martes, 31 de marzo de 2015

Madeiras para distintos usos (I)



Os mangos

            Como no inverno din que a sabia da madeira dorme e é máis doado cortar as árbores que logo se usarán para facer distintos utensilios,  supoñemos que a esta altura do ano todos temos a materia prima preparada para reparar ou facer os aparellos de uso cotián, e como tamén acabamos de pasar o tempo da poda aínda hai alguén que se retrasou na mesma, e outros que agardan a non sei que, imos dar aquí uns consellos sobre o uso das distintas madeiras segundo a opinión e consello que nos brinda o señor Basilio Varela de Loroxo, quen sempre usou para mango dos fouciños o pino, e para os dos sachos que ten a forma da pa redondeada o salgueiro e a abelá, para as forquitas, de tres ou catro dentes que se usan para cargar a herba tamén chamada galleta ou gallete, o bieiteiro que non machaca as mans, para o ranqueiro de dous gallos o espiño, que é duro e podes facer máis forza, e para a legón ou legoña que ten a pá acabado en punta o pexegueiro, que dá unhas varas moi feitiñas e xeitosas, e que por ser árbore froiteira, se non se aproveitaba dunha poda, os rapaces (e nunca os maiores) ían roubala nas hortas, aínda que fose ó pexegueiro do señor cura. Non exactamente iso que os antropólogos chaman roubo ritual, pero si roubo exculpatorio.

luns, 30 de marzo de 2015

As crebas de Ángela de la Cruz




Por  Adrog Ahcorb

Ela mesma define as súas esculturas como restos golpeados polo mar, como obxectos abandonados á intemperie, tal vez aparecidos na mallante, elementos cuxas formas e cores transformou a intemperie ou o contacto coa auga, ata converter un simple cubo branco nunha figura de múltiples engurras, vultos e golpes, como caixas que andasen mecidas polas ondas e golpeadas contra as pedras, como esas teas sen marco que as soporte ou co marco roto que colga das paredes ou estende no chan, desgarradas, que xa non son o que foron ou o que puideron ser. Ver as súas obras fainos lembrar eses restos que aparecen na praia, que aínda que non teñen a forma orixinal, a que lle dá identidade, si manteñen a esencia do que foron, que nos retrotraen a esa outra idade anterior do elemento. Son escombros (debris, en inglés), pero manteñen o celme do seu ser.
Xoga esta pintora-escultora co tempo en obras como esa caixa que se apoia nun sofá e nunha cadeira, como se todo o secreto que pode gardar estivese entre dous mundos, o rico e o pobre, o novo e o vello, o estable e o inestable.
E a pintura usada por Ángela non é o colorido vistoso, senón unha paleta máis ben escasa, o branco, o negro, o azul escuro, e o marrón principalmente. Pero é que esta obra non é para ver, senón para sentir, para deixar que nos transmita as súas sensacións. E nos faga pensar niso que vén sendo o paso do tempo, dos anos, da idade. como podemos ver no cadro “branco sucio”, onde a superficie branca mostra as marcas amarelas da descomposición que o tempo deixa na mesma pintura, ou en wet (húmedo), onde o cadro, despois de ser introducido nunha bañeira de auga e deixalo así un tempo, amosa as marcas que o nivel de auga deixa no impoluto branco do cadro.

sábado, 28 de marzo de 2015

Queixeiro

            Ademais de potas, cuncas, pratos e fontes, o enxoval en barro dunha casa ten moitas máis cousas, e entre elas, unha que moi poucas veces se ve é o queixeiro, e máis aínda a tapa, pois se ben para poñer o queixo vale calquera prato, a tapa xa é outra cousa, porque ela ha de protexelo pero tamén deixalo respirar, que se empape do ambiente, e esta que vimos en Friol, cos furados feitos para que circule o aire e a forma cónica que nos indica que nesta casa o consumo era de queixos da Arzúa e o Ulloa, queixos de “tetilla” que tan ben preparan  por toda esta zona do centro de Galicia, tamén nos fala de que a arte culinaria vai máis aló da cantidade de sal que se lle bota á comida.  

venres, 27 de marzo de 2015

Castro, os de longa e espallada estirpe.



Hai quen di que a orixe dos descendentes deste apelido remóntanse a algún nobre romano que se apelidase Castrum, quen sabe se o señor dalgunha aldea castrrexa. As crónicas medievais fálannos dun tal Nuno de Belbiches que no ano 884 chegou desde Colonia  (Alemaña para combater contra os mouros en terras hispanas e acabou casando cunha tal dona Sula, filla do conde Diego Parcielos con casa e terras en Burgos. Outros cronistas da época remontan esta estirpe ó rei Fruela de Asturias con casas en Galicia e posteriormente en Portugal. E nós pola nosa parte, vendo o diferentes que son os escudos dos Castro aragoneses e os dos galegos, cremos que puideron haber moitos Castros en distintos puntos da península Ibérica e un deles ten a súa orixe en terras galegas, posiblemente, como algúns cronistas asegura, emparentado co mesmísimo rei don García. Máis, seguindo ó Licenciado Molina, temos que a orixe vén de Don Gutérrez Hernández de Castro, que foi aio do fillo do rei don Sancho.
Como queira que sexa, os Castro galegos nin seguridade teñen co seu escudo de armas, por mentres uns aseguran que son seis arrolas azuis sobre campo branco, outro din que as arrolas son de ouro e o campo azul.