venres, 31 de maio de 2013

Santo Antonio

Santo Antonio, santo Antoniño, é o o santo casamenteiro, aquel a quen as mozas invocan e veneran para solicitarlle mozo, en razón a que o santo, en certa ocasión promoveu o casamento dunha moza abocada á prostitución, ó doarlle a dote que necesitaba para atopar marido. Ben o di Rosalía:

San Antonio bendito,
Dádeme un home,
Anque me mate,
Anque me esfole.

     Existe na actualidade a confusión deste santo Antonio de Padua, natural de Lisboa, que celebraremos o vindeiro 13 de xuño, co santo Antón Abade, que ten o seu día en xaneiro e é o protector dos animais.
            Do santo Antonio que imos celebrar, tamén din as devotas que, cando non se porta ben e non favorece a aparición do mozo buscado, hai que castigalo, poñéndoo cara a parede, colgándoo polos pés, encerrándoo nun armario a escuras e incluso dándolle unhas labazadas.
            Baixo esta crenza, souben un día como unha rapaza que non se vía favorecida polo santo decidiu castigalo tirándoo pola fiestra, con tal sorte que foi caer ós pés dun tipo que, sentindo o perigo a que estivo exposto, subiu a protestar a aquela casa, e cando lle contaron a razón e viu á rapaza, casou con ela.
     Este, o da imaxe que poñemos nesta páxina, é o santo Antoniño do Xobre, na Pobra do Caramiñal, un santo con moita devoción entre as mozas casadeiras da Barbanza.

A modo de presentación

De novo imos intentalo.
     E así como os chanzos dunha escada, a cada un que subimos imos atopando máis próxima a meta a alcanzar, así tamén con este caderno pretendemos que, a cada artigo incluído, estea presente o debate, a discusión e a aproximación a cada tema desde distintos puntos de vista.
     Imos probar de novo a ver como vai isto dos blogs, eu prefiro chamarlle cadernos de bitácora, quizabes porque o mar é algo moi próximo. Aquí está Rúa, o roquedo ou pedra, ou mellor aínda esa especie de mediana que outrora lle indicaba ós bacos que entraban na ría cara onde quedaba Vilagarcía.
       Despois de ver esta foto, gustaríame que os que a miredes vos fixedes en que o arco da vella ten as cores vermellas polo lado de fóra e as azuis polo de dentro. É unha curiosidade sen máis . Quero con isto indicar que aquí vai haber historia e literatura, escrita e oral, pero tamén esas curiosidades que a ciencia nos amosa e nos descubre cada día.