xoves, 31 de agosto de 2017

FINAL DE AGOSTO

Por Pepe de Rocaforte

     Ata hai uns anos a chegada destes últimos días de agosto baixábame un tanto os ánimos e non só por se ir acabando o tempo das vacacións. O desánimo víñame producido máis ben polo remate das feiras do libro, tanto a do libro novo, como a do libro vello ou de ocasión, que visitaba con máis asiduidade.
     Actualmente pásanme estas celebracións case totalmente desapercibidas. Este ano, por exemplo, case nin cheguei ter noticia das discrepancias entre o concello e a federación de libreiros polos distintos modos de entender a planificación do evento. E nin sequera tería visitado a feira a non ser porque un día me animou un amigo a asistir á presentación da nova edición das “Cántigas de alén” de José Ángel Valente, o cal me levou a mercar o novo libro onde se recolle a produción poética en galego do autor ourensán, cun interesante prólogo de Claudio Rodríguez Fer. Por certo, aproveito a ocasión para lle recomendar este libro a quen aínda non o coñeza. Espero que lle guste.
     En canto á feira do libro vello, a estas alturas xa me ten perdido case todo o atractivo, abrumado diante das restes de portadas cheas de figuras e cores estridentes, repetidas ata o abafo nunha caseta detrás doutra, en edicións que semellan teren sido feitas directamente para vender como libro de ocasión, con títulos e autores totalmente descoñecidos, polo menos para min.
   

     Certo que, para ser xusto, tamén hai as reedicións de obras clásicas a bo prezo que ofrecen a oportunidade para novos afeccionados de acceder a imprescindibles títulos da literatura universal. Pero eu non podo deixar de lembrar con saudade aquelas librerías de vello onde te atopabas por sorpresa con libros inesperados e valiosos ó alcance do teu peto (sobre todo en Portugal, hai trinta anos un paraíso hoxe perdido). Pero por este camiño xa empezo a sentirme coma outro avó Ceboleta contando batalliñas, así que mellor será deixalo de lado.

Que vostedes o lean ben.