Andei preguntando aquí e aló, googleando e pedindo información ás instancias eclesiásticas, e sigo sen saber case nada da personaxe. Por iso me animei a sacar este artiguiño, invitando ós lectores que saiban algo máis del a axudarnos a coñecelo.
            Sabemos que foi o primeiro bispo de Lugo, aló polo século primeiro, que foi discípulo do apóstolo Santiago, que morreu queimado en Pontegaos, na parroquia de san Lázaro da Ponte e que as súas cinzas foron botadas nun lugar chamado Santas Masas, e nada máis.

            Non sei ata onde é certa toda esta información, pero non estaría de máis que, esta personaxe que capitanea a fachada da catedral de Lugo fose un pouco máis coñecido.

martes, 1 de outubro de 2013

Un rodamento de pedra

                                 


Hoxe vén caer nas miñas mans esta foto dun aparello de tecnoloxía enxebre. Tratase dun rodamento que, como podedes ver, nada ten de semellanza coas caixas de bolas que coñecen todos os mecánicos, nin co deseño dun aparello destes que, destinado a reducir a fricción nos eixes, xa deseñara Leonardo da Vinci aló polo Renacemento. Este é un rodamento, tamén chamado "ovo" ou "grilo" que estivo en uso ata non hai máis de cinco anos nun muíño arteixán. É o rodamento que separa o pé da roda que ha de xirar para converter o gran o fariña, e como vedes é de seixo, unha pedra máis dura ca de gran ou de lousa, con esa cabeza redondeada que nos pode falar das moitas voltas que soportou sobre outra pedra tamén de seixo chamada "ra" ou "cuncha", dos moitos contos que escoitou, das moitas noites de muiñada nas que participou, pois, como sabedes, unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira esa si que é muiñada. Moita fariña, digo eu.