venres, 24 de novembro de 2023

FRENTE Á FRONTE

 Por Pepe de Rocaforte


Un amigo con quen habitualmente coincido pouco en opinións lingüísticas e gramaticais, mostrábase o outro día en desacordo coa miña utilización, nun texto recente, de “parladoiro”, en lugar de “palestra”. Creo que tan válida pode ser unha palabra como a outra, aínda que ningunha das dúas me agrade particularmente; pero con “palestra” teño o handicap de relacionala sempre coa lingua castelá, sección deportiva (saltan los equipos a la palestra) e por tal motivo escapo dela.

 Pero hai outras palabras nas que a miña discrepancia chega case a intolerancia. Por exemplo a omnipresente e cacofónica “grazas”, que ningún galego-falante utilizou nunca, até que os expertos lingüistas a impuxeron aínda non hai moitos anos e quedou como signo de que quen a utiliza non foi galego falante nativo.

            A este respecto vénme á memoria Xabier Puente Docampo, que en paz descanse, con quen un día falaba da miña aversión a utilización de grazas, e Xabier dicíame co seu humor retranqueiro: «Tranquilo, Pepe, abonda con que fagas coma min: di graciñas e xa está solucionado». Por certo: ¿fixouse vostede en que quen utiliza a palabra grazas é incapaz de situar correctamente os pronomes persoais? ¡Cho digo eu!

            Outra que me trae a mal traer: a palabra “fronte”. Os nosos consumados gramáticos, como dicía desta xente un autor español do século XVII, admiten a utilización de “fronte”, pero non a de “frente”. ¿Por que? Paréceme que o “frente” e a “fronte” teñen algunhas diferencias entre si. Boto man do dicionario portugués: “FRONTE”: testa, rosto, frontaría. E “FRENTE”: parte anterior, dianteira, vanguarda, fachada. En fin, ¿por que non utilizamos as dúas? ¿Que problema hai?

            E xa en plan tiquis-mikis, tal vez por ser nativo dunha bisbarra na que en certas palabras o feminino e o masculino son iguais, por exemplo mazán.  Dándolle a cada un o seu teriamos: feminino mazá, masculino mazán. E tan contentos.

            Con todo esto don Miguel de Unamuno, botando man da retranca vasca, di: «Os portugueses hoxe escriben mythologia, con y grego e th e é case seguro que deixarían de escribir así para facelo coma nós se a nosa Academia decretase que nós o fagamos coma eles».

  E para rematar cun festival de citas traerei a un autor español do século XVII de quen agora mesmo non lembro o nome, quen conta que lle dixo a un “consumado gramático” coñecido seu (frase na cal talvez me incluiría a min): «¿Que fará vostede con toda a súa gramática se non ten nada que dicir que lle interese ó público? O gramático pedante e fachendoso, para quen non hai no mundo cousa que vala dous maravedís excepto as súas gramatiquerías, foi sempre odiado polos escritores».

O padre Isla cóntanos a ortografía que aprendeu frei Gerundio na escola de Villaornate: había alí tres libriños cuxos autores “seguían rumbos diferentes e aínda opostos, querendo un que se escribise segundo a etimoloxía ou derivación das voces, outro defendendo que se había de escribir como se pronunciaba, e outro que se debía “seguir o costume”. Cada un alegaba razóns, exemplos, autoridades, citando academias, dicionarios, lexicóns ex omni lingua, tribu, populo et natione; e cada cal defendía o seu partido co maior empeño, coma se deste punto dependese a conservación ou o trastornamento e ruína universal de todo o orbe literario, convindo todos tres en que a ortografía era a verdadeira clavis scientiarum, o fundamento de todo o bo saber, a porta principal do templo de Minerva, e que se algún entraba nel sen ser bo ortografista, entraba pola porta falsa, non habendo no mundo cousa máis lamentable que o que se chamasen escritores os que non sabían escribir.

Con todo, pola miña parte nunca vai chegar o sangue ó río. Espero