xoves, 31 de decembro de 2015

San Silvestre, bruxas fóra.



Vasoira en man, antes de que se poña o sol habemos de limpar a casa, deixala aseada para recibir o novo ano. Pero coa vasoira tamén espantamos o mal, botámolo fóra. E quen mellor para representar tal varredura que o papa que simboliza o triunfo do ben sobre o mal, o papa san Silvestre, quen en tempos de Constantino promoveu o Edicto de Milán, polo que o cristianismo ía ser recoñecido como relixión do Imperio.
El foi o primeiro papa que non foi mártir e segundo algúns haxiógrafos o primeiro que se coroou coa tiara. E todo comezou cando o emperador, adoecido dunha enfermidade descoñecida, pediu a súa intervención para curalo, e el, desois de bautizalo, mandándolle facer xaxún e pensar nas virtudes do cristianismo durante unha semana, fixo que cada día promulgase un edicto en favor do cristianismo.
Logo o papa mandouno lavarse en auga bendicida e o emperador curou.
Cóntase que un xudeu envexoso, para poñelo a proba e con intención de avergoñalo en público, amosoulle un touro que tiña que ser sostido por cen homes, e entón Silvestre, moi sereno, acercouse ó animal e, falándolle á orella (non sabemos o que lle dixo), ó touro deulle un ataque e caeu morto, polo que axiña quixeron acusar ó santo de bruxo malvado, pero ó momento, Silvestre, facendo o sinal da cruz fixo que o touro se erguese, manso como boi castrado.
Outro dos portentos deste papa foi cando soubo dun dragón que cada día comía a cen persoas, e entón Silvestre, dono do don da palabra e da forza outorgada pola súa fe, solicitou ir el mesmo a calmar a fera. E só necesitou o papa da oración diante da cova onde se refuxiaba o monstro, para que o Espírito Santo lle dese as instrucións necesarias para salvar ó pobo de tan maligno diaño.
Silvestre abriu para a Igrexa un tempo novo, e o que vén sendo o mesmo, el foi quen pechou as portas do pasado, durante o que o cristianismo era perseguido. Por iso está no último día do ano, e por iso se invoca contra a maxia, o mal, a escuridade, as bruxas e todo o que, na mentalidade cristiá representa o Imperio romano.

mércores, 30 de decembro de 2015

LECTURAS DE FIN DE ANO



Por Pepe de Rocaforte
 
De esquerda a dereita: Ramón Cabanillas, Manuel Casás e José Caamaño.
          
Debo confesar que a miña capacidade de concentración é ínfima, calquera cousa me distrae e nestas épocas de fins e primeiros de ano, con todo o algareo que nos envolve máis ou menos a todos, o meu problema aumenta considerablemente.
            No referente a lecturas, nestes días ou ben déixoas de lado, ou ben boto man dalgunha que non requira excesivas doses de concentración ou non me pareza particularmente interesante. Agarro entón calquera libro da morea dos que esperan desde hai anos o momento de seren sacados do esquecemento e nesta ocasión correspondeulle a quenda a “Forja de delincuentes”, de don José Caamaño Bournacell.
            Para aforrar a consulta a Google direi, por se alguén non o sabe, que Caamaño Bournacell naceu en Cambados en 1909 e morreu e Madrid en 1975. Foi Inspector-Xefe do Corpo Xeral de Policía, membro da Academia Galega e autor de varios traballos de investigación histórica e de tipo turístico como “Noya. Guía histórico-turística” ou “Estampas de Cambados”.
            “Forja de delincuentes” é unha selección de artigos publicados na prensa, dos cales escollo algunhas xoias que poden dar idea de por onde ían os tiros do bo de don José. Así, no artigo titulado El ejemplo de la “dolce vita”, explicando a iniciación na delincuencia dalgún deses rapaces “descarriados”, comenta que ó seren detidos por primeira vez as súas respostas ós interrogatorios, aparentemente, nada revelan: “Nunca estiveron presos nin procesados, nin sufriron arrestos nin sancións gubernativas. Non militaron en organizacións sindicais…”, etc.
            No titulado Rebeldía y delincuencia dános unha axustada opinión “deses ídolos da música popular entre a xuventude, cuxos nomes, “Os Escarabellos”, confirman por si mesmos ese gusto dexenerado, rídiculo e repugnante” (Estase a referir ós Beatles naturalmente).
            En Al borde del abismo trata do acceso da muller ó mundo do traballo e explícanos que os países adiantados “admiten o ingreso da muller na vida pública … sempre e cando se respeite a súa debilidade característica”, aínda que nos prevén sobre o perigo que, co paso do tempo, asexa ás mulleres traballadoras, xa que “polas circunstancias ambientais que literalmente as envolven, desisten dos seus estudios e tamén dos seus principios, e case sen se dar conta, da súa dignidade”.
            En El banquete de la vida, prevennos contra o “control artificial dos nacementos” (vai de eufemismos), “unha actitude que encerra en si mesma a idea xenérica de homicidio ó malograr deliberadamente unha vida que se iniciaba”.
En Madrid, cos mozos de “Brais Pinto”, de esquerda a dereita: de pé: Bautista Álvarez, José Caamaño, Otero Pedrayo, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, Ben Cho Shey e Méndez Ferrín. Anicados: Alonso Montero, Camilo Gonsar e Fernández Ferreiro.

            Non sigo porque me parece suficiente e estas liñas estánseme prolongando de máis. Pero en resume ocórreseme pensar que xente con cultura e ideoloxía similar á de don José Caamaño Bournacell continúa sendo actualmente máis abondosa do que poida parecer, a pesar dos cincuenta anos transcorridos desde entón.
            E tal vez por eso así nos vai.