venres, 29 de maio de 2015

Alexandre Finisterre



Alejandro Campos Ramírez
Non lle é difícil a ninguén atopar a biografía deste fisterrán, Alejandro Campos Ramirez, máis coñecido por Alexandre Finisterre, testamenteiro do poeta León Felipe, pero sobre todo, o inventor do futbolín; un invento que desenrolou por compaixón, mentres estaba convalecente das feridas de guerra para cuns cativos que sufrían nun hospital catalán por non poder xogar ó fútbol coma calquera outro rapaz.
Despois de moitas vicisitudes, tras patentar o seu invento en Barcelona durante a guerra e de perder con ela os dereitos da patente, volveu a patentalo anos máis tarde en Guatemala, e hoxe todos lle recoñecemos os dereitos lexítimos de tal invento, esquecendo sen embargo outros non menos meritorios como un pasador de follas, ou como o de ter sido o creador de distintos periódicos de ideoloxía republicana, o primeiro editor de Ernesto Cardenal ou correspondente da Real Academia Galega.
Hoxe, a casa onde el naceu é unha ruína na que só se manteñen en pé as pedras da fachada e esta placa dar testemuña da súa orixe, pero non estaría de máis que alguén se lle ocorrese remodelar o edificio e crear un museo do futbolín, por exemplo.

xoves, 28 de maio de 2015

Unha cruz solar en terras de Bergantiños



Esta cruz, de aparencia tan basta, dándolle as costas ós salseiros que baten nas abruptas e escarpadas ribeiras da Costa da Morte; semella marcar a fronteira entre o perigo e o sosego. A súa presencia quizabes naceu dunha fe sen propaganda ou dunha antiga crenza que despois bendiciu o cristianismo, e perdura sen máis folclore que o sentimento de cada quen. No seu centro non se representa ó fillo de Deus, senón ó mesmo Deus da eternidade, ó que lle deu vida a este mundo e lle dará a morte se algún día desaparece, o círculo do sol, a roda da vida; o máis omnipotente dos deuses, o que todo o perdoa, o que sempre está disposto a mandar unha raxeiriña que faga acougar despois da chuvieira, pero tamén o que castiga co sollazo abrasador como se mandase o mesmo lume do inferno.
Na linde dunha finca, ela marca a fronteira entre o doméstico e o salvaxe, entre o propio e o alleo lembrando que sempre hai algo que dura máis cos bens da terra.

mércores, 27 de maio de 2015

Reinoso o primeiro que anunciou a vitoria



Había un nobre fidalgo chamado Sancho González de Reinoso, que acompañando ó rei don Alonso para loitar na batalla das Navas de Tolosa, viu no ceo unha cruz dourada, indicándolle ó monarca que aquel era o   sinal que a divindade lles mandaba como anuncio dunha vitoria segura. E aínda que nese intre aínda ninguén erguera as súas armas contra o temido Miramamolín, tal visión animou ás hostes cristiás, e tal foi que o rei, tras a vitoria, en agradecemento por tan venturosa visión e interpretación da mesma, cedeulle tal cruz para o seu escudo.