sábado, 30 de xaneiro de 2016
xoves, 28 de xaneiro de 2016
CRÍTICA LITERARIA
Por
Pepe de Rocaforte

Volvendo a “Fiebre y lanza”. Empecei
con ela e a primeira impresión que me veu á cabeza cando levaba entre quince e
vinte páxinas lidas, foi a de atoparme diante dun abuso de palabrería un tanto
indixesto. Como se aínda estivésemos no pasado outono, as follas caídas das
árbores formaban unha alfombra que impedía ver o “esplendor” da herba. Pero
proseguirei coa lectura, díxenme. Malo será que máis adiante non apareza un
varredor que limpe toda esta follatada. Seguramente sucede que o autor, cando
empeza a escribir unha novela, ten
certas vacilacións, aínda non está moi seguro de cómo enfocala, que camiño
tomar, etc., pero indo máis adiante todo empezará a axustarse e tomar forma
como é debido.
Ocorréuseme comentar esto cun amigo e recomendoume
botarlle unha ollada a unha páxina de internet que, segundo el, me había
interesar polas súas opinións sobre a obra de Javier Marías. Seguín as súas
instruccións e entrei aquí
Non sabía quen era Manuel García
Viñó, o autor destas críticas, e tiven que botar man do Google para descubrir
que se trataba dun profesor universitario, co seu prestixio máis ou menos
admitido, nacido en 1928 e morto en 2013, pero morto “coas botas postas”, como
di un amigo e admirador seu, deixando listos para publicar varios artigos de
crítica literaria, nos cales supoño que dispararía con balas de similar calibre
ás utilizadas contra Marías.
Pola miña parte, para non deixar todo o peso
nun lado da balanza entrei tamén neste outro sitio
E polo tanto vouno
deixar tamén á consideración de calquera posible lector deste blog. O tema
dedicado a García Viñó foi publicado o 14 de octubro de 2005 co título de “El
crítico en la cloaca”. Búsquese na columna da dereita, “Archivos de La Senda”.
A todo esto vénme á cabeza o recordo
de cando Xesús González Gómez colaboraba coas súas críticas de libros nA NOSA
TERRA e moitos autores botábanse as mans á cabeza diante da inmerecida dureza con que eran tratadas
as súas obras polo valdeorrés afincado en Barcelona. Chovéronlle por eso moitas
contra-críticas, ad hominem a maioría
delas. E pensar que aquelas reseñas do Xesús, á vista do que se ve por aí eran
verdadeiros carameliños de café con leite…
luns, 25 de xaneiro de 2016
Un respiradoiro no Saviñao
sábado, 23 de xaneiro de 2016
mércores, 20 de xaneiro de 2016
PAGAR POR ESCRIBIR
Por Pepe de Rocaforte
Hai xa
dous ou tres anos o xornalista Javier Calvo Perales prometía no seu blog non
volver escribir para ninguén se non era a cambio de diñeiro. Hoxe en día, a raíz
das informacións aparecidas na prensa nos últimos tempos, a promesa máis
axeitada, sobre todo para xubilados e pensionistas, sería non volver escribir.
Sen máis. En caso contrario corremos o risco de ver suspendida a nosa pensión
os que con tal regalía sobrevivimos.
Non sei
se o asalto a esas pensións, acadadas despois de cotizar “relixiosamente” con
cargo ós nosos soldos de cando estabamos “en activo”, parte de Fátima Báñez,
ministra da Seguridade Social no último goberno de Mariano Rajoy, ou de
Cristóbal Montoro, ministro de Facenda na mesma lexislatura, tanto me dá Xan
como a súa irmá.
Esta faena xa vén do ano 2013, pero a alarma empezouse a estender a fins de
2015 despois de que un grupo de xubilados, participantes como extras na rodaxe
da película “Ocho apellidos catalanes”, recibisen o requerimento da Facenda
para devolver do importe da súa pensión o equivalente ás cantidades cobradas no
seu debut como figurantes de cine.
En
principio moitos tomámolo a broma. Parecíanos imposible. Pero logo vimos a
noticia de que as dúas primeiras vítimas desta mesquindade parecen ser os
escritores Antonio Gamoneda e José Manuel Caballero Bonald, e agora xa se di que
outros doce autores, entre os cales están Javier Reverte e Eduardo Mendoza,
pleitean por defender o que consideran
un ataque flagrante ós seus dereitos.
As
informacións parecen aínda un tanto confusas. Por unha parte dise que o
ministerio actuará cando os importes cobrados superen os 9000 euros anuais
(salario mínimo interprofesional); pero as cantidades reclamadas ós figurantes
cataláns non parecen indicar tal cousa. A non ser que no primeiro caso se
proceda a cancelar o dereito á pensión na súa totalidade, e no outro suposto (percibir
menos de 9000 euros) detraerase o importe cobrado do que cada un percibe como
pensionista.
¿Vistes
unha cousa máis mesquiña? Sobre todo á vista das amnistías fiscais de que gozan
conspicuos defraudadores habituais. Pero esto pásanos ós que escribimos por
exercer a función de tontos de capirote. Non hai máis que ver as porcentaxes
que as editoriais lle pagan ós escritores, produtores da materia prima
editorial, para saber que a fin de contas somos a última carta da baralla e só
nos falta pagar a cama para completar a xogada.
Aínda
que aquí debo dicir que non somos os únicos nin os que nos atopamos en peor
situación. Hai dous días, na fachada da Casa do Pescador de Malpica, vin unha
pancarta onde se informaba de que o prezo medio de xurelos e xardas percibido
polos barcos da flota do cerco é de 0,50 euros o quilo. Sabedes o que nos costa
o pescado na praza, tampouco aquí compre dicir máis. Tan só mostrar solidariedade
cos pescadores que durante case tres meses estiveron acampados diante do
edificio da Xunta en San Caetano para reclamar un máis equitativo reparto das
cuotas de pesca. Eles, peor aínda ca nós, verdadeiros pringaos, están sendo ninguneados polo goberno autonómico e acábanse
de ver finalmente obrigados a levantar o campamento sen acadar resposta ás súas
reivindicacións.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)